Ir ao contido directamente.


Noticias

A Sinfónica de Galicia busca doazóns

Xénero: Clásica/Lírica | 12 / 4 / 2013

amigos_osg.jpg

Promover doazóns filantrópicas desde as máis modestas ás máis ambiciosas. Este é obxectivo da campaña Amigos de la OSG que acaba de pór en marcha a Orquestra Sinfónica de Galicia. O web da formación explica que os interesados poderán escoller entre as figuras de amigo, colaborador ou benefactor, e que en troques do seu apoio terán acceso a encontros especializados con solistas e poderán adquirir material exclusivo, acompañar a formación na súa xira ou participar en actividades exclusivas.

Confírmanse as primeiras actuacións do festival Millo Verde

Xénero: Miscelánea | 11 / 4 / 2013

imaxe non dispoñible

Os vindeiros 7 e 8 de xuño celebrarase en Redondela o VII Festival Millo Verde. A asociación que o organiza adiantou xa os primeiros nomes que comporán o cartel do evento. O austriacos Airtist, os gaditanos JimyJazz Zelufank e mais Güintervan, de Soutomaior, son as primeiras actuacións confirmadas. Ademais, o vindeiro 19 de abril celebrarase a final do concurso de maquetas Millo Verde, no que os grupos Seper, Os Mordecáns e Banda de Andrelo competirán nun concerto para se facer co galardón, con Sete Cuncas como grupo convidado.

Disco Las Palmeras! lanza Ultra

Xénero: Indie | 11 / 4 / 2013

ultra_disco_las_palmeras.jpg

A discográfica Matapadre acaba de lanzar ao mercado Ultra o segundo CD de Disco Las Palmeras! Once temas cheos de potentes guitarras nos que o grupo desenvolve as súas letras e mantén o característico son sen baixo. Diego Castro é o único membro da formación orixinal que se mantén, acompañado agora por José Castro e Julián Goicoa. Gravado nos Estudios Planta Sónica de Vigo, o volume foi masterizado nos Avatar Studios de Nova York. O grupo anunciou que para a vindeira semana colgarán o disco íntegro na rede. Mentres, Disco Las Palmeras! darán un concerto esta mesma noite na Zona C de Santiago canda a Telephones Rouges como parte do ciclo Compostela Rock.

O Festival do Norte volta a Vilagarcía os días 17 e 18 de maio

Xénero: Miscelánea | 10 / 4 / 2013

festival_do_norte_2013.jpg

Finalmente haberá Festival do Norte en Vilagarcía. Malia aos problemas da organización do Concello, o evento terá unha nova edición os días 17 e 18 de maio no recinto ferial de Fexdega e contará cun cartel que encabezan Xoel Lopez, Toy, The Primitives, Dorian e We Are Standard. Canda a eles, confírmase a presenza de grupos como Delorentos, Sr.Chinarro, Guadalupe Plata, Estereotypo, Pedrito Diablo y los Cadáveras. Os bonos para asistir están xa á venda.

Budiño lanza Sotaque

Xénero: Folk | 10 / 4 / 2013 + VIDEO

sotaque_budinho_capa.jpg

Fol Música levará ás tendas o vindeiro 23 de abril Sotaque, o sexto disco de Xosé Manuel Budiño. O gaiteiro do Morrazo presenta un volume no que se rodea de colaboradores como Michael McGoldrick, António Zambujo, Cantareiros de O Fiadeiro, Luís Tosar, Carlos Blanco ou Paulo Borges, mesturando os sons tradicionais con novos ritmos e achegando temas melódicos como Déixame Adiviñar. Unha actuación en Luar o vindeiro día 19 dará a coñecer algún dos temas do proxecto. Para o 25 de abril está prevista a presentación oficial cun concerto no Teatro Principal de Compostela, e o 26 será Ourense a cidade que acollerá un recital do músico. O disco gravouse entre os Atlântico Blue Studios de Lisboa e Casa de Tolos, en Gondomar.

Quodlibet lanza A cor do son

Xénero: Folk | 9 / 4 / 2013

a cor do son_quodlibet.jpg

Un concerto no Teatro Principal de Pontevedra presentaba o pasado 15 de marzo o segundo álbum do dúo Quodlibet. A seguir a traxectoria iniciada co seu primeiro disco, A cor do son o grupo explora a conexión entre gaita e piano a partir de pezas tradicionais. Así, a Rumba de Estribela, a Danza de espadas de Cantoarea ou Eu de Marín ausenteime atopan novos aires na fusión destes instrumentos. As vindeiras citas para presentar o volume ao vivo son Valga, o vindeiro 21 de abril, e o Casino de Pontevedra, o 28.

Os sons dos séculos

Xénero: Miscelánea | 8 / 4 / 2013

historia_musica_ouvirmos_capa.jpg

Facer unha historia da música culta en Galicia non é unha tarefa doada. Agora, a editorial Ouvirmos presenta o seu ambicioso proxecto neste campo, un volume de máis de 400 páxinas acompañado de 2 CDs que percorre, de man da musicóloga Lorena López Cobas a evolución desta arte desde a Prehistoria. Modas comúns co resto de Europa mestúranse con particularidades do país desde hai xa ben tempo nuns sons nos que aínda resta moito por investigar.

Asoman os festivais

Xénero: Miscelánea | 4 / 4 / 2013

imaxe non dispoñible

Comezan a se coñecer os carteis dos festivais que se celebrarán este ano. Así, desde o SonRías de Bueu confírmase que The Toy Dolls e Talco actuarán na nova edición do encontro, que se celebra os días 1 e 2 de agosto. Pola súa banda, o Festival Portamérica anuncia que o vindeiro 8 de abril abre a súa canle audiovisual, na que se poderán ver contidos exclusivos como concertos en directo ou versións acústicas do artistas que participan. Pola súa banda, desde a asociación Malaherba confirman que o vindeiro 6 de xullo se celebrará o VII Sons da Lameira/VII Malaherbarock en Matamá.

Pontevedra acolle o Galegote Rock

Xénero: Rock | 3 / 4 / 2013

imaxe non dispoñible

Por segundo ano consecutivo, Pontevedra acollerá o festival Galegote, no que actúan exclusivamente grupos de cantan na nosa lingua. O neno Elliot, Os amigos dos Músicos, Roger de For, Terbutalina ou Ataque Escampe fan parte dun cartel que arrincará o vindeiro día 5 cunha sesión de presentación e que concentra os concertos entre os días 11 e 13. A iniciativa xorde da Concellaría de Normalización Lingüística coa colaboración da Sala Karma, que acollerá os eventos coa súa extensión o Pequeno Karma.

O Festival Sinsal 11 arrinca en Compostela

Xénero: Alternativa | 2 / 4 / 2013

imaxe non dispoñible

O Teatro Principal de Compostela abrirá, o vindeiro 1 de maio, a programación do Festival Sinsal 11. A cita de referencia dos sons alternativos en Galicia inicia a súa nova edición cun concerto do grupo dinamarqués Efterklang, que presentará o seu disco Piramida, lanzado este mesmo ano. En vindeira datas iranse dando a coñecer as novas citas deste evento.

<< Inicio / Anterior . 2101 a 2110 de 3582 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR