Ir ao contido directamente.


Noticias

Concertos conmemorativos

Xénero: Miscelánea | 23 / 5 / 2013

imaxe non dispoñible

A compostelá Sala Capitol acolle o vindeiro 25 de maio o concerto de décimo aniversario de Dios Ke Te Crew. O grupo de hip-hop prepara unha actuación especial na que prometen moitas sorpresas e ademais agasallará os asistentes cun CD no que se inclúen dous temas inéditos. De xeito paralelo, voltan aos escenarios logo de once anos, Dhais. O coñecido grupo de folk actuará o vindeiro 24 de maio no marco da Gala dos Premios Opinión. O retorno realízase como unha homenaxe ao frautista Luís Areán e mais ao baixista César Morais, membros do grupo que finaron.

Xoel López finalista a mellor artista dos Premios da Musica Independente

Xénero: Miscelánea | 22 / 5 / 2013

imaxe non dispoñible

Hoxe déronse a coñecer en Madrid os finalistas aos Premios da Música Independente. Un recoñecemento aos traballos de discográficas, artistas e profesionais que se moven no eido. Xoel López, co seu último traballo Atlántico, é finalista na categoría de premio Estrella Galicia ao mellor artista español. Tamén está o nome de Abe Rábade entre os autores de Café Latino 25 Aniversario finalista a mellor álbum de jazz e músicas contemporáneas. Entre as novidades desta edición, destaca a creación dunha categoría para o mellor álbum en lingua galega. Os gañadores saberanse o vindeiro 17 de xuño no transcurso dunha galega.

Galego para días libres

Xénero: Infantil | 21 / 5 / 2013

bababum_capa.jpg

Un caderno didáctico con actividades para vacacións dirixido aos máis novos da casa en galego, castelán e inglés. E que inclúe un disco con temas de Aries, Grampoder, Wild Balbina, Musel, Álex Casanova, Javi Pretty, Montañas e Sacramento. Bababúm vacacións é un proxecto que xorde do traballo de Cinta Arribas e María Ramos e mais de Carlos Pereiro (Carlangas de Novidades Carminha) na parte musical. Segundo explican os promotores, a intención desta iniciativa é propor actividades que pais e fillos poidan desenvolver en conxunto. Os interesados en coñecer polo miúdo o proxecto terán unha ocasión na Romaría Pop que se celebra no compostelán parque de Belvís o vindeiro 15 de xuño.

Banda Baile Asalto convida á festa

Xénero: Folk | 20 / 5 / 2013

banda_baile_asalto_capa3.jpg

Temas de festa e de baile, tirados da tradición mais mesturados con metais, guitarras, batería e toques de jazz. Cos seus seis membros repartidos entre Pontevedra e Vigo, Banda Baile Asalto presenta o seu primeiro disco, homónimo do grupo. Gravado nos estudos composteláns A Ponte, en grande medida ao vivo, o CD achega dez temas mais un bonus e conta con colaboracións como as de Eliseo Parra, Uxía Senlle ou Rodrigo Romaní entre outros. O grupo está a desenvolver unha xira de presentación que pasou xa por Compostela, Boiro ou Vigo.

O grupos asaltan as verbenas

Xénero: Miscelánea | 20 / 5 / 2013

imaxe non dispoñible

Ofertar unha alternativa ás orquestras e introducir concertos de grupos galegos nas programacións festivas de verán. Este é o obxectivo de dous proxectos que se acaban de presentar en paralelo, Verbena Galega e Galicia on The Road. Detrás, para alén da crise, está o convencemento de que temos música para todos os gustos e que está a mudar o público das festas.

PortAmérica fecha o seu cartel

Xénero: Miscelánea | 16 / 5 / 2013

imaxe non dispoñible

Banda de Turistas, Editors, Gin Ga, La Habitación Roja, Niños Mutantes, Niño y Pistola, Sala & the Strange Sounds, Sethler e Vetusta Morla son as incorporacións que completan o cartel de PortAmérica. O festival que se celebrará en Nigrán entre o 18 e o 20 de xullo ten xa á vendas as entradas e contará cun total de 24 bandas. Ademais, o evento contará de novo coa presenza do grupo nove no apartado gastronómico, e acollerá a estrea de Portamérica año cero, un documental que recolle a xestación deste evento e que conta coa participación do propio público do evento, a achegar as súas propias gravacións. O proxecto está dirixido por Alberto Baamonde e Alexandre Cancelo.

Pito de Pikasso volta con Arrock con chícharos

Xénero: Rock | 15 / 5 / 2013

arrock_con_chicharos_capa_pito_pikasso.jpg

Dous anos despois do último traballo, os composteláns Pito de Pikasso presentan Arrock con chícharos, terceiro disco da formación. O novo álbum, autoeditado, foi gravado no Laboratorio Soyuz e achega doce temas de punk rock en galego. O disco presentarase o vindeiro sete de xuño cun concerto na compostelá Sala Capitol no que tamén estarán Vicky Polard.

Forraje lanza Quejidos que no escucha nadie

Xénero: Rock | 14 / 5 / 2013

quejidos_que_no_escucha_Forraje_capa.jpg

A Sala Moon de Compostela acolle este xoves, a partir das 22 horas, o concerto de presentación de Quejidos que no escucha nadie, o cuarto disco de Forraje. A banda da Pobra do Caramiñal lanza o álbum da man de Warner Music Spain e coa produción de Kolibrí Díaz, de Marea. Dez temas de rock con letras coidadas e un grande protagonismo das guitarras que conta con colaboracións como a de Robe, de Extremoduro. O concerto contará tamén coa participación de Memoria de Pez, grupo que presenta Tocar madera, o seu novo disco.

Uxía presenta Rosalía pequeniña

Xénero: Infantil | 13 / 5 / 2013

Rosalia_pequeninha_capa.jpg

A Editorial Galaxia presentaba esta mañá Rosalía pequeniña, un libro disco que mestura poemas de Rosalía de Castro, ilustracións de Marina Seoane e mais a voz de Uxía. O proxecto, editado na colección Sonárbore, está dirixido aos máis pequenos da casa e presenta unha Rosalía meniña que busca dialogar directamente cos ouvintes. No disco atópanse colaboracións como as de Sés, Isaac Palacín, Habelas Hainas ou Magín Blanco, e con Sergio Tannus a cargo da gravación e da dirección musical. O volume conta cun total de 28 páxinas e sae á venda por 20 euros.

Esquíos lanzan Porcocan

Xénero: Rock | 10 / 5 / 2013

capa_porcocan_esquios.jpg

O sexto disco de Esquíos está xa na rúa e mais na rede. Porcocan mantén o ton punk-rock do grupo en 12 temas cheos de enerxía e con grandes doses de crítica social. O grupo desenvolvera unha campaña de crowdfunding para financiar este proxecto, que finalmente non conseguiu fondos abondos para cubrir os gastos de lanzamento. O volume foi gravado nos estudios Abrigueiro, e os primeiros concertos de presentacion serán o 25 de maio no Pub Gañetes da Estrada e o día 31 en Pontemuiños, Pontevedra.

<< Inicio / Anterior . 2071 a 2080 de 3582 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR