Ir ao contido directamente.


Noticias

Sés volta con Co xenio destrozado

Xénero: Jazz/Blues | 6 / 6 / 2013

co_xenio_destrozado_ses.jpg

Logo do éxito de Admirando a condición, María Xosé Silvar, Sés, volta con Co xenio destrozado. Editando desta volta don Fol Música, a cantante propón novos temas na súa liña de mestura rock, soul ou rythm&blues. Acompañada por Tito Calviño na guitarra, Marcos Pazo á batería e Fran Sanz co baixo, a propia Sés correu coa produción do disco nos estudios Bruar da Coruña. Un concerto no Teatro Principal de Santiago serve de presentación do proxecto o venres 7 de xuño. O CD sae á venda o vindeiro martes 11.

En marcha o Festival de Música Cidade de Lugo

Xénero: Miscelánea | 6 / 6 / 2013

imaxe non dispoñible

O pasado 31 de maio iniciou a súa actividade o Festival de Música Cidade de Lugo-XLI Semana de Música do Corpus. Logo dos primeiros concertos, a actividade continúa hoxe cunha sesión de Sinfonías de peto Haydn e Mozart a cargo de La Tempestad e prolongarase ata o vindeiro 12 de xuño. Pola súa banda, a Fundación Vicente Risco presentaba onte en Ourense o I Curso de Música Medieval de Galicia, que se desenvolverá entre o 23 e o 29 de agosto e ten xa aberta a súa inscrición. O programa desenvólvese entre Allariz, Celanova, Maceda e Xunqueira de Ambía e inclúe actuacións musicais.

Músicos á beira do mar

Xénero: Rock | 6 / 6 / 2013

imaxe non dispoñible

Retratar grupos de rock da Cidade Olívica nalgún punto da Ría de Vigo. Baixo estas sinxelas premisas o fotógrafo Áitor NOVA botou a andar o proxecto Rock`n`Ria. Polo momento, unha vintena de formacións xa están retratadas á beira ou mesmo dentro do mar. NOVA sinala no seu web que pretende compilar este proxecto no futuro en forma de libro ou de exposición, e polo momento deixa as súas imaxes baixo dominio público con licenza Creative Commons CC BY-ND 3.0, que premite o seu emprego citando o autor.

O SonRías Baixas completa o seu cartel

Xénero: Miscelánea | 5 / 6 / 2013

imaxe non dispoñible

Los Enemigos, Dakidarría, Riot Propaganda, Foxy Freire ou Boikot son algunhas das incorporacións ao Sonrías Baixas que se confirmaron esta mañá. O festival, que se celebra os días 2 e 3 de agosto en Bueu conta tamén, como xa anunciara, con Toy Dolls e Talco en cartel. Pola súa banda o festival Derrame Rock muda de localización e trasládase de Oira a Bemposta, aínda que mantén as datas previstas, 28 e 29 de xuño. Ao tempo, o ImaxinaSons de Jazz de Vigo, previsto para arrincar o vindeiro 27 de xuño, continúa sen ter fechado o seu cartel.

Ø4. el conjunto vacío é o novo traballo de Igloo

Xénero: Indie | 5 / 6 / 2013

igloo_conjunto_vacio.jpg

Bases rítmicas máis potentes e un son que, segundo a discográfica, recupera o estilo de La transición de fase marcan Ø4. el conjunto vacío, o último traballo de Igloo. O cuarto disco da banda achega once temas de indie-pop no que as letras de Beni Ferreiro manteñen a identidade do grupo, que estrea formación para este lanzamento. O traballo gravouse en El laboratorio criogénico, Caldas de Reis, e mesturouse en Planta Sonica2, en Vigo. Ø4. el conjunto vacío preséntase como un traballo dividido en dous disco dos cales este sería o primeiro e haberá que agardar ata o 2014 para o segundo. A sala Mardigrass da Coruña abre a xira de presentación deste traballo o vindeiro 14 de xuño, que seguirá pola sala Karma de Pontevedra o 21 e pola viguesa La fábrica de chocolate o 22.

Kérkennai volta con Un soño cotián de bolboretas

Xénero: Folk | 4 / 6 / 2013

kerkennai_sonho_cotian_bolboretas.jpg

Desde a Baixa Limia o grupo Kérkennai lanza o seu terceiro traballo. Un soño cotián de bolboretas é o primeiro disco da banda desde 2007, no que continúa a aposta polo folk cun son no que se atopan o violonchelo a frauta, as guitarras ou o bouzouki, alternando sons tradicionais con incursións en xéneros coma o jazz. Os nove temas graváronse nos estudios Phonos da Estrada e o disco está autoeditado. O traballo contou coas colaboracións de Uxía, Pablo Díaz e Pedro Pascual entre outros.

Cine e música ofrecen novas propostas no CGAC

Xénero: Miscelánea | 3 / 6 / 2013

imaxe non dispoñible

O Centro Galego de Arte Contemproánea é nova estes días por actividades que non teñen que ver exclusivamente coa arte contemporánea. Dunha banda, porque acaba de ser a sede dun ciclo de cinema que exhibiu as relacións entre teatro e cinema por medio de cinco propostas de diversa natureza do audiovisual catalán. Da outra, porque acaba de presentar unha nova edición das Xornadas de Música Contemporánea que terán lugar do 27 de setembro ao 31 de outubro de 2013 en diferentes espazos da cidade.

Agoraphobia leva o I Premio SonRías

Xénero: Miscelánea | 29 / 5 / 2013

imaxe non dispoñible

O grupo Agoraphobia, de Boiro, actuará no XII Festival SonRías Baixas logo de gañar o primeiro Premio Sonrías, dotado con 1.000 euros. Tamén se poderá ver neste evento o grupo Vortex, que se proclamou vencedor do premio Sonradio, que lle valerá gravar unha maqueta da man da Radio Galega. O xurado acordou tamén outorgarlle un accésit á banda máis votada polo público, os pontevedreses Qué desilusión!, que actuarán na Troula Benvida, sesión de apertura do festival, e levarán un premio de 300 euros. Os galardóns están convocados en colaboración polo festival e mais a CRTVG.

Rodrigo Romaní foi o gran vencedor dos XII Premios Opinión de música folk

Xénero: Folk | 27 / 5 / 2013

imaxe non dispoñible

O sábado celebrouse no Teatro Rosalía da Coruña a gala de entrega dos XII Premios Opinión de Música Folk. Un certame no que Rodrigo Romaní fixo dobrete cos premios a mellor canción (por Terra de Melide) e mellor artista do ano. Luar Na Lubre recibiu o premio a mellor disco galego de folk polo seu traballo Mar Maior. Pablo Barreiro Rivas, director do arquivo sonoro da Radio Galega e compositor, recibiu tamén o Premio Opinión Andaina Senlleira. As cantareiras Taravela, un grupo da Escola Municipal de Folclore de Betanzos e a reaparición de Dhais, que homenaxeou aos finados César Morais e Luís Areán, completaron as actuacións musicais desta gala.

Primeiro disco de Rafa Fernández Quinteto

Xénero: Jazz/Blues | 27 / 5 / 2013 + AUDIO

rafa_fdez_quinteto_capa.jpg

Max Gómez á batería, Pablo Castaño no saxo alto, Alex Salgueiro ao piano eléctrico, Xacobe Martínez co contrabaixo e Rafa Fernández na guitarra e composición forman o Rafa Fernández Quinteto. A formación acaba de publicar, da man de Freecode Jazzrecords o seu primeiro traballo homónimo do grupo, 9 temas de jazz vencellados á terra (Cospeito, Río Mao) e as persoas máis próximas a Fernández (Tío Oli, Uxia, Paquiño) gravados en xaneiro de 2013. Rafa Fernández (Noia 1983) lidera esta banda que tamén compaxina co Rafa Fernández Trío. Nesta ocasión faise acompañar doutros novos pero experimentados músicos de jazz formados moitos deles con estancias en Nova York e no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra con Paco Charlín.

<< Inicio / Anterior . 2061 a 2070 de 3582 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR