Noticias
O Salón Teatro ábrese á música para presentar os últimos proxectos discográficos
Xénero: | 10 / 2 / 2010
Linho do cuco, Emilio Rúa, Ophiusa e Diego Bellón son as catro formacións que inaugurarán unha nova liña de programación do Salón Teatro. Un formato que pretende dar a coñecer os últimos traballos dos artistas galegos cun pequeno concerto. Agás esta novidade, o espazo xestionado por AGADIC seguirá fiel aos mesmos criterios de “combinar traballos feitos aquí como fóra”, segundo apuntou o seu director, Juan Carlos Fasero. Teatro, novo circo e danza serán os xéneros programados ata o mes de abril e que arrinca esta fin de semana con Saltimbanquis, o primeiro musical galego pensado para público infantil.
Ferrol crea unha asociación para promover espectáculos líricos de pequeno formato
Xénero: | 10 / 2 / 2010
Tiña teatro da ópera antes que Milán inaugurase a súa sonada Scala (1778) pero esa tradición perdeuse en Ferrol co paso dos anos. Recuperala é o que pretende a Asociación de Amigos da Lírica que se constituíu o pasado 26 de xaneiro na cidade departamental. Unha entidade que pretende promover espectáculos de lírica (ópera e zarzuela) con concertos, conferencias, conversas e a crítica. O presidente desta entidade é José Manuel Grande Morlán e o seu vicepresidente e José Castro Luaces.
Cristina Pato presenta o seu novo traballo The Galician Connection
Xénero: | 10 / 2 / 2010 + IMAXES
Nove anos despois do seu anterior disco en solitario, a gaiteira e pianista Cristina Pato lanza un novo traballo coa súa discográfica habitual, Zouma Records. The Galician Connection é o titulo deste álbum que desde o selo ourensán presentan como “ un disco íntimo, maduro e introspectivo” que segundo eles mostra “a madurez dunha artista que soubo evolucionar”. Pato ven ademais de ser parte galardoada na cerimonia dos Grammy por ter participado no disco Yo-Yo Ma and Friends: Songs of Joy and Peace que acaba de obter un destes galardóns como "Best Classical Crossover Album". Para The Galician Connection a gaiteira contou coas colaboracións de Rosa Cedrón, Victor Prieto Trío, a mezzosoprano canadense Patrice Jegou, o violín de Javier Cedrón e o seu cuarteto de corda, o bouzouki de Carlos Beceiro e unha longa lista. de amigos e artistas, incluíndo aos membros habituais da súa banda Laura Amado (voz) ou David G. Outumuro (percusión), Raquel Pato e Xan Padrón. O disco, gravado entre Nova York, Madrid, Galicia e Lisboa, é unha produción íntegra da propia Cristina Pato que ofrece 12 temas de autor compostos por Cristina Pato, Victor Prieto, Xan Padrón, Rosa Cedrón e Raquel Pato entre outros. Os temas teñen o seu título en galego tamén traducido ao inglés.
O reino da gaita
Xénero: | 10 / 2 / 2010
O mundo dos instrumentos tradicionais non é monolítico. Nel conviven desde clásicos instroducidos en pleno século XIX ata restos do paleolítico. Pablo Carpintero presentaba recentemente Os instrumentos musicais na tradición galega, unha obra que cataloga e analiza tanto os aparellos cos que se facía música e ruído como mesmo a propia idea de música da sociedade tradicional.
Sumrrá xa está a mover o seu cuarto disco polos escenarios
Xénero: | 3 / 2 / 2010
Como xa fixeran no seu disco “2” Sumrrá presentou un disco gravado en directo con tres días de concertos na Sala Nasa, un dos seus hábitats naturais. O trío formado por Xacobe martínez Antelo, Lar Egido e Manuel Gutiérrez presentou “Sumrrá 4.0” (Freecode Jazz Records)oficialmente o pasado 23 de xaneiro abrindo do ciclo Sons da Diversidade no Auditorio de Galicia en Santiago, onde tocaron pezas tamén dos seus anteriores traballos. Sinxelo no seu deseño gráfico -feito por Andrea López- as seis pezas do disco noméanse tamén segundo o título, indo da 4.1 á 4.6. O seu vindeiro concerto de presentación de “4.0” será no club coruñés Garufa o vindeiro día 12 de febreiro.
A soprano Emma Kirkbym abre a terceira edición do festival Pórtico do Paraíso
Xénero: | 2 / 2 / 2010
Para os iniciados, contar con Emma Kirkbym é todo un luxo para calquera festival de música antiga que se precie. Por iso, a súa presenza no cartel do festival Pórtico do Paraíso destaca a importancia desta cita que terá lugar en Ourense do 5 ao 14 de marzo. Pero non estará soa, canda ela o contratenor Robin Blaze e o excelente ensemble Florilegium abrirán na catedral a terceira edición dun certame no que hai outras sorpresas como o grupo un dos máis destacados cuartetos de corda europeos, The Carducci String Quartet coa clarinetista Sarah Williamson.
Cristina Pato participa nun disco premiado co Grammy
Xénero: | 1 / 2 / 2010
O disco que levou Grammy ao Mellor Álbum Clásico de Colaboracións (Best Classical Crossover Album) conta este ano cunha pequena achega galega. A gaiteira e pianista Cristina Pato participa no tema Panxoliña: A Galician Carol do álbum Yo-Yo Ma and Friends: Songs of Joy and Peace, gravado polo violinista Yo-yo Ma.
Comeza o SINSAL 8
Xénero: | 1 / 2 / 2010
O Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo acolle esta noite o concerto de Sunn O))) co que arrinca a oitava estación do Festival SINSAL. Canda ao grupo de black metal, actuarán a partir das 20:30 Eagle Twin. O programa do festival continúa con Bill Callahan o 18 de febreiro no Teatro Jofre de Ferrol e o 19 no Auditorio Caixanova de Vigo.
Arrinca na Coruña o Festiclass, o programa para popularizar a música clásica
Xénero: | 29 / 1 / 2010
Concertos a prezo reducido (entre 4 e 13 euros), facilidades de transporte (autobuses gratuitos para a área metropolitana da Coruña) e con explicación para non iniciados na música clásica. Estes son as características dunha nova edición do Festiclass, que organiza anualmente a Orquestra Sinfónica de Galicia, para conseguir captar novos públicos. A edición deste ano arrinca esta fin de semana con obras de Claude Debussy e Jesús Guridi e prolongarase (a ritmo dun concerto mensual) ata abril.
A produción galega é finalista en catro categorías dos Premios da Música
Xénero: | 26 / 1 / 2010
Álbum de música tradicional -Alborada do brasil de Carlos Núñez e ao vivo de Luar na lubre-, mellor intérprete de música clásica -a Real Filharmonía de Galicia-, mellor canción en galego -A nosa estrela de Juan Carlos Fernández Fasero-, máis coñecido actualmente polo seu traballo como director da Axencia Galega das Industrias Culturais; Madama de Guadi Galego e Nada de Carlos Bau e mellores arranxos -Carlos Núñez por Alborada do brasil- son as categorías ás que optan varios músicos galegos. Ademais, a produción galega Cela 211 está presente nos premios da música grazas á candidatura a mellor álbum de banda sonora cinematoráfica -composta polo andaluz Roque Baños-. Os gañadores da 14 edición dos premios da música daranse a coñecer o vindeiro 17 de febreiro nunha rolda de prensa.


