Noticias
Quinito Mourelle lanza Paradero desconocido
Xénero: | 7 / 5 / 2013
Abandonando o cuarteto, o músico de jazz Quinito Mourelle aposta polo dúo para o seu novo proxecto. Paradero desconocido é o título do álbum no que o pianista está acompañado por Roberto Somoza ao saxo. Composicións propias nas que, por vez primeira Mourelle amosa a súa capacidade como letrista en dous temas nos que participa Lucía Souto na voz. O álbum foi gravado ao vivo o pasado mes de decembro no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela e presentouse o pasado día 4 cun concerto no Museo de Belas Artes da Coruña
O cancioneiro en dixital
Xénero: | 7 / 5 / 2013
Considérase a pedra basilar da recuperación da nosa música tradicional galega. O Cancioneiro popular galego que compilou Dorothé Schubarth coa colaboración de Antón Santamarina supón unha achega inigualable cuxa importancia medra cos anos. Agora, a Fundación Barrié, que a editara orixinalmente, pon na rede unha versión dixital da obra que, de certo, ha supor un grande pulo á súa popularización. Repasamos con músicos do país a importancia deste traballo e o seu impacto na música de raíz.
Guezos é o único grupo galego na final do Proxecto Runas
Xénero: | 6 / 5 / 2013
A organización do Festival de Ortigueira daba a coñecer esta fin de semana os catro grupos finalistas do Proxecto Runas, que se poderán ver ao vivo na edición do evento deste ano. Guezos é a única banda galega que accedeu a esta fase, e actuará o xoves 11 de xullo competindo cos vascos Ruaille Buaille, os baleares Boc e Folk on Crest, de Castela e León. O grupo que presente un mellor directo levará un premio de 2.500 euros e incorporarase ao cartel da vindeira edición.
Nicolás Pastoriza presenta Poetas y motocicletas
Xénero: | 3 / 5 / 2013
Sons psicodélicos con aires ás grandes bandas dos anos 60 compoñen o novo traballo de Nicolás Pastoriza. Poetas y motocicletas achega sete temas nunha dupla edición en CD e en Vinilo está xa dispoñible para os interesados. Producido por Iván Ferreiro, que tamén colabora no disco, o álbum está autoeditado e pode escoitarse tamén no seu web de Pastoriza.
O XVII Festival de Primavera achega a Ourense dez bandas de Jazz
Xénero: | 2 / 5 / 2013
Maio soará a jazz un ano máis en Ourense. O Festival da Primavera comeza o vindeiro día 7 unha programación na que conta con dez bandas que impartirán un total de 14 concertos na cidade. O Harold Mabern Trío abrirá o ciclo, que conta con nomes coma Jorge Pardo, Tom Harrel e Pat Martino entre outros. Nani García, Jambo Cuarteto e Marcos Pin compoñen a representación galega do evento, que organiza o Café Latino co apoio do Concello e da Fundación Florencio Álvarez.
Grampoder debuta con Golf Whiskey
Xénero: | 30 / 4 / 2013
Martin Wu e LeRoi, membros de The Homens, voltan á carga mentres deixan descansar este grupo cunha nova formación. Co nome de Grampoder lanzan Golf Whiskey, un álbum con doce temas de "rock portátil, pop campestre, folk psicodélico, hardcore comeflores", segundo eles mesmos definen o proxecto. Unha proposta artesá e de pequeno formato coa que o dúo pretende desenvolver concertos privados e para públicos reducidos e que se gravou nos estudios composteláns A Ponte. O volume estará dispoñible a comezos do mes de maio en formato físico da man de Discos da Máquina, e ata entón o grupo está subindo a Bandcamp os temas que o compoñen. O vindeiro día 7 de maio un concerto na Casa das Crechas, en Compostela, servirá de presentación do traballo, e a xira continuará por Cervo o día 10.
Miniaturas de Eugenio Granell leva un premio Cubadisco
Xénero: | 29 / 4 / 2013
O traballo do músico cubano Alejandro Vargas co disco Miniaturas de Eugenio Granell / Música revelada valeulle un Premio Especial do certame Cubadisco, considerado o máis importante da illa caribeña. O disco, editado pola Central Folque, recupera da man de Vargas e de diferentes músicos galegos partituras inéditas de Eugenio Granell.
Xan Solo presenta Con carácter local
Xénero: | 29 / 4 / 2013
Con carácter local é o título do terceiro de CD de Xan Solo. O musico continúa nesta ocasión pola súa aposta polos temas de autor, con letras irónicas e toques sombríos. O volume, autoeditado, gravouse nos Estudios Broño de Negreira, e conta coas colaboracións de Justo lera, Eduardo recarey, X M Lago, Hector Lera, Cristina Morquillas e o voz de Yolanda Ruzo. O restaurante Ponte Maceira, en Negreira, acolle o vindeiro 3 de maio o recital de presentación do novo álbum.
A Cidade da Cultura acollerá o ciclo Pel de galiña
Xénero: | 26 / 4 / 2013
Cinco concertos de "música que emociona", esta é a proposta que achega a Cidade da Cultura a partir do vindeiro 21 de maio. A israelí Noa, acompañada do cuarteto napolitano Solis String Quartet abrirá esa noite o ciclo Pel de galiña, que se prolongará ata o 26 de xuño. Seguirana Silvia Pérez Cruz con Javier Colina, a pianista Gabriela Montero, Uxía e Gregory Porter, que fechará o evento. As entradas están á venda a un prezo de entre 10 e 14 euros.
Heredeiros da Crus voltan con Jard Rock con Fe
Xénero: | 26 / 4 / 2013
A discoteca LP-45 de Ordes, que acolleu no seu día o retorno do grupo aos escenarios, verá o vindeiro 24 de maio a presentación do novo traballo de Heredeiros da Crus. O grupo lanza, da man de Airapro, Jard Rock con fe un disco no que o aseguran manter intacto o estilo que os lanzou á fama hai xa dúas décadas. Está xa dispoñible na rede A Duquesa de Poi, primeiro single do novo traballo que se gravou nos estudios Bruar da Coruña e nas instalacións da Escola Municipal de Música de Boiro. Os interesados en acudir ao concerto poden adquirir xa as entradas a un prezo de 25 euros incluído o CD.


