Noticias
Caixa Galicia repite o programa Vangardas Sonoras pensado para o público indie
Xénero: | 22 / 12 / 2009
Dominique A será o encargado de abrir na Coruña o ciclo Vangardas Sonoras, co que a Fundación Caixa Galicia trae o mellor da música independente a Galicia. Os concertos terán lugar de xaneiro a maio en Vigo, Ferrol, Ourense, Pontevedra e Santiago no que haberá nomes como Giant Sand, The Duke& The King, These New Puritans, Annie B. Swweet e Castanents.
Preséntase o CD e DVD do espectáculo Ovay de Quique Peón Cia.
Xénero: | 17 / 12 / 2009 + VIDEO + AUDIO
O espectáculo de danza en solitario que a acompañía de Quique Peón estreou este verán , Ovay, preséntase de novo agora no seu formato de “levar para casa”. O só de danza galega sae publicado por Falcatruada nun elegante formato DVD-book, acompañado cun CD con dez temas que conforman a banda sonora do espectáculo con música de Xose Lois Romero e Suso Vaamonde. Baile, canto, teatro, música ao vivo e sen pausa, durante 50 intensos minutos gravados ao vivo no Teatro Rosalía Castro da Coruña, e que sae agora publicado por Falcatruada. Ocay quere amosar a forma de expresión masculina e feminina empregando un amplísimo abano de movementos tradicionais galegos que evolucionan ata chegar aos nosos días. Para isto mestúranse as frases tradicionais no marco da danza contemporánea, tentando non perder o esencial, o cerne do noso espírito, a nosa expresividade e sentimentalidade. A obra vai máis aló do virtuosismo do bailarín: amósanos o seu interior, fusionando os instrumentos, o canto e o teatro co mesmo baile, e tentando que o espectador recoñeza e redescubra, a un tempo, o seu. En verbas de Quique Peón “Ovay é unha viaxe ao interior de min mesmo no que se percorren os catro puntos cardiais da ialma”.
Djunta mô
Xénero: | 16 / 12 / 2009
Chegaron desde Cabo Verde a Burela nos anos setenta seguindo aos seus maridos mariñeiros. Pero iso non lles fixo, nin de lonxe, esquecer a súa cultura, senón todo o contrario porque moitas das doce mulleres que compoñen Batuko Tabanka, aprenderon aquí algunhas das súas cancións tradicionais. Agora, da man de Pai Música e Abada Xestion Cultural recuperan os ritmos e sons da súa historia cun documental e cun disco.
Pontevedra acolle a súa segunda PechaKucha Night
Xénero: | 11 / 12 / 2009
Seis minutos e corenta segundos para presentar un proxecto, contando 20 segundos para cada imaxe. Este é o formato da Pecha Kucha Night un formato internacional que chegou a Pontevedra o pasado mes de xullo da man da Asociación de Deseñadores. Ás dez desta noite, a Sala Karma acolle a segunda edición deste evento, na que está prevista a presenza de creadores coma Andrea González, Arturo Álvarez, Baldo Ramos, Chachacha Estudio, Eva Morell, Pepe Solla e Pepe Vieira ou Rita Pajarita. No encontro amosaranse iniciativas de arte plástica, gastronomía, música, tipografía ou mesmo arquitectura e antropoloxía.
A Orquestra Sinfónica organiza un novo Festiclass
Xénero: | 11 / 12 / 2009
Catro actuacións entre xaneiro e abril de 2010 compoñen a nova edición do Festiclass que presentaba onte a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG). Desta volta, a organización aposta especialmente pola música coral. Os Nenos Cantores da OSG inician a programación o vindeiro 30 de xaneiro a interpretar Debussy e Guridi coa formación nai. No mes seguinte será a Coral Universitària Illes Balears a que acompañará a orquestra a interpretar unha peza de Ralph Vaughan Williams. En marzo prevese a actuación do propio coro da Sinfónica cunha peza de Scriabin, e o ciclo remata en abril con Arcadi Volodos ao piano e a OSG interpretando Brahms.
O VI Día do Orgullo Gaiteiro enche de música Ourense
Xénero: | 11 / 12 / 2009
O Día do Orgullo Gaiteiro volta a Ourense na súa sexta edición, que se celebra hoxe e mais mañá. Desta volta, o evento homenaxeará o gaiteiro Faustino Luís Seoane, canda a Dorothé Schubarth e Antón Santamarina, compiladores do cancioneiro tradicional galego. Schubarth e Santamarina impartirán unha conferencia sobre o seu traballo co noso legado musical. Un acto de homenaxe, actuacións musicais e unha cea completan o programa desta xeira.
Chotokoeu faise co GZ Crea de música
Xénero: | 11 / 12 / 2009
Nos últimos días coñecéronse os gañadores de tres novas categorías dos premios GZ Crea. En concreto, na categoría de música levou o primeiro premio o grupo Chotokoeu polas cancións Co paso do tempo e Tappin. Pola súa banda, María Rosa Martínez Isla impúxose na categoría de moda coa súa colección Nipona, mentres David Brey Vázquez levou o premio ao mellor graffiti con Fetosintesis. Precisamente as obras gañadoras desta última categoría estarán expostas nos vindeiros días no IES Rosalía de Castro de Compostela. Ao tempo, están dispoñibles na rede os traballos vencedores de seccións coma videocreación, banda deseñada ou carteis, entre outros.
O foro Creativa reúne a industria cultural galega e do Norte de Portugal
Xénero: | 10 / 12 / 2009
Desde hoxe e ata o vindeiro 19 de decembro, as artes escénicas, a música, o audiovisual e o produto gráfico de Galicia e do Norte de Portugal danse cita en Galicia. O Foro Creativa, coordinado pola Consellaría de Cultura e a Direcção Regional de Cultura do Norte do Ministério de Cultura portugués, abordará en 16 mesas redondas os problemas e posibilidades destes sectores. O programa inclúe ademais 13 espectáculos escénicos e musicais a cargo de creadores das dúas banda da raia. O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, adiantou que esta iniciativa, integragada no Programa Europeo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, terá continuidade co desenvolvemento dunha guía de recursos culturais e dunha axenda de eventos que se poderá seguir no web www.creativacultural.com.
Sonhos fusiona estilos desde a bossa ao pop no seu novo traballo
Xénero: | 3 / 12 / 2009 + AUDIO
Sonhos é unha formación xurdida no ano 2003 en Salamanca e que como trío xa presentaron en 2007 un disco a través do netlabel A Regueifa do que agora recuperan tres temas para a súa primeira edición en CD. O novo disco Sonhos, homónimo do grupo, ofrece nove temas máis un engadido dos que tres son versións escollidas de Bruno Martino, Meredith Wilson e Peninha e os outros seis son temas propios. A súa musica basease nunca viaxe a través de diferentes xéneros, sen fronteiras musicais e apostando pola fusión de estilos conxugando matices de fado, de bolero, de bossa, de folk, de jazz e a variedade de idiomas, con letras en galego, inglés, portugués, castelán e italiano. O disco esta editado polo grupo a través do selo Autoedita de Falcatruada e distribuído pola Lonxa Cultural. Sonhos está formado pola voz e composición de Susana Garrido, a guitarra de Jose Patricio Saura, o contrabaixo de Óscar López e a trompeta de Pedro Garrido.
A SGAE outórgalle o premio de composición Montsalvage ao galego Jacobo Gaspar
Xénero: | 2 / 12 / 2009
Jacobo Gaspar (Mos, 1975) acaba de facerse co premio Xavier Montsalvatge de Jóvenes Compositores que convoca a SGAE (a través da Fundación Autor) e o Centro para a Difusión da Música Contemporánea (CDMC). Un galardón dotado con 6.000 euros mais a edición da obra xunto coas outros finalistas. Gaspar, que é profesor do Conservatorio de Música Superior de Vigo, presentou a peza Ámbar, escrita para oito instrumentos que ten nove minutos de duración.


