Ir ao contido directamente.


Noticias

Volta a se convocar o concurso de gaita Constantino Bellón

Xénero: Folk | 2 / 4 / 2013

imaxe non dispoñible

Logo dun ano en branco pola falta de apoios, o Ateneo Ferrolán volta a convocar neste 2013 o Concurso Internacional de Composición e Gaita Galega Constantino Bellón. O encontro, considerado un dos máis importantes do país dedicado a este instrumento, chega así ás súa XXI edición, cun premio principal de 3.000 euros e dous accésits de mil. De xeito paralelo, a Central Folque convoca o IX Encontro Internacional de Zanfona, que se celebrará entre os vindeiros días 18 e 21 en Rianxo e que contará coa presenza de intérpretes coma Matthias Loibner. A inscrición para ambas as dúas actividades está aberta.

A Rede de Música ao Vivo ofertará 96 concertos ata agosto

Xénero: Miscelánea | 1 / 4 / 2013

imaxe non dispoñible

Menos concertos, menos orzamento e menos salas. A programación da Rede Galega de Música ao Vivo, que adiantou este sábado a Consellaría de Cultura mingua notablemente e contará con 75.000 euros para a primeira xeira do ano, entre abril e agosto. En total serán 96 concertos a cargo de 27 formacións que actuarán en 26 locais diferentes de todo o país. O pasado ano, arrincando as actuacións en febreiro, programáronse ata agosto 226 concertos a cargo de 69 grupos, cun orzamento de 96.893 euros, e en 2011 oferéranse 284 actuacións nese mesmo período. A axenda coa programación deste ano está dispoñible no web de AGADIC.

Inquedanzas Sonoras recupera a voz de Manuela Cortizo

Xénero: Folk | 25 / 3 / 2013

Manuela_Cortizo_cantareira.jpg

Con 82 anos de idade, Manuela Cortizo Medal acumula unha intensa experiencia como cantareira. Agora, da man de Inquedanzas Sonoras, ve a luz Cantareira de Barro de Arén, un libro-CD-DVD que recolle un estudo sobre a súa figura da man de Xosé Lois Foxo. Cantos de ronda, xotas, muiñeiras, mazurcas, cantos de oficios e romances danse cita nun disco que amosa preto de oitenta pezas interpretadas por Cortizo unicamente coa súa voz e a pandeireta. Sobre a mesma cantareira xa publicara Calros Solla unha compilación de máis de mil coplas co título de Cantares de Manuela de Barro

Radio Cos achega novos sons para a pandeireta

Xénero: Folk | 22 / 3 / 2013

radio_cos.jpg

Xurxo Fernandes e Quique Peón, cantantes e percusionistas, son a base de Radio Cos, un proxecto que leva case unha década a percorrer os escenarios do país. pandeiretas con voces masculinas, arropadas por Pedro Lamas á gaita e ao saxo soprano, Nikolay Velikov no violino e Xan Pampín no acordeón dan unha sonoridade diferente ás melodías tradicionais. Toques balcánicos, son festivos e cantigas coñecidas danse cita neste proxecto, que verá a luz o vindeiro 16 de abril da man de Fol Música.

NAO inicia a xira de Cancións de amor e liberdade

Xénero: Rock | 20 / 3 / 2013 + VIDEO

amor_e_liberdade_nao.jpg

Logo dun debut en Carballo, a xira de presentación do terceiro disco de NAO, Cancións de amor e liberdade, leva o grupo mañá á Sala Capitol de Compostela, onde estarán acompañados de Desequilibrio Mental. O álbum que se gravou nos estudios Mafia Records do Carballiño, segue a liña de rock combativo do grupo, deixando o metal máis puro e a incorporar a Jasper como vocalista. O novo lanzamento da banda contou co apoio económico dos seus fans vía crowdfunding, o que lle permitiu ao grupo editar mil copias do CD, así como tirar material promocional e gravar un videoclip.

The Cornelius presentan Walking in Circles en Ourense

Xénero: Rock | 19 / 3 / 2013

not_22432.jpg

Aínda que levan xa uns meses a xirar cos temas do seu terceiro disco, Cornelius chega agora a Galicia coa xira de presentación de Walking in circles. A Sala Miudiño acolle na noite de mañá o primeiro dos concertos que darán a coñecer o traballo, autoeditado, no noso país. Le Club na Coruña o día 12 de abril e a Fundación Autor de Santiago o 18 serán a vindeiras citas achegadas dun tour que está a levar o grupo por diferentes lugares da xeografía estatal no marco da iniciativa Girando por Salas.

O Derrame Rock fecha cartel mentres Cultura Quente fica sen concertos

Xénero: Miscelánea | 18 / 3 / 2013

imaxe non dispoñible

Un total de 34 grupos visitarán Oira o vindeiro mes de xuño na edición deste ano do Derrame Rock, que se presentou esta fin de semana. Con Los Suaves como anfritións, Agnostic Front (NY), Mojinos Escocíos, Def Con Dos, Reincidentes, La Pegatina, Narco, Lendakaris Muertos ou El Reno Renardo participarán no encontro, entre moitos outros. Fronte a esta abundancia de grupos, o Cultura Quente de Caldas recuncará de novo este ano nunha edición na que non haberá concertos. A crise apúntase de novo como responsable do decline dunha cita que se consolidara como unha das principais do verán galego.

Nace o festival autoxestionado Caravana de emerxencias

Xénero: Fusión | 15 / 3 / 2013

imaxe non dispoñible

Catro horas de concerto, a cargo de Skarallaos,Chotokoeu e The Skarnivals e presentado por Swingdigentes. Esta é a proposta coa que chega Caravana de emerxencias, un festival autoxestionado e organizado polos propios grupos participantes que se celebrará o vindeiro 4 de abril na Sala Capitol. O proxecto propón unha orixinal fórmula de pago. O acceso será de balde, e será na saída cando os asistentes paguen o que consideren oportuno polas actuacións.

Chegan As Alegrías de Linho do Cuco

Xénero: Folk | 15 / 3 / 2013

imaxe non dispoñible

A seguir co achegamento ao son das bandas de música que xa iniciaran no seu anterior traballo, os lalinenses Linho do Cuco presentan As Alegrías, o seu terceiro CD. Nove temas, que se acabaron de gravar o día seis deste mesmo mes, no que a banda mestura melodías tradicionais con composicións e arranxos propios cos que ofertan "unha proposta de música POPular actual para as sesións vermouts e as verbenas". O disco, gravado nos estudios Savic Sound, de Ponte Caldelas e que ve a luz da man da Central Folque.

Ron Carter inaugura o ciclo 1906 de jazz

Xénero: Jazz/Blues | 13 / 3 / 2013

imaxe non dispoñible

Xa se coñece a programación do novo ciclo 1906 de jazz, que percorrerá 11 clubes de jazz emblemáticos e dous teatros, nunha proposta presente nas principais cidades galegas con clubes de jazz, así como en catro cidades do Estado: Madrid, Barcelona, Bilbao e Valencia. Serán 50 concertos durante catro meses. Ron Carter abrirá o ciclo no Teatro Principal de Santiago o día 17 de marzo, e seguirán artistas como Antonio Sánchez, Lionel Loueke, Giulia Valle, Nani García, Avishai Cohen, Joshua Redman ou Marcos Pin, entre outros.

<< Inicio / Anterior . 2111 a 2120 de 3582 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR