Ir ao contido directamente.


Noticias

Primeiro disco no mercado do grupo Xarín, gaiteiros do Incio

Xénero: Folk | 10 / 10 / 2000

not_7456.jpg

Os gaiteiros do Incio son a festa en si mesmos. Nados nas "terras bravas" do Incio, no sur da provincia de Lugo, no 1985, o seu repertorio é un percorrido pola extensa e variada música tradicional, facendo especial mención a aquela vinculada coas terras das que proveñen: o Incio e o Caurel. O seu primeiro disco "Xarín. Gaiteiros do Incio" é froito da xuntanza coa distribuidora Zouma P.A. O disco foi gravado nos estudios Areamaster de Vigo en Abril de 1999 e na "Casa de Tolos" de Mañufre-Gondomar en Xullo de 1999. O disco contén doce temas de todos os estilos da música tradicional, pero con especial predilección por aqueles que se tocaban antigamente nas festas da zona á hora de comezar o baile agarrado. Desde os seus comezos o grupo foi evolucionando desde unha formación autodidacta ate un traballo serio de cultivo de música tradicional, da que partiron para chegar a amosar arranxos musicais cun son refrescante que tenta revivir "a auténtica festa galega, onde a música e o baile foron e serán a mesma alma do pobo."

O disco dos composteláns Ruxe Ruxe aposta polo estilo "bravú"

Xénero: Rock | 10 / 10 / 2000 + VIDEO + AUDIO

not_7450.jpg

"Ata a aboa cando muxe escoita radio ruxe". Así di unha das letras deste grupo, Ruxe Ruxe, que segue a se autodenominar bravú cando o termo xa semella ter esgotado a algúns dos seus creadores. Estes nove músicos da comarca compostelá presentan nestas datas o seu novo disco con toda unha declaración como título "Non temos medo" (Clave Records, 2000). O seu anterior traballo, o primeiro da súa carreira editárono en 1999 con título homónimo do grupo Ruxe-Ruxe. Dos catorce temas que compoñen "Non temos medo", todos agás un son composicións asinadas polo cantante, Víctor Neira. O grupo apoia as súas pezas na forza das guitarras eléctricas, no pulo dun acordeón incansable manexado por Sebas Méndez "O neno", e na achega doutros instrumentos como o violín, a gaita, a pandeireta e a frauta todo elo sen forzar a adaptación duns sons con outros.

<< Inicio / Anterior . 3481 a 3482 de 3482 .

BUSCADOR