Noticias
Nouvelle Cuisine lanza Mientras tanto (Colección otoño/invierno)
Xénero: | 15 / 1 / 2013
Mientras tanto (Colección otoño/invierno) é o título do EP que acaba de presentar o grupo coruñés Nouvelle Cuisine. O disco, autoetidato, recolle seis temas na liña de pop electrónico do grupo. O proxecto gravouse en ad hoc (local sinfónico) e masterizouse en nexo 101 studio. Para alén da edición física pode escoitarse de xeito íntegro no web Bandcamp. O grupo presentou o esta traballo cun concerto na sala Mardi Gras o pasado 29 de decembro, sen que teñan anunciado polo momento novas datas.
Esquíos presenta un disco ao vivo
Xénero: | 11 / 1 / 2013
O primeiro disco de Esquíos ao vivo está xa dispoñible para descarga na rede. Esquíos ao vivo!(Capitol) recolle o concerto que o grupo deu o 19 de maio de 2010 nesta sala compostelá, para presentar Galician carraxe on garaxe. A obra recolle 22 temas propios e mais unha versión de Radio Océano, e foi gravada pola Radio Galega e emitido no programa Planeta Furancho. O grupo pon agora na rede o traballo íntegro para a súa descarga de balde como un agasallo de reis.
Xancarajazz acolle a primeira Reggae Jamming
Xénero: | 10 / 1 / 2013
Músicos de Zamaramandi, Transilvanians ou Meninos Carentes serán a base da I Muu! Reggae Jamming que se celebra na noite de mañá no pub Xacaranjazz de Vigo. A partir das doce da noite abrirase un espazo aberto á improvisación partindo os ritmos do reggae, na que pode participar calquera que leve un instrumento. A Asociación Minho Reggae xunto a Muu! Studios son os responsables da proposta, que pretende agrupar os principais representantes da música xamaicana do Sur de Pontevedra e amosar que existe un espazo para este estilo na noite de Vigo.
Novos proxectos discográficos apostan polo crowdfunding
Xénero: | 9 / 1 / 2013
Catro grupos galegos chaman á colaboración do público para lanzar os seus novos discos. A plataforma de crowdfunding Verkami acolle as propostas destes grupos. Así, Nao dispón aínda de 24 días para completar os 5.000 euros aos que aspiran para publicar o seu terceiro disco de estudio Cancións de amor e liberdade. Pola súa banda, Konflikto quere reunir 3.000 euros para o seu segundo CD, Ratas urrakas y cuervos, e dispón de 15 días para os completar.
O son do surrealista
Xénero: | 9 / 1 / 2013
O centenario de Eugenio Granell que se celebrou no pasado 2012 deixounos, como unha descuberta, a vertente musical deste pintor surrealista. Da man da Central Folque, e co apoio da Consellaría de Cultura, presentouse o libro disco Miniaturas de Eugenio Granell: Música revelada, un traballo no que o jazzista cubano Alejandro Vargas reinterpretaba as notas musicais de Granell en dez temas que amosan un son no que se mestura a tradición musical galega, a vangarda ou o jazz. Logo de presentar o proxecto na Cidade da Cultura, están agora dispoñibles na rede fragmentos daquel concerto, que nos permiten coñecer ao vivo o talento musical do pintor.
Cristina Pato lanza Migrations
Xénero: | 8 / 1 / 2013
Roots and jazz from NYC é o lema que acompaña a Migrations o disco que acaba de presentar Cristina Pato desde Estados Unidos e que chegará ás tendas o vindeiro día 15. A gaiteira sinala que o proxecto quere servir como unha nova presentación do seu traballo a partir dos seus dous instrumentos predilectos, a gaita e o piano. Bases tradicionais reinterpretadas cunha importante base rítmica e toques de jazz marcan o eixe deste traballo, no que se atopan muiñeiras (Muiñeira for Cristina, Muiñeira de Carmen), jotas ou pandeiradas (Pandeirada Bestia) canda a temas coma Dindi ou Blue in Green.
Pedraquetiña presenta Cantares
Xénero: | 2 / 1 / 2013
Tres xeracións de cantareiras de Toutón (Mondariz) danse cita en Pedraquetiña, un proxecto musical que pretende recuperar os sons dos seráns. Logo de varios anos de traballo, agora tiran á luz Cantares, un disco gravado no estudio Casa de Tolos no que o grupo amosa o seu bo facer con 14 temas que mesturan as melodías e letras tradicionais con composicións propias. En total son dez cantareiras, dúas gaitas, tambor, bombo e acordeón que dan un son centrado na percusión (pandeiretas, cunchas e tarrañolas). O álbum sae á luz da man de Treixadura Gaiteiros Música.
Falece Raúl Piñeiro, produtor e divulgador do folk
Xénero: | 2 / 1 / 2013
A morte sorprendía a Raúl Piñeiro o pasado 27 novembro na súa casa familiar de Alongos, en Toén. Produtor, manager e divulgador da música folk, Piñeiro desenvolveu un importante labor na difusión internacional dos sons de raíz galega, sendo un dos responsables da recuperación do Festival de Ortigueira, que chegou a dirixir, ou do desenvolvemento do de Moaña. Ademais, coordinou os congresos o Mundo da Gaita e deu a coñecer no noso país moitos dos músicos do folk irlandés e de Bretaña, onde tiña abondosos contactos.
O Celtic Connections contará con Berrogüetto, Carlos Núñez e Uxía
Xénero: | 28 / 12 / 2012
Carlos Núñez abrirá, o vindeiro día 19 a participación galega no coñecido Festival Celtic Connections, que se celebra en Glasgow. O gaiteiro actuará coa Royal Scottish National Orchestra e recuncará o 23 de febreiro en compañías de Philip Pickett and Musicians of the Globe Two Pipers Piping. Berrogüeto actuará o vindeiro 26 de xaneiro coa Michael McGoldrick Band. Pola súa banda Uxía compartirá escenario con Cruinn o día 1 de febreiro e con The Poozies o día 3.
Franc3s lanza Campanas de fuego rosa
Xénero: | 28 / 12 / 2012
Cunha dupla edición de vinilo con CD e CD, Franc3s lanza ao mercado o seu segundo álbum. Campanas de fuego rosa presente once temas nos que o grupo mantén a súa liña de garage/post punk escuro e denso. O álbum, editado por Limbo Starr está dispoñible de xeito íntegro para a súa escoita en Bandcamp e en plataformas como Spotify e iTunes. O grupo presentará este traballo mañá sábado cun concerto na compostelá Sala Moon a partir das 22 horas.


