Os sons dos séculos
abril 8, 2013
Facer unha historia da música culta en Galicia non é unha tarefa doada. Agora, a editorial Ouvirmos presenta o seu ambicioso proxecto neste campo, un volume de máis de 400 páxinas acompañado de 2 CDs que percorre, de man da musicóloga Lorena López Cobas a evolución desta arte desde a Prehistoria. Modas comúns co resto de Europa mestúranse con particularidades do país desde hai xa ben tempo nuns sons nos que aínda resta moito por investigar.
Sen pretender chegar a niveis enciclopédicos nin ser unha obra puramente divulgativa, o traballo que agora se presenta “quere abarcar non só as inquedanzas dos propios músicos senón tamén a dos interesados en xeral. Téntanse extraer características de cada período dando referencias de autores e obras concretas, achegando unha visión completa”, explica Lorena López Covas. Esquemas explicativos ao final de cada capítulo e mais un glosario de termos especializada, dous CDs con 27 temas de diferentes épocas (entre inéditos coma o Preludio Op. 16 de Gaos, e o Concerto grosso ou sinfonía concertante de Buono Chiodi) así como unha grande cantidade de ilustracións, queren facilitar o achegamento ao tema.
Dificultades
Analizar a historia da música en Galicia, e ademais partindo da perspectiva da música culta, supón un traballo inxente, máis tendo en conta que non resulta un ámbito sobre o que abunde a bibliografía. Segundo recoñece a propia autora “é difícil enfrontar un estudo global destas características. A maioría das investigación están inaccesibles, son teses ou permanecen sen publicar, entón custa acceder a este coñecemento”. A aposta pola música culta explícase porque “aínda que tamén se toca, sobre todo nos séculos XIX e XX, había que se centrar nun aspecto, para a de tradición oral cumpriría outro volume”.
Na moda, con peculiaridades
En xeral, desde que existe constancia “a música galega segue os parámetros estilísticos do resto da península”, e as modas neste campo “chegan ao mesmo tempo que a todas partes. Por exemplo as estreas de ópera que se facían en Europa ou en Madrid chegaban axiña, moitas cousas agromaron axiña, aínda que algunhas tardaron en chegar”. No entanto, si que existen épocas nos que se desenvolveron formas específicas de sons no país. “Por exemplo na Idade Media a música relixiosa foi algo diferentes porque aquí estaban os suevos, que seguían máis a liturxia romana e no resto da península os visigodos, que tiñan o seu propio rito”. Máis adiante, “no Barroco hai singularidades, como que se fagan panxoliñas en galego, que é algo que non acontece noutros lugares. E máis tarde dáse o fenómeno da música máis nacionalista, con compositores como Juan Montes que buscan raíces autóctonas”. No entanto, “a época do Códice Calixtino é a de maior esplendor da música en galego portugués, e pode ser que haxa máis material en Galicia do que no resto da península”.
A pegada da Igrexa
Nesta Historia resulta imprescindible falar da música relixiosa, “desde a Idade Media e ata mediados do século XIX as fontes de que dispomos para coñecer a música eran fundamentalmente eclesiásticas”. Aínda que isto no implica que non existise unha tradición profana, da que se conservan restos como as composicións de Martin Códax ou Don Dinís, existen menos rexistros de cómo era. “En Galicia o papel da Igrexa no campo da música foi fundamental. As capelas de música eran un foro único que lles permitían aos compositores desenvolver o seu traballo”. Se ben é certo que non todas as capelas do país recorreron a músicos galegos. “Na súa maior parte nutríanse de autores foráneos, agás a da Catedral de Mondoñedo, que desde finais do XVIII apostaba por creadores autóctonos”.
Música civil e galega
A Desamortización coincidiu coa cesión do testemuño da música a mans profanas. “O ensino pasa a foros civís a partir da segunda metade do século XIX”. De xeito paralelo, foi neste momento cando se foi desenvolvendo a carreira de creadores autóctonos e da afirmación dunha música culta con características propias. “Non se pode falar de escola, pero si existen autores con ideais estéticos semellantes que producen con bastante profusión”, sinala a autora. Pascual Veiga, Chané, Bal y Gay ou Canuto Berea son algúns dos nomes que verifican esta tendencia. Tamén desta época xorde un achegamento popular á música culta que se mantén aínda nos nosos días. “Desde os anos 60 e 70 do século XIX vai aparecendo moita xente interesada por aprender e tocar, como afeccionados ou a nivel profesional. É o momento no que aparecen moitos orfeóns e bandas de música”.
Tradición vangardista
No século XX a música galega amosa, para López Covas, unha dualidade de intereses que pode semellar curiosa, como é o mesturar elementos tradicionais con tendencias de vangarda. “Dáse unha mestura de dúas opcións estilísticas”, explica a autora. “Por unha banda, téntase introducir a tradición autóctona nas pezas, unha liña que se impulsa desde as Irmandades da Fala ou do Grupo Nós. Pero xa desde o primeiro momento hai quen sostén que non se pode empregar ese legado de xeito tradicionalista, simplemente plasmándoo. Entón, xa desde os anos vinte hai unha aposta por certa innovación na composición, e a mediados do século XX mesmo se mesturan ritmos de muiñeiras e alalás cunha linguaxe moi anovadora, como a atonalidade ou algunhas vangardas”. Entre os nomes que apostaron por esta fusión, destaca o de Rogelio Groba, que ten case un milleiro de composicións. Na actualidade, a música culta presenta, segundo sinala López Cobas, unha multiplicidade de tendencias. “Cada autor busca a súa propia linguaxe e tenta plasmar as súas inquedanzas sen se adscribir a unha escola, un pouco o que acontece en xeral na música culta occidental. Os gustos do público esgázanse da propia composición, e iso dálle tamén máis liberdade ao compositor”.
A visibilidade da música
É de agardar que este traballo facilite o acceso a unha vertente da nosa cultura que a miúdo fica oculta por outras artes máis visibles. Segundo recoñece López Cobas, “Filoloxía ten unha carreira específica, e iso dá en moitos estudos sobre literatura. Pero non Musicoloxía só existe como un doutoramento, e moita xente ten que marchar fóra para acceder, e alí non se pode estudar en concreto a música galega, e boa parte dos musicólogos galegos acabamos estudando temas de fóra”. Polo momento, os que queiran introducirse na historia da arte sonora, teñen aquí unha opción. Máis de 400 páxinas que se poden adquirir por 44 euros ata o vindeiro 16 de abril cun 25% por cento de desconto.