Noticias
Os Melidaos lanzan Axudádeme a cantar
Xénero: | 24 / 1 / 2013
Logo de máis de dez anos de carreira, o grupo Os Melidaos acaban de presentar o seu segundo disco. Axudádeme a cantar incorpora voces á formación de gaitas, percusión, clarinete e acordeón, e achega catorce temas tradicionais e de composición propia, como Pasodobre de Marcelino ou Pasando pola vila de Arzúa, sempre cun marcado respeto ao legado musical galego. O álbum foi gravado nos estudios Abrigueiro, en Friol, e logo de se presentar en Melide, o vindeiro sábado 26 a partir das 20:30 horas poderá escoitarse na sede do Coro Toxos e Froles de Ferrol. O concerto é de balde.
Dixie Town presenta O furacán
Xénero: | 23 / 1 / 2013
O cuarto disco de Dixie Town xa está na rúa. En O furacán a banda amosa, segundo eles mesmo din "a súa variedade de rexistros". Desde o blues ao rock sureño, a banda viguesa achega 14 temas en inglés que amosa o seu bo facer xogando con referencias como Captain Beefheart, Blue Cheer, Spencer Dickinson, Ten years after, ou Grand Funk Railroad. Gravado nos estudios Tigruss de Gandía, con produción de Mike Mariconda, o disco está dispoñible integramente na rede. O grupo inicia agora a xira de presentación, que terá a súa vindeira parada na Sala Rouge de Vigo o vindeiro 23 de febreiro.
A Sinfónica de Galicia recibirá un 4 por cento menos para este 2013
Xénero: | 23 / 1 / 2013
Lonxe queda xa o aquel orzamento de 13, 6 millóns de euros que a Orquestra Sinfónica de Galicia recibiu en 2009. Catro anos despois, a partida da que disporá ascende a 9.1 millóns. A Xunta, a deputación, o concello da Coruña e as empresas privadas que financian o Consorcio para a promoción da música rebaixaron a súa asignación que a entidade pretende paliar incrementando o número de concertos. Concretamente en Vigo, onde grazas a un acordo recente coa Fundación Novacaixagalicia contará co auditorio García Barbón para realizar as súas actividades.
O FIV arrinca a temporada de festivais en Vilalba
Xénero: | 22 / 1 / 2013
Os vindeiros 22 e 23 de marzo arrinca a temporada de festivais 2013 en Galicia. Como noutros anos, o Festival Independente de Vilalba (FIV) abre o fogo cun cartel no que destacan nomes como The Whip, Supersubmarina, La Casa Azul, Idealipsticks, Nudozurdo, Delorean, Belöp, La Habitación Roja e Hola a todo el mundo entre outros. As entradas están xa á venda a un prezo 15 euros para un día de 20 para os dous.
Currículum Cajún
Xénero: | 22 / 1 / 2013
Vai para un ano que Arturo L. Regueiro publicaba o seu poemario Currículum oculto da man de TresCTres editores. O volume ía acompañado dun CD no que se podían escoitar as versións recitadas e musicadas de 14 textos incluídos no mesmo. Agora o poeta, acompañado por unha banda, está a presentar en directo a súa creación, cun engadido audiovisual.
Rebeliom do Inframundo lanza A sorpresa
Xénero: | 21 / 1 / 2013
Alexandre Bolívar (Dj Rapu) e Cristopher Machado (O’Nervo) conforman desde 2005 Rebeliom do Inframundo, un dúo que practica un rap directo e reivindicativo. A sorpresa, o seu primeiro disco acaba de saír á luz e está dispoñible por 5 euros contactando directamente co grupo. Quince temas con bases rítmicas simples, sen colaboracións vocais e letras altamente críticas co sistema compoñen O proxecto, que ve a luz baixo o selo colectivo vigués especializado en hip-hop Trackasedio e foi gravado en X-Recs.
Homenaxe en clave de rock
Xénero: | 21 / 1 / 2013
Se gravar un disco de homenaxe xa supón un desafío a nivel de coordinación e traballo, conseguir facelo no máis absoluto secreto, cuns homenaxeados aínda en activo ten máis mérito. Pois é o que acaban de conseguir dezaoito grupos galegos con Vai polos padriños, un disco que quere celebrar os vinte e cinco anos en activo de Zënzar. A iniciativa súmase a unha lista en crecemento de discos tributo e amosa que a nosa música olla para referentes propios.
O atraso no apoio municipal fai perigar festivais vigueses
Xénero: | 21 / 1 / 2013
Ao igual que aconteceu a comezos de 2012, este ano arrinca con incerteza sobra a continuidade dalgúns dos máis destacados eventos culturais vigueses. Segundo denuncia hoxe Faro de Vigo os festivais Alt e Sinsal están a barallar non celebrar novas edicións ante a demora do Concello de Vigo en confirmar o seu apoio a estes eventos. Do mesmo xeito, o festival de jazz ImaxinaSons tampouco sabe se contará con financiamento municipal, mentres desde o Festival Alternativo das Artes Escénicas agardan uns recortes dun 33%.
Os Minhotos presentan Pinga D'auga
Xénero: | 18 / 1 / 2013
O pub Clavicémbalo de Lugo acolle esta noite, a partir das 23:30 horas a festa-concerto coa que o quinteto Os Minhotos dá a coñecer o seu disco Pinga D'auga. Doce temas que mesturan composicións propias e temas tradicionais, mesturando gaitas e a percusión tradicionais conzanfona, acordeón, requinta e clarinete. No concerto e hoxe, o grupo estará acompañado por algún dos colaboradores que participaron na gravación do disco.
Holywater lanza Wasteland
Xénero: | 17 / 1 / 2013
Dous anos depois do seu anterior traballo, Holywater retornan ao mercado discográfico con Wasteland, o seu quinto disco. Once temas orientados ao rock máis clásico, achegándose ao son de Neil Young e Crazy Horse. Un traballo gravado en Ultramarinos Costa Brava por Santi García, que tamén actúa como coprodutor, e que sae á luz da man de Ernie Records. O álbum está dispoñible en tendas, no web de Ernie Records e mais en plataformas dixitais como Spotify. Os interesados en coñecer o traballo en directo teñen unha opción o vindeiro 23 de xaneiro na Sala C de Santiago de Compostela.


