Ponte... nas ondas! compila o seu traballo nun libro-CD-DVD
decembro 4, 2012
Compilar o traballo da iniciativa Ponte... nas ondas! nun volume non é sinxelo. Os coordinadores deste proxecto educativo de comunicación presentaron a pasada fin de semana, no marco do Culturgal, Na ponte, un libro-CD-DVD que amosa unha pequena parte do material producido neste tempo. No apartado sonoro, poden escoitarse vinte e tres cancións que fixeron parte desta iniciativa, da man de artistas como Xosé Manuel Budiño, Lenine, Timbila Muzimba, Xoan Curiel, SocorroLira, Aline Frazao ou Luís Pastor. A nivel audiovisual, está dispoñible o documental Pontes nas ondas ou os videoclips realizados en diferentes edicións, así como unha escolma de narración oral.
O libro, pola súa banda, recolle as sinopses dos relatorios do Congreso Internacional Pontes de cultura, pontes de futuro canda a un resumo da historia da iniciativa.
O proxecto, desenvolvido da man de PAI Música, continúa cunha serie de emisións radiofónicas ao vivo que se desenvolverán por Galicia e o Norte de Portugal da man de Xurxo Souto, e que botaron a andar este domingo no Culturgal.