Ir ao contido directamente.


Noticias

Fol editará o Son brasilego de Sergio Tannus

Xénero: Fusión | 26 / 11 / 2012

tannus_son_brasilego.jpg

O primeiro disco de Sergio Tannus, Son brasilego sairá en edición dixital o vindeiro 12 de decembro e chegará ás tendas fisicamente o 18 do mesmo mes. O álbum parte da formación do Sergio Tannus Trio, que integra a Serginho Sales (piano, teclados e acordeón) e Paulo Silva (percusión e voz), pero conta cunha nutrida lista de colaboradores que inclúen a Ceumar, Antonio Zambujo, Ugía Pedreira, Joao Afonso, Najla Shami, Xabier Díaz, Aline Frazão, Narf, Couple Coffee, Carlos Blanco, Emilio Rúa, Xoan Curiel ou o Coro da Rá ata un total de 40 colaboradores.

O CGAC afianza a súa relación coa música cun encontro sobre composición

Xénero: Clásica/Lírica | 22 / 11 / 2012

imaxe non dispoñible

Ensaios abertos, conferencias, concertos e intervencións musicais para falar da composición a día de hoxe. Con estes ingredientes preséntase ao público cAuSaL. I Encontro internacional de composición, unha cita que coorganizan varias entidades como a USC (no ciclo Música e Arte) a consellería de Cultura, Educación e Ordenacion Universataria e Vertixe Sonora Ensemble. A cita terá lugar no CGAC que non só será espazo físico das actividades, senón que a súa exposición O agora xa foi e o denantes será de Fernando Casás servirá de inspiración para as pezas musicais que se intepreten no concerto de clausura.

42 intérpretes compiten no XXVI edición do Premio Internacional de Piano

Xénero: Clásica/Lírica | 22 / 11 / 2012

imaxe non dispoñible

Tres fases de concertos, 42 pianistas, 18 países e 12.000 euros de premio. Mañá arrinca a XXVI edición do Premio Internacional Cidade de Ferrol. Un concurso clásico do outono ferrolá que arrinca mañá cos ensaios e a primeira fase de clasificación que se desenvolve ata o domingo. Luns e martes terá lugar a segunda fase que conclúe o xoves 29 ata o día da gran final, no que os tres pianistas elixidos actuarán acompañados da Orquestra Sinfónica de Galicia. O gañador recibirá 12.000 euros, o segundo finalista 6.500 e o terceiro 4.000. Ademais, hai outos dous premios; o mellor pianista de música española con 2.000 euros e o Gregorio Baudot que che garante un concerto.

Patricia Moon lanza Oxytocin

Xénero: Rock | 22 / 11 / 2012

not_21976.jpg

Coa definición de rock lunático, a viguesa Patricia Moon lanza Oxytocin, o seu segundo traballo discográfico. Da man de Dulcimer Songs e Emi Music, achega dez temas nos que se achega ao rock americano e aposta por un son máis eléctrico sen abandonar o violín que a caracteriza. O volume cantado integramente en inglés, achega tamén unhas letras máis íntimas, e preséntase como o resultado da experiencia da cantante en Estados Unidos.

Música con Risco enche Allariz de música galega

Xénero: Miscelánea | 21 / 11 / 2012

imaxe non dispoñible

César Morán dá a saída, o vindeiro 24 de novembro a Música con Risco, un programa musical que achegará a Allariz trece concertos de artistas galegos. O proxecto, promovido pola Fundación Risco e o Concello coa colaboración de case unha vintena de locais e entidades, prolongarase ata outubro de 2013 e inclúe propostas como as de Pel de noz, Ugia Pedreira e Fred Martins, O Leo i Arremecághona, Ses ou Resonet. Restaurantes, cafetarías, bares e diferentes locais da vila acollerán os recitais.

Mamá Cabra volta con Bicos de música

Xénero: Infantil | 20 / 11 / 2012 + AUDIO

bicos_de_musica_mamacabra.jpg

As librarías están a recibir esta mesma semana Bicos de música, o último lanzamento do grupo Mamá Cabra. Da man da Editorial Galaxia, o proxecto inclúe un libro ilustrado coas letras das cancións, un CD con dez temas cantados e dez pistas só coa música e os coros para cantar por riba e mais un DVD con karaoke e vídeos no que se segue un día completo na vida do grupo. O estilo habitual do grupo, con letras festivas e coreografías que acompañan os temas mantense neste proxecto, que de certo há ser un dos agasallos máis solicitados para os máis novos no vindeiro Nadal. O volume gravouse nos estudios Edisco da Estrada.

Virandeira debuta con Sons do Atlántico

Xénero: Folk | 19 / 11 / 2012

not_21772.jpg

Cun título que expresa a vocación céltica da súa música, Virandeira ten xa nas tendas Sons do Atlántico primeiro disco deste grupo vigués. Violín, teclado e ventos engádense ás gaitas neste traballo que achega 11 temas, na súa maior parte instrumentais. O álbum sae da man de inquedanzas sonoras, e está á venda vía web e en establecementos comerciais, ademais de poder escoitarse en plataformas como Spotify. O grupo presentará no vindeiro Culturgal, en Pontevedra, este traballo.

Mel de Meiga debuta con Crecente

Xénero: Folk | 16 / 11 / 2012

meldemeiga_crecente.jpg

Crecente é o título do álbum de debut da formación Mel de Meiga, o novo proxecto musical de Eva Carreras. A cantante, coñecida por ter participado no programa Operación Triunfo, vira a súa carreira cara ao folk cun grupo no que conta con antigos músicos de MutenRohi. Canda a ela, Carlos Campos “Kakus”, Iván Salgado, Pablo Dalama, Loren Tabarés, Leonel Vignola e Luis Manuel Pérez completan a formación. O seu primeiro traballo, editado por Inquedanzas Sonoras, presenta dez temas nos que predomina o folk con compoñente vocal e toques pop que se deixan sentir no emprego do baixo ou da batería.

Delahoja volta con Más difícil todavía

Xénero: Hip-Hop | 13 / 11 / 2012

Delahoja_Mas_dificil_todavia.jpg

Logo de 17 anos de carreira, o grupo pontevedrés Delahoja lanza hoxe, da man de Sony Music, Más difícil todavía. O álbum presenta dezaseis temas e dous bonus track de hip-hop que mesturan árabe e castelán, no estilo habitual do grupo. Entra as novidades, colaboracións de altura como as do grupo Cypress Hill (en La conexión) ou de membros de The Fear Factory ou Kie, entre outros, nun traballo que amosa un son elaborado e un importante traballo de produción. A FNAC da Coruña acolle hoxe mesmo a presentación oficial deste proxecto. O grupo confirmou xa a súa presenza na vindeira edición do festival Viña Rock.

Un libro, un disco e un estudo recuperan o Granell músico

Xénero: Miscelánea | 12 / 11 / 2012

imaxe non dispoñible

Miniaturas de Eugenio Granell: música revelada é o proxecto co que se recupera a descoñecida faceta de compositor do pintor galego. A iniciativa comprente un libro que recollerá as partituras inéditas de Granell que se descubriron nos fondos da fundación. Canda a este volume, un estudo de Sonsoles Hernández analizará a súa creación musical e un disco dirixido polo pianista cubano Alejandro Vargano amosará a sonoridade destas pezas. A Consellaría de Cultura, a Central Folque a Fundación Granell uniron forzas neste proxecto, que sae a coincidir coa celebración do centenario do surrealista. O proxecto presentarase o vindeiro 28 de novembro, e o disco darase a coñecer ao vivo cun concerto na Cidade da Cultura o 2 de decembro ás 19:00 horas.

<< Inicio / Anterior . 2191 a 2200 de 3582 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR