Ir ao contido directamente.


Noticias

Berrogüetto inicia na Coruña a súa Xira de andar por casa

Xénero: Folk | 19 / 12 / 2012

imaxe non dispoñible

Unha Xira de andar por casa é a proposta de Berrogüetto para estas festas. Os sete membros do grupo "poñen batín e zapatillas" para unha serie de sete concertos que serán, por vez primeira na carreira do grupo, integramente acústicos. Ademais do seu repertorio propio, interpretarán cantos de Nadal nun proxecto que pretende buscar o achegamento co público. As entradas, xa á venda, cubrirán todos os custes da xira. O Teatro Colón da Coruña abre o día 22 a iniciativa, que seguirá por Lugo o 23, Santiago o 27, Ourense o 3 de xaneiro, Vigo o 4 e Narón o 12.

Crear en 2012 (I)

Xénero: Miscelánea | 19 / 12 / 2012

imaxe non dispoñible

É certo. Esta ano houbo crise por todas partes e, como non, nas industrias culturais. No entanto, non a todo o mundo lle afecta do mesmo xeito, e se no caso das letras estamos a vivir fondas mudanzas como, por exemplo, a práctica desaparición de espazos para a crítica literaria, semella que a música está no seu esplendor creativo, e que a banda deseñada continúa unha marcha firme e continua. Falamos destes ámbitos cos nosos especialistas.

Marcos Teira presenta Flamenco Translations Solo Guitar

Xénero: Miscelánea | 18 / 12 / 2012

marcos_Teira_translations.jpg

Doce versións en guitarra flamenca de clásicos como La flor de la canela, Alfonsina ou mesmo Day Tripper, dos Beatles. Esta é a última proposta de Marcos Teira, que acaba de lanzar Flamenco Translations Solo Guitar. O disco autoeditado fai parte do proxecto didáctico deste músico Flamenco Translations, que consiste en obradoiros, un método de ensino e mais unha serie de CDs que comezan con este.

Ouvirmos presenta Guitarra Clásica Galega

Xénero: Clásica/Lírica | 14 / 12 / 2012

guitarra_clasica_Samuel_Diz.jpg

Dezaseis composicións para guitarra clásica feitas por autores galegos desde os anos 30 ata os nosos días. O selo Ouvirmos continúa co seu traballo de recuperación do patrimonio musical do país con Guitarra Clásica Galega, un disco no que Samuel Diz é o encargado de interpretar dezaseis temas de autores como Rosa García Ascot, Jesús Bal y Gay, Frederic Mompou, José Chás, Oswaldo Oro ou Paco Barreiro entre outros. O álbum, lanzado coa colaboración da Consellaría de Cultura, preséntase cun concerto ás sete desta tarde no Museo do Mar.

Nace Discos da Máquina

Xénero: Miscelánea | 13 / 12 / 2012

imaxe non dispoñible

"Un proxecto cooperativo que trata de sumar os esforzos dos grupos para que os resultados poidan lerse en clave de multiplicación". Esta, é aproximadamente, unha definición do que pretende ser Discos da Máquina. A iniciativa, que saía onte á luz, reúne os conxuntos Ataque Escame, Das Kapital e A Magnifique Bande dos Homes sen Medo coa intención de abordar por xunto tarefas de autoxestión e darlle saída aos seus produtos. O proxecto preséntase ao vivo o vindeiro 22 de decembro cun concerto na Sala Capitol. No evento poderá adquirirse o primeiro traballo que xorde no seo desta iniciativa, o EP Noites de agosto con Ataque Escampe.

Cantigas de mulleres achega unha escolma de voces femininas

Xénero: Folk | 13 / 12 / 2012

cantigas_de_mulleres_capa.jpg

Guadi Galego, Marful, Sés, Rosa Cedrón e Cristina Pato, Doa, María Manuela, Mónica de Nut ou Malvela son algunhas das voces femininas que se atopan en Cantigas de mulleres. Uxía Senlle coordinou este proxecto que lanza Fol Música e que compila 17 temas cantados, e nalgúns casos compostos por músicas galegas. Con este disco reivindícase a importancia do papel da muller no noso panorama sonoro. "Somos moitas as mulleres na composición, non só as intérpretes. Non somos só voces transmisoras do que outros escriben....cada vez somos máis as mulleres autoras: creadoras de textos e melodías que nos expresan e reivindican; voces que atronan contra o silenciamento e entoan cántigas tecidas coas nosas emoción", sinala Uxía na presentación do proxecto.

Fernando Barroso e Luís Peixoto lanzan Pop

Xénero: Folk | 12 / 12 / 2012

pop_peixoto_barroso.jpg

Non contentos co seu traballo no seo de Assembly Point, e da participación en bandas como Os Cempés, Anxo Lorenzo Band ou Riobó, Fernando Peixoto e Luís Barroso debutan como dúo no campo da música de raíz. Pop, o seu flamante disco, achega 15 temas, na practica totalidade de composición propia, que amosan as mestría coas cordas dos dous músicos. Guitarras, bouzouki, mandola, guitarra portuguesa, viola braguesa, cavaquinho, mandolina ou banjo mestúranse na música deste traballo, que se gravou no estudio A Ponte.

Os da ría presentan o Disco díscolo

Xénero: Miscelánea | 10 / 12 / 2012

disco_discolo_osdaria.jpg

Arturito e Fabián, alter egos musicais de Carlos Meixide e Tomás Lijó, teñen xa disco como Os da ría. O apoio acadado na plataforma Verkami permitiulles autoeditar o Disco díscolo, un volume que recolle os temas que levan xa máis de dez anos a interpretar por escenarios de todo o país, como Chinchín polo borrachín do pueblo, Infanta Elena, Alberte Núñez Feixóo, Sin duda leo a Neruda, Miguel Delibes, A Conga de Uxío Novoneyra ou Caramba que guapa estás, Galicia, entre outras. Para a gravación, o dúo contou co apoio de Eneko Toba (Xabier Olite) á guitarra, Roque Permuy (Roi Fernández) ao baixo, Ramón Reynolds (Ramón Rúa) á batería e mais Suso Pián (Suso Alonso), aos teclados.

Chega o IX Día do Orgullo Gaiteiro

Xénero: Folk | 10 / 12 / 2012

imaxe non dispoñible

O Día do Orgullo Gaiteiro, a celebración que a aula de música tradicional Gomes Mouro organiza cada ano en Ourense, chega á súa IX Edición os vindeiros 13, 14 e 15 de decembro. Emilio do Pando, recuperador do birimbao en Galicia e mais o artesán e gaiteiro Rubén González serán homenaxeados nesta xeira. Ademais, haberá conferencias como a de Cástor Castro sobre O gaiteiro de texas, un curso de gaita de fol, concertos e obradoiros. Tamén se presentará Sanfonices, libro CD de homenaxe a Faustino Santalices que edita Difusora.

O Festival itinerante 981Heritage leva á Coruña a música electrónica

Xénero: Electrónica | 7 / 12 / 2012

imaxe non dispoñible

Comezaron en Madrid (outubro) e en Londres(novembro) e o vindeiro 15 de decembro chegarán á Coruña. O festival de Música electrónica, Festival 981heritage, pecha no Playa Club as itinerancias deste ano. O modelo será o mesmo, un maratón de música electrónica (máis de doce horas de música ininterrompida), con propostas chegadas de diferentes partes. A nota galega o vigués Diego Cobo aka Mwëslee, e os coruñeses Dj Judah e Lendrone. Precisamente este último grupo publicará en 2013 UNO (discográfica Matapadre), un LP e un álbum de 11 temas.

<< Inicio / Anterior . 2171 a 2180 de 3582 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR