Ir ao contido directamente.


Noticias

Seso Durán busca a transcendencia con 'Ascensión'

Xénero: Pop | 30 / 11 / 2022

seso_ascension.jpg

Seso Durán iniciou a súa carreira musical nos anos 90 como integrante e compositor no grupo folk Liorna. Tras 10 anos afastado dos escenarios, durante os que centrou a súa actividade profesional na docencia da música, en 2017 debutou en solitario co disco "Son da Memoria" que revisaba o terror vivido en Galicia tras o golpe de 1936. Este ano Durán presentou un novo traballo, "Ascensión" (Inquedanzas Sonoras, 2022) co que marca o inicio dunha nova etapa na que Durán explora temáticas máis achegadas á actualidade. A través dos dez cortes do álbum, o artista tira de letras comprometidas que falan de cuestións relevantes e preocupantes do mundo actual: a violencia de xénero, a soidade no mundo das redes sociais, o estrés da vida dixital, o amor incondicional, a crise ecolóxica, etc. O título do álbum xorde dunha reflexión moi persoal de Durán que expresa así: "Ser humano é aburridísimo. Dalgunha maneira precisamos elevarnos: pirámides, rañaceos, relixións, récords deportivos, followers… Non abonda chegar a ser quen es. Queremos transcender, expandirnos, porque sabemos que non imos durar; nin nós nin nada do que fagamos". O disco está dispoñible en plataformas e pode adquirirse tamén a través da editora.

Dispoñible na rede o informe para a declaración da foliada como BIC

Xénero: Folk | 29 / 11 / 2022

imaxe non dispoñible

"A foliada é a manifestación musical, festiva, popular específica de Galicia e dos galegos e galegas. Caracterízase por ser unha manifestación social participativa, comunitaria, cun alto grao de improvisación e esponteaneidade tanto formal como musical, na que se producen simultaneamente o canto, o baile e a práctica instrumental da música tradicional galega, entendida esta como o resultado, aberto e en constante dinamismo dos diversos e numerosos procesos de transmisión, creación, selección e incorporación dos saberes e patrimonios musicais relacionados co ben".

Sés publica hoxe o novo álbum 'Diante un eco'

Xénero: Cantautor | 25 / 11 / 2022

imaxe non dispoñible

Xa pode escoitarse en plataformas dixitais o novo traballo de María Xosé Silvar 'Sés' do que xa se adiantará algún tema como "Cantan as balas". 'Diante un eco' é o título deste oitavo álbum da artista, que ofrece unha ducia de temas fieis no concepto ás súas características máis definitorias, actitude combativa, letras comprometidas e críticas, con perspectiva feminista e política e cunha forza que non admite filtros. De feito, neste novo disco a contundencia faise máis eléctrica e roqueira do habitual en moitos dos temas, incluíndo o de adianto ou o que dá nome ao álbum. O título do disco fai referencia á concepción cíclica da historia, que a autora ve presente na deriva sociopolítica actual. Ademais seguindo esa liña o traballo preséntase como unha volta da cantautora aos seus inicios, desde o oficio dunha carreira de once anos e a madurez.

O festival de Jazz e Blues de Ribadeo presenta a VIIIª edición

Xénero: Jazz/Blues | 23 / 11 / 2022

imaxe non dispoñible

Ribadeo acolle desde este venres unha nova edición do seu Festival de Jazz e Blues, a oitava en dez anos e que volve celebrarse tras do parón pandémico. Un cartel de artistas no que hai primeiras figuras do xénero da escena internacional, estatal e galega conforman unha oferta que se estenderá ata o vindeiro 11 de decembro e forma de concertos, ceas con concerto, masterclass, gastronomía e unha exposición que repasará a primeira década deste festival da Mariña lucense. Pablo Sanmamed Trío abrirá a programación este venres cunha cea-concerto no restaurante Javier Montero, tras o acto de apertura do festival e da exposición na Oficina de Turismo da localidade. Bandas da escena internacional como Gisele Jackson & The Shu Shu´s, Red Beans & The Pepper Sauce e Noa Lur, pasarán por Ribadeo ao igual que os cubanos Trio Mejunje, Pablo Castanho / Marcos Pin Jazz Orchestra e Los Deltonos. Carmen rey e Matabuena Trío serán os encargados de outras das ceas-concerto.

Fanny & Alexander volven cun disco reparador de perdas

Xénero: Electrónica | 23 / 11 / 2022

A_tua_ausencia_neste_ar_capa.jpg

Xa van alá máis de doce anos desde a anterior presentación dun disco do dúo compostelán Fanny & Alexander (Antes Fanny + Alexander), o proxecto musical de Efi Arias e Noel Feáns. Hoxe o dúo sorpréndenos cun novo traballo que, a pesares de ser un celebrado regreso, titúlase tristemente "A túa ausencia neste ar" e o fan da man da volta á actividade este ano do selo ARequeifa2.0, a plataforma coa que xa editaran os seus tres primeiros traballos "Lusco e Fusco" (2006), "Finais dos 70s, comezos dos 80s" (2007) e "Alfaias" (2009). Con estes tres traballos o dúo ofrecía nesa primeira década do século unha aproximación ao pop electrónico en galego e cunha ollada postpunk que era quen, xa daquela, de integrar a poesía de autoras contemporáneas con sons da nosa música tradicional, do folk e da música de cámara nunha proposta sonora que hoxe ten moitos adeptos con éxito e que merece manterse entre as escoitas habituais. O seu impacto, igual que o de algúns outros coetáneos daquel intre como Projecto Mourente e The Homens e Ataque Escampe entre outros foi tanto como para seguir a ser lembrados de moitos xeitos malia a desaparición dalgúns deses grupos. As cancións do dúo estiveron presentes en recompilacións como a feita por Galeguiza-T da "Nova antoloxía da música galega contemporánea" e tamén nos paneis da exposición "cantámola en galego" presentada o pasado 2021. A última vez que neste medio tivemos noticia sobre eles foi cando compuxeron a canción "Illa pedra", feita para a curtametraxe do mesmo título asinado por Adriana Páramo en 2010.

Máis seis milleiros de persoas forman parte dalgunha coral galega

Xénero: Coral | 22 / 11 / 2022

imaxe non dispoñible

En Galicia hai 266 corais que agrupan a unhas 6100 persoas. O 70 % dos integrantes destas entidades teñen máis de 60 anos, son maioritariamente mulleres e a súa formación é autodidacta, malia que están dirixidas por profesionais titulados. É o perfil das formacións que describe o informe "As corais en Galicia", o primeiro estudo sobre esta realidade que acaba de elaborar o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). O informe, que xa está dispoñible na web do organismo para a súa descarga, presentouse no marco da xornada 'As corais: dinamizadoras imprescindibles do tecido cultural galego', que busca achegarse á importante función divulgativa e pedagóxica que desempeñan as corais e profundar no seu papel como forzas vertebradoras e dinamizadoras do tecido cultural.

Miro Casabella percorre Galicia afondando no coñecemento da zanfona

Xénero: Folk | 18 / 11 / 2022

imaxe non dispoñible

O Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia ofrece en aberto na rede o documental de 60 minutos "Arredor da roda. De Cántigas da Terra a Miro Casabella", producido pola AC Cantigas da Terra e dirixido por Federico A. Rioboo. A Aula de zanfonas de Cántigas da Terra liderada por Miro Casabella (1946), inicia neste documental unha investigación sobre este máxico instrumento e a súa relación co Camiño de Santiago. Acompañado por dous alumnos avantaxados, Manuel Rioboo e Erea Estévez, Miro viaxa por toda Galicia na procura do organistrum, devanceiro da zanfona e presencia de honor no Pórtico da Gloria. Inclúe unha visita ao obradoiro do Xaneco, músico e mestre luthier que está a rematar unha zanfona encargada por Miro; ao Pórtico da Gloria, onde se ven os instrumentos esculpidos polos artesáns do Mestre Mateo e a interpretación de diversas pezas. Mesturando amizades con paisaxes, música de cego con clases maxistrais, os protagonistas completan un mosaico sobre a importancia deste instrumento, considerado por algúns intelectuais como a alma de Galicia.

Nova edición do encontro 'Tradición en Feminino'

Xénero: Folk | 15 / 11 / 2022

imaxe non dispoñible

Dar visibilidade e recoñecemento ao papel da muller no eido da música e o baile tradicional é o obxectivo do encontro " Tradición En Feminino que este ano chega a súa cuarta edición. A Asociación de Gaiteir@s Galeg@s (AGG) en colaboración coa Deputación da Coruña. organiza este evento que o vindeiro domingo 20 de novembro terá lugar na Casa de Rosalía en Padrón. O programa ofrece relatorios e debates que incidirán en aspectos como os estereotipos de xénero na música e o baile tradicional e as vías da súa erradicación. Ademais tamén se presentarán publicacións e proxectos. O encontro poderá seguirse tamén en liña a través do perfil de Facebook da AGG.

Morre Eduardo Coma ex-violinista de Luar na Lubre

Xénero: Folk | 10 / 11 / 2022

imaxe non dispoñible

O violinista Eduardo Coma Vega (Camagüey, Cuba, 1967) faleceu este mércores na Coruña polas complicacións derivadas dunha parada cardiorrespiratoria. O músico, que tendía pontes entre a música da súa Cuba de orixe e a música de Galicia, onde residía desde 1996, formou parte da formación folk Luar na Lubre desde 1998 e durante case 20 anos. Con eles gravou 6 discos e obtivo 6 Premios da Música. Actualmente era profesor do Conservatorio Profesional de Música de Carballo. Tanto o Concello de Carballo como Luar na Lubre tiveron palabras de pesar polo falecemento do músico. Desde o consistorio carballés decidiron dedicar a Coma a programación do Novembro Musical que están a desenvolver. Mentres, a través das redes sociais, o grupo folk declarou a súa "fonda tristura" polo pasamento, un desenlace que eles crían evitable pero non puido ser. " Sempre tivemos a esperanza de que saíras desta e te recuperaras axiña. Non puido ser e quedamos desolados coa triste nova de hoxe", dio desde Luar na Lubree engaden :"Compartimos moitas vivencias, concertos e momentos maravillosos que quedarán gravados na nosa memoria.¡Qué inxusto e doloroso!".

LaMontagne & Pico Amperio sacan hoxe o seu primeiro álbum

Xénero: Electrónica | 8 / 11 / 2022

capa_algoquesinalar_lamontagnenepicoamperio.jpg

Tras varios anos de intensa presenza nos escenarios e eventos de toda Galicia o dúo LaMontagne & PicoAmperio sacan hoxe o seu primeiro disco longo autoeditado. "Algo que sinalar" é o título deste traballo de oito temas que hoxe xa está disponible nas plataformas dixitais e que tamén hoxe mesmo, martes 8 de novembro, defenderán en directo nunha actuación no Pub Modus Vivendi en Santiago de Compostela ás 21:00 horas.

<< Inicio / Anterior . 261 a 270 de 3482 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR