Noticias
A Compañía do Ruído presenta Pensares galegos
Xénero: | 12 / 3 / 2013
Un percorrido en catamarán pola Ría de Arousa serviralle á Compañia do Ruído para presentar Pensares galegos, o seu sexto disco. O CD, para o que o grupo obtivo fondos mediante crowdfunding, achega nove novos temas que se completan con versións de grupos como Zënzar,os Diplomáticos de Montealto, os JJJ ou temas antigos do propio gurpo ata comletar 14 cortes. Como sempre, a banda continúa coa súa mestura de estilos que van do folk ao rock folk ao rock, pasando polo ska, o punk ou o reggae. Está aberta a venda de entradas para a presentación do disco, que por 30 euros inclúe xantar, unha copia do CD e actuacións de Leo e Arremecajoná, Cé Orquestra Pantasma, La Magnifique Bande, De Botero a Bo Derek(Paulova e Manu Mimé), A Rebanda Ribeira e os propios A Compañía Do Ruído. O disco gravouse no estudio “La Casita” (Riveira), a mesturouse no estudio “A Ponte” (Bertamiráns)
Unha quincena de artistas conforman o cartel de PortAmérica
Xénero: | 8 / 3 / 2013
Malia as dúbidas sobre a súa continuidade, o Festival portAmérica terá segunda edición. Será do 18 ao 20 de xullo e conta no nomes confirmados como Amaro Ferreiro, Arizona Baby, Bomba Estéreo, Café Tacvba, Delafé y las flores azules, Delorean, Dj Lagartija, Él mató a un policía motorizado, Fon Román, Francisca Valenzuela, Lori Meyers, Los Coronas, Stanstill, Super ou The Gift. A cita terá lugar en Nigrán e xa están a venda os abonos. PortAmérica parte da música como elemento unificador entre espazos Iberoamericanos ao tempo que permite expor ideas e proxectos empresariais de calquera sector.
Colectivo Oruga lanza Paraíso caníbal
Xénero: | 8 / 3 / 2013
Oito novos temas de electro-rock bailable compoñen Paraíso caníbal, o segundo disco dos ponteareáns Colectivo Oruga. O disco, que sae da man de Matapadre, gravouse nos estudios Sá da Bandeira do Porto e mais en 24-96 Masteringen de Karlsruhe, Alemaña. Para alén da edición física, o álbum pódese escoitar íntegro en Bandcamp. A xira de presentación arrincaba onte en Barcelona e leva ao grupo a Castellón e Madrid nos vindeiros días. Para maio está previsto que visiten Galicia, con actuación en La Fábrica de Chocolate de Vigo o día 4 e no coruñés LeClub o 11.
Miguel Costas chama a participar no seu vindeiro vídeo
Xénero: | 7 / 3 / 2013
Aínda que non estará á venda ata o vindeiro 5 de abril, Miguel Costas presenta cun concerto na compostelá Sala Capitol Alguien tenía que hacerlo, o seu novo disco. Será este domingo a partir das 20 horas, e os asistentes poderán facerse de xeito exclusivo con copias do traballo antes da súa distribución. Segundo adianta o artista, o CD pretende encher un baleiro no panorama musical apostando polo rock máis clásico. Costas tamén abriu ata o vindeiro domingo o prazo para que as persoas interesadas en aparecer no vídeo do primeiro tema do novo disco. Os interesados deben contactar coa banda vía correo electrónico e gravarse diante da súa webcam a cantar parte da canción.
Que non falten ideas para a gaita
Xénero: | 7 / 3 / 2013
¿Acabóuseche o repertorio de pezas no medio da festa? Non te preocupar. O web Folkoteka galega achega á rede un amplo catálogo de partituras tradicionais. Este proxecto colaborativo permite descargar as pezas en PDF ou en formato MusicXml, pensado para traballar con elas mediante programas informáticos específicos. Os interesados poden acceder a danzas, alalás, foliadas, mazurcas ou pasodobles, e realizar ao tempo as súas propias achegas. Non saber máis pezas xa non é excusa para parar.
Birimbao presenta Nena do mare
Xénero: | 6 / 3 / 2013
Catro anos despois da súa primeira gravación, os coruñeses Birimbao acaban de presentar Nena do mare. O disco presenta oito temas nos que se mesturan as melodías tradicionais con temas de composición propia, apostando por un son no que se deixan sentir as influencias do fok celta. A voz de Mabell Castro acompaña seis dos temas do disco, que están dispoñibles baixo licenza Creative Commons. O traballo, autoeditado, gravouse nos estudios Paz & Records. Birimbao está formado por Pepe Mato, Chema Lorenzo, Manolo Gesto, Manuel Caridad, Mabell Castro e Alberto Camba.
Un proxecto programa concertos en adegas
Xénero: | 6 / 3 / 2013
Unir música e a cultura vinícola galega. Esta é a intencionalidade de “Baixo a vide. Concertos con denominación de orixe" un programa organizado por I-Radia Crea e En Panties Producciones. O primeiro en abrir esta proposta será Señor Chinarro que estará na capela do Pazo de Señoráns o vindeiro 15 de marzo. Esta proposta ofrecerá concertos en adegas das diferentes denominacións de orixe de Galicia e na que farán parte desta proposta Xoel López ou Robyn Hitchcock, entre outros.
Niño y Pistola presentan There's a Man with a Gun Over There
Xénero: | 5 / 3 / 2013
As bandas de folk rock americanas dos anos 60 e 70 inspiran o son de Niño y Pistola en There's a Man with a Gun Over There, o seu cuarto traballo discográfico. Trátase dunha obra conceptual na que narran a historia dun xornaleiro americano que nos anos 50 decide matar o seu xefe e vai á prisión polo seu delito e a súa situación cando sae da cadea. O disco, aínda que conta con dez temas, está pensado como dúas suites de 19 minutos cada unha (Cara A e Cara B) que se escoitan sen interrupcións. A gravación realizouse nos estudios composteláns A Ponte, de Tomás Ageitos, e pode escoitarse íntegro en plataformas como Soundcloud, mentrs o CD chega hoxe ás tendas.
Yül volta con Buenas noches y buena suerte
Xénero: | 1 / 3 / 2013
Logo de dez anos de silencio musical, Julio Béjar Yül volta ás tendas, desta volta en solitario con Buenas noches y buena suerte, con nove temas de "pop rock de toda a vida" segundo sinala o artista e unha pista de bonus. O disco, xa dispoñible nas tendas, gravouse entre os estudos Estudios Bonham e Paz & Records, e no mesmo Yül conta con colaboracións como a de Miguel Costas. A estrea será esta noite cun concerto no Playa Club da Coruña, onde Béjar estará a acompañado Jose Bonham, Pocho Taxes, Kiko Reimúndez e Manuel R. Subi.
Chega o Galician Connection 2013
Xénero: | 1 / 3 / 2013
A Consellaría de Cultura presentaba onte o programa do Galician Connection 2013, o encontro de creatividade musical que coordina Cristina Pato. O evento contará desta xeita con Jorge Pardo, o mestre chinés Wu Tong, Omar Sosa, William Harvey, Eliseo Parra e os galegos Víctor Prieto, Rosa Cedrón e Isaac Palacín, e desenvolverase entre os días 18 e 21 de abril. No programa están previstos encontros cos participantes e ensaios, ademais dun concerto, unha jam session (Vermú Connection) e mais un obradoiro centrado en son, iluminación e ténica.


