Ir ao contido directamente.


Noticias

O folk volta ao campo da festa

Xénero: Folk | 5 / 12 / 2012

imaxe non dispoñible

A cousa non é nova, pero nos últimos anos cada vez son máis as bandas que se achegan á tradición dun xeito máis desenfadado, achegando ritmos e instrumentos que soaban nas vilas e aldeas galegas durante a primeira metade do século XX. Instrumentos das bandas como clarinetes, saxofóns, acordeóns e pratos acompañan ás gaitas e tamborís para interpretar tangos, rumbas, mazurcas ou chotis á par de xotas e muiñeiras.

Ponte... nas ondas! compila o seu traballo nun libro-CD-DVD

Xénero: Miscelánea | 4 / 12 / 2012

na_ponte_ponte_nas_ondas.jpg

Compilar o traballo da iniciativa Ponte... nas ondas! nun volume non é sinxelo. Os coordinadores deste proxecto educativo de comunicación presentaron a pasada fin de semana, no marco do Culturgal, Na ponte, un libro-CD-DVD que amosa unha pequena parte do material producido neste tempo. No apartado sonoro, poden escoitarse vinte e tres cancións que fixeron parte desta iniciativa, da man de artistas como Xosé Manuel Budiño, Lenine, Timbila Muzimba, Xoan Curiel, SocorroLira, Aline Frazao ou Luís Pastor. A nivel audiovisual, está dispoñible o documental Pontes nas ondas ou os videoclips realizados en diferentes edicións, así como unha escolma de narración oral.

Cantos na Maré chega á súa décima edición

Xénero: Miscelánea | 3 / 12 / 2012

imaxe non dispoñible

O vindeiro 12 de xaneiro o Pazo da Cultura de Pontevedra acolle a décima edición do festival Cantos da Maré. O punto de encontro da música galega coa lusofonía contará nesta xeira con Rui Veloso desde Portugal, Chico César como representante do Brasil, Cheny Wa Gune, de Mozambique e a galega Sés. Canda a eles estará, coma sempre, Uxía, directora artística do evento e Paulo Borges como director musical. O festival presentouse esta fin de semana no marco do Culturgal, e abre a venda da súas entradas o vindeiro 5 de decembro.

Sons da Galiza, 25

Xénero: Miscelánea | 3 / 12 / 2012

imaxe non dispoñible

Cun certo atraso sobre a edición habitual, a revista Sons da Galiza chega co seu número 25, que corresponde aos meses de setembro, outubro e novembro. Os pandeireteiros de Maghúa ocupan a portada e boa parte dos contidos da entrega, que recolle tamén amplas reportaxes sobre o Festival de la Luz, Music Way, ou os novos traballos de Uxía e mais de Abóbriga.

O sector musical galego contará cun espazo propio no Womex 2014

Xénero: Miscelánea | 3 / 12 / 2012

imaxe non dispoñible

Faltan case dous anos pero o proxecto comezou ese sábado no Culturgal. Foi alí onde se presentaron as primeiras cifras do proxecto de Womex 2014, que terá lugar do 22 ao 26 de outubro dese ano en Santiago de Compostela. Non se trata só dun evento musical, senón que é a feira que dará cabida a 2.500 asistentes dun centenar de países. Os organizadores desa cita relevante para a música e a cultura galega explicaron que 70% do custe para a realización do da feira se destinará á contratación de empresas e de profesionais de Galicia. Ademais, o sector musical galego contará, como mínimo, cun escenario propio programar. A cita constitúe un fito para a promoción e internacionalización da música do país.

Rodrigo Romaní presenta As arpas de Breogán

Xénero: Folk | 3 / 12 / 2012

capa_arpas_de_breogan_romani.jpg

O instrumento musical que máis caracterizou a carreira musical de Rodrigo Romaní reclama todo o protagonismo en As arpas de Breogán, terceiro disco do músico. O proxecto conta con duas arpas, voces, contrabaixo e percusión en formato de cuarteto, acompañados por ocarinas ou elementos de ambientación electrónica. O volume recolle adaptacións de temas tradicionais, como Mi morena canda a composicións propia como a suite As arpas de Breogán, nos que o autor se achega á música clásica.

O Festival do Norte ameaza con deixar Vilagarcía

Xénero: Indie | 30 / 11 / 2012

imaxe non dispoñible

O Concello de Vilagarcía non incluíu este ano o Festival do Norte na súa lista de subvencións directas. Segundo o concelleiro de Cultura, Francisco González, a intencion do consistorio é coñecer polo miúdo os proxectos da organización do evento antes de consignar unha contía concreta, no lugar de outorgarlle unha subvención previa fechada e nominativa. Os responsables do evento, unha das citas musicais de referencia do verán galego, anunciaron que de perderen o apoio económico do concello, trasladarían o festival. O evento xa víu diminuír en preto dun 50% a achega municipal na súa última edición.

Silvia Penide regresa con Animal de compañía

Xénero: Cantautor | 29 / 11 / 2012

animal_companhia_s_penide.jpg

O quinto disco de Silvia Penide está xa á venda. Animal de compañía está composto por dez temas nos que a cantautora, acompañada da súa banda Los Animales, amosa un son máis complexo e letras máis fondas. Segundo Penide, o disco evoluíu a partir da pintura de Tapiés e do traballo musical do brasileiro Hermeto Pascoal. Gravado ao vivo nos estudios Abrigueiro, con produción de Arturo Vaquero e a propia Silvia Penide, o disco preséntase ao público o 1 de decembro ás 18:30 no marco do Culturgal, en Pontevedra.

Chegan as I Xornadas Arredor da Música Tradicional

Xénero: Folk | 27 / 11 / 2012

imaxe non dispoñible

A Asociación de Gaiteiros Galegos organiza as I Xornadas Arredor da Música Tradicional, un encontro que se desenvolverá os vindeiros 15 e 16 de decembro en Lugo. O evento, que está orientado a afeccionados e profesionais deste sector, servirá para presentar diferentes proxectos e investigacións arredor do noso folclore musical, así como o de Zamora, Portugal, Euskadi ou asturias. Iniciativas didácticas como Son do fol, o traballo do grupo Os Chichisos, o Cancioneiro de Cabana de Bergantiños ou as últimas investigacións de Pablo Carpinteiro son algunhas das iniciativas que se derán a coñecer neste encontro.

Tonhito de Poi volta con O soro da verdade

Xénero: Miscelánea | 27 / 11 / 2012

SoroDaVerdade-capa.jpg

O soro da verdade é o título do novo proxecto de Tonhito de Poi. A amosar a súa experiencia vital e mística na Amazonia peruana, o artista de Ribeira publica un disco no que recolle fragmentos das cerimonias nas que participou, cánticos medicinais e sons da selva canda á creación musical do autor, que se achega ao estilo chill out ou á música de meditación. O disco incorpora un libro, Diario da viaxe cósmica á Amazonía, diario que escribiu o músico durante a súa experiencia, ademais poderá accederse a unha pista de vídeo con imaxes gravadas polo músico.

<< Inicio / Anterior . 2181 a 2190 de 3582 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR