Noticias
Triángulo de Amor Bizarro presenta hoxe Victoria Mística
Xénero: | 25 / 4 / 2013
Un concerto na compostelá Sala Capitol servirá de presentación esta noite a Victoria Mística, o agardado terceiro álbum de Triángulo de Amor Bizarro. Aínda pendente de chegar ás tendas, o grupo deu a coñecer xa o primeiro single do novo traballo, Estrellas místicas, que foi recibido con entusiasmo pola crítica. O álbum sairá á luz da man de Mushroom Pillow e foi gravado na Coruña por Roberto Mallo e con mesturas de Manny Neto. A xira do grupo continuará por Madrid (27 de abril), Donosti (30) e A Coruña (4 de maio).
Lugo acolle o V Sons Creativos
Xénero: | 24 / 4 / 2013
Dúas propostas creativas de vangarda están a se celebrar estes días no noso país. Por unha banda, o Museo Interactivo da Historia de Lugo acolle o vindeiro 11 de maio a quinta edición de Sons Creativos. O encontro, que artella o Grupo de Creación Sonora da Universidade de Santiago de Compostela, inclúe mesas redondas sobre a improvisación musical e un concerto de esculturas sonoras, entre outras propostas. Ademais, en paralelo abrirá a mostra 25 anos de arte sonora e pedagoxía en Lugo, que estará no centro ata o 16 de xuño.
Mozart e a ópera protagonizan esta edición do Festival Mozart
Xénero: | 23 / 4 / 2013
É unha das citas musicais máis importantes do ano. O Festival Mozart mantén o orzamento da edición de 2012 (500.000 euros) e, aínda que lonxe do millón de euros de encontros pasados, mantén o nivel de calidade e de figuras. Estará Lorin Maazel que regresa para dirixir La Fanciulla del West cunha colaboración co Festival de Castleton de Virxinia (Estados Unidos). A ópera e o composicións de Mozart recupera o protagonismo nunha cita que se estende do 8 de maio ao 26 de xuño.
Falece Henrique Otero, O Gaiteiro do Fragoso
Xénero: | 19 / 4 / 2013
Henrique Otero Covelo, coñecido como O Gaiteiro do Fragoso, acaba de falecer, segundo publica hoxe a Asociación de Gaiteiros Galegos no seu web. Otero, nado en 1930 en Lavadores, Vigo, creou o primeiro método moderno de Galicia para gaita e supuxo unha figura de transición entre os gaiteiros tradicionais e os actuais. Ademais, foi autor de máis de dúascentas pezas musicais que se incorporaron ao repertorio de diferentes grupos do país e o seu traballo foi clave para que se oficializasen os estudos de gaita polo Ministerio de Educación. A súa obra foi recoñecida coa medalla Constantino Bellón. A capela ardente instalarase Tanatorio Vigo Memorial a partir de hoxe venres, ás 13 horas
Os Carunchos presentan Ti que?
Xénero: | 19 / 4 / 2013
Contaminación, violencia de xénero ou desigualdade económica son alguns dos temas que entran en Ti que?, o quinto disco de Os Carunchos que está xa á venda. Editado por PAI música e gravado nos estudios Casa de Tolos, o volume supón a obra máis plural en sons e temas do grupo. Vincios acollerá, o vindeiro 19 de maio, a presentación oficial do traballo cun concerto.
Un (desa)fío musical
Xénero: | 18 / 4 / 2013
A idea é moi atractiva. Xuntar a recoñecidos músicos de diferentes instrumentos, estilos e nacionalidades nun mesmo espazo durante varios días para traballar de xeito conxunto. Que cada un deles propoña un tema musical sobre o que cada un achegue o seu gran de area e ver o resultado nun gran concerto. A experiencia, que comezou en 2012, regresa á Cidade da Cultura co mesmo nome Galician Connection. Neste playlist achegamos algúns dos temas sobre os que traballarán de cara ao concerto deste sábado (21:00 horas).
Nacen os Premios Galegos da Música
Xénero: | 17 / 4 / 2013
Grupos, solistas, espectáculos, ou proxectos discográficos realizados en Galicia ou por músicos galegos poden optar a algunha das 11 categorías dos Premios Galegos da Música. A Asociación de Músicos ao Vivo convoca por vez primeira estes galardóns, que, para alén dun Premio Honorífico a toda unha carreira, os galardóns recoñecerán as categorías de Pop, Rock, Jazz, Hiphop, Clásica, Folk, Tradicional, Músicas do Mundo, Electrónica, Infantil e Orquestra de Baile. A inscrición de candidaturas é libre e gratuita e serán os membros da asociación os que voten en dúas roldas os gañadores. A gala de entrega está prevista para decembro.
Das Kapital lanza Grecia
Xénero: | 16 / 4 / 2013
A seguir a senda de sons electrónicos con aires industriais, Das Kapital acaba de presentar Grecia, o seu segundo traballo. Segundo sinala o grupo na presentación do disco, "Cun pé na electrónica de motor industrial e outro na violencia estrutural, como unha unidade de combate contraria ao pacto melódico, estas oito cancións asumen o erro e o perigo da época". Entre elas, canda a composicións propias, atopamos unha versión do Demoler do grupo peruano Los Saicos, considerada primeira canción punk da historia.
Raios e centolas é o novo de Santos Morcegos
Xénero: | 15 / 4 / 2013
Un vinilo con oito temas é o terceiro traballo discográfico de Santos Morcegos. Raios e centolas, que acaba de saír á venda, mantén a esencia de música surf totalmente instrumental propia da banda. A retranca do grupo déixase sentir en títulos como Fedorento Five-O, Cowboy das Rías Baixas e Porto Piche.O álbum foi gravado en Baixo Miño Estudios e, ademais de poder mercarse en diferentes tendas, está tamén dispoñible íntegro en Bandcamp
As tendas galegas celebrarán o Record Store Day
Xénero: | 15 / 4 / 2013
As tendas galegas de discos celebrarán este sábado día 20 o Record Store Day. Oito concertos en diferentes localidades do país súmanse á edición especial dun vinilo con cinco grupos galegos que xa se pode encargar. Os Amigos Dos Músicos, Fagot y Popota, Musel, Grampoder e Szentes participan nesta gravación para a que Desconcierto Cultural, coordinadores do encontro, conseguiron fondos mediante un existoso crowdfunding (2.158 euros fronte aos 1.800 que solicitaban). Canda a eles, actuarán no marco deste evento Alex Casanova, Johnny & The Ticks y Alope al Galope. Os organizadores dispoñibilizaron xa un dos temas do vinilo na rede.


