Noticias
Voltan a nena e o grilo
Xénero: | 27 / 2 / 2013
Logo do seu aplaudido libro-disco A nena e o grilo, Magín Blanco recunca en formato e personaxes. Fol Música acaba de presentar A nena e o grilo nun barquiño, un conxunto de trece contos que se publican acompañados por outras tantas cancións e actividades didácticas. O proxecto, de sesenta páxinas, conta con ilustracións de Leandro Lamas e presentarase de xeito oficial o vindeiro 8 de marzo no marco do Salón do Libro Infantil de Pontevedra. Un concerto no mesmo recinto inaugurará a xira de presentacións o día 9 no mesmo espazo. O disco gravouse no estudio de Jorge Juncal en Moaña, na Cova dos Peixes con Guilllerme Fernández e en Casa de Tolos con Segundo Grandío.
Chega 8, o debut dos John Deeres
Xénero: | 26 / 2 / 2013
"Rock clásico en galego adubado con pinceladas hard rock e pingas de psicodelia", esta é a propotas que realizan os John Deeres en 8, o seu primeiro traballo. Unha proposta autoeditada na que achegan oito temas integramente en galego que deixan sentir estas influencias. Logo de realizar unha pescuda por cantante en 2011, o grupo incorporou a Ferni na voz, quedando a composición con Xermán (batera), Marcos (baixo), Mustaf (guitarra) e Reices (teclados). Segundo recoñecen, a nova voz "achega á banda máis contundencia setentera". O traballo, autoeditado está gravado nos estudios Litium de Pontevedra e pode escoitarse xa de balde en plataformas como Grooveshark, Spotify ou iTunes entre outras. As copias físicas do LP están tamén en tendas.
Terbutalina chega con Ritmo Serbio
Xénero: | 25 / 2 / 2013
Ritmo Serbio é o título do segundo LP de Terbutalina. A banda gastropunk presentaba a pasada semana o seu novo traballo lanzándoo integramente de balde para se ouvir en liña nas máis diversas plataformas e coa posibilidade da súa descarga. Catorce temas enérxicos e breves na liña punk do seu primeiro traballo, nos que a guitarras acadan un maior protagonismo e se detectan uns arranxos máis coidados. O álbum gravouse nos estudios A Ponte de Tomás Axeitos e mesturouse en Estudios Mandelson. O vindeiro 7 de marzo a Sala Capitol acollerá a presentación do traballo, nun concerto no que tamén estarán Familia Caamagno.
Coñécense os finalistas aos XII Premios Opinión
Xénero: | 22 / 2 / 2013
Os XII Premios Opinión de música folk amosan unha grande concentración das súas candidaturas nuns poucos artistas. Así, Rodigo Romaní opta a premios nas tres categorías, Mellor Premio Orixinal, Mellor Artista e Mellor disco, o que dá fe da aceptación que o seu último disco, Arpas de Breogán está a ter entre os críticos. Detrás del, están con dúas candidaturas cada un, a Mellor Artista e Mellor Canción, Pancho Álvarez e mais Óscar Fernánez, dos Cempés. Pola súa banda, Alonso Caxade, tamén candidato a mellor artista, tamén recunca na categoría Mellor Disco dentro do grupo Peldenoz, con Jazz&Trad.
Ángel Escariz Pérez é o novo presidente de AGEM
Xénero: | 19 / 2 / 2013
A AGEM, a Asociación Galega de Empresas Musicais, é unha entidade que agrupa promotoras, produtoras, managament e empresas fonográficas do país. O pasado 21 de xaneiro renovou a súa xunta directiva, que pasa a presidir Ángel Escariz Pérez substituíndo no cargo a Joaquim Martínez. Xosé Manuel Aldea Moscoso queda como vicepresidente mentres que Josiño Carballo Lois é o tesoureiro e Roi Maceda Gallego o novo secretario. Raquel Seijo Enríquez, Belén Bermejo López e José Manuel Blanco Álvarez son os vogais que completan a directiva. O novo equipo fará público en breve o seu plan de traballo para este ano, así como os obxectivos da entidade a medio prazo.
Haberá concerto se ti queres
Xénero: | 19 / 2 / 2013
Prevender as entradas para un concerto, de xeito que o espectáculo se celebra de haber un mínimo de público. Esta é, en esencia, a base do proxecto Bandeed.com, un web que se presentou o pasado mes de decembro que quere facilitarlle o traballo a salas e bandas. “A nosa idea é que con este sistema mellore a venda de entradas e que se fagan posible actuacións ás que moitas salas non se arriscarían”, sinala Anxo Armada, ribadense afincado en Barcelona e principal promotor desta iniciativa.
Lendrone presenta UNO
Xénero: | 18 / 2 / 2013
Dous anos logo de presentar o seu primeiro EP, a banda coruñesa Lendrone debuta no formato longo. UNO sae á luz da man da discográfica Matapadre achegando 11 cortes de electrónica e post rock con influencias do máis variado. O disco chega ás tendas hoxe mesmo e pódese escoitar íntegro desde a pasada semana no web da revista Rockdelux. O traballo gravouse nos estudios Círculo Polar e masterizouse nos JJ Golden de Ventura, California. A sala La Iguana de Vigo acolle o vindeiro día 22 o concerto de presentación do proxecto.
A Xunta asegura a continuidade da Rede Galega de Teatros e Auditorios
Xénero: | 14 / 2 / 2013
Os recortes para o sector das artes escénicas só garanten a continuidade da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Os outros circuítos, os de salas e música ao vivo dependerán do orzamento final que se aprobe. Así o dixeron, tanto o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria onte no Parlamento ante unha pregunta da deputada Ana Pontón, coma o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, aos representantes da plataforma galega das artes escénicas o pasado martes.
Dima Slobodeniouk é o novo director musical da OSG ata 2016
Xénero: | 13 / 2 / 2013
Non é descoñecido para a formación, porque xa dirixiu a Orquestra Sinfónica de Galicia o pasado mes de novembro. O novo director musical da Orquestra Sinfónica de Galicia é o ruso Dima Slobodeniouk. Chega para substituír a Vïctor Pablo Pérez, que levaba vinte anos no cargo. Apostar pola renovación do repertorio e a captación de novos públicos é o reto que lle encomedaron co obxectivo de consolidar a traxectoria da OSG. Malia que o seu nomeamento se fixo oficial hoxe, non será ata setembro cando exerza de forma real o posto que ocupará ata 2016.
Os músicos tradicionais homenaxean a Rosalía
Xénero: | 13 / 2 / 2013
A Asociación de Gaiteiros Galegos convoca aos músicos do país a participar nunha Alborada para Rosalía. A idea é que cada grupo ou persoa participante se grave interpretando unha peza da súa elección en honra da poeta. Todas as compiladas publicaranse en Youtube na mañá do día 24 de febreiro, a coincidir co 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos. A iniciativa fai parte das propostas que desenvole a Real Academia, a Fundación Rosalía e mais a Universidade de Vigo en honra da poeta.


