Noticias
Xoel López imponse nos Premios da Música Independente
Xénero: | 18 / 6 / 2013
O Mellor artista do Ano e o Mellor Disco de Canción de Autor. O coruñés Xoel López e o seu traballo Atlántico impuxéronse nos V Premios da Música Independente que se entregaron onte no Teatro Nueva Alcalá de Madrid. A presenza galega entre os galardoados completouse co premio que levou Magnético Zen de Xoán Curiel, na categoría de mellor traballo en galego.
Á sombra da oliveira é o novo de Tanxedoras
Xénero: | 17 / 6 / 2013
Cinco anos despois do seu primeiro lanzamento, as viguesas Tanxedoras presentan o seu segundo disco. Á sombra da oliveira inclúe nada menos que 17 temas tradicionais nos que as voces e diferentes formas de percusión, como gaitas, pandeiros ou sachos, son protagonistas, aínda que non faltan tampouco outros instrumentos como as gaitas e os acordeóns. As cinco compoñentes do grupo sinala que no seu traballo buscan a fidelidade ao xeito tradicional de interpretación.
Un novo volume facilita a aprendizaxe da gaita
Xénero: | 17 / 6 / 2013
Juan Luna é o autor de O gaiteiro técnico, un volume que pretende facilitar a iniciación ao instrumento por excelencia da nosa música tradicional. Orientada a principiantes, a obra presenta 248 exercicios, 6 estudos e 16 preludios e foi editada pola asociación A Píntega Marela, que anuncia a súa intención de continuar unha serie de obras para a formación sobre este instrumento. De xeito paralelo, preséntase o vindeiro 17 de xuño en Compostela un volume editado hai case un ano, Manüele de pandeireta e canto tradicional. Da man de Xandre Otero a obra, que vai pola súa segunda edición, recolle cantares de Fornelos de Montes, Mondariz, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas e O Covelo, e pretende ser a primeira dunha colección con esta temática.
Preséntase o 29 Festival de Ortigueira
Xénero: | 14 / 6 / 2013
Entre o 11 e o 14 de xullo a vila de Ortigueira acollerá o seu mundialmente coñecido festival, que celebra este ano a súa 29 edición. A organización daba a coñecer onte o programa desta xeira, que terá os bretóns Gwendal como principais estrelas. Canda a eles, Os Cempés, Guidewires e Dán son algúns dos grupos dun cartel que inclúe tamén a Bagad Glazik Kemper, Banda Crebinsky, Riobó ou Kan. No marco do Proxecto Runas para grupos que están a comezar a súa carreira, poderán verse a Guezos (Galicia), ]olk on Crest (Castela León), Boc (Illas Baleares) e Ruaille Buaille (País Vasco).
Sinsal volve convocar o seu festival sen anunciar o programa
Xénero: | 13 / 6 / 2013
Serán os días 27 e 28 de xullo e o escenario A Illa de San Simón. O festival Sinsal San Simón 2013 contará con 7 actuacións principais nos dous escenarios. O primeiro ás 12:15 e o último ás 20:00 horas. E non sabemos máis. Repetindo a fórmula iniciada en 2012, o colectivo Sinsal irá soltando pistas sobre as formacións participantes neste encontro que seguirá na liña de programación habitual do colectivo. As entradas (con prezos diferentes en función das datas) xa están á venda.
A Requinta da Laxeira lanza Maise
Xénero: | 12 / 6 / 2013
Coa reivindicación do tipo de frauta que lles dá nome por bandeira, o grupo A Requinta da Laxeira acaba de publicar Maise, o seu segundo disco. Como no primeiro lanzamento, a música para requinta é a base dun son no que incorporan tamén voces, percusións, gaitas e acordeóns e que ten na festa e na alegría a súa razón de ser. O grupo, que está integrado na Asociación Cultural San Campio, presentou o novo disco o pasado día 8 na compostelá Sala Capitol, e ten previstas actuacións en eventos como o Festival de Narahío (6 de xullo) ou a Romaría de San Roque en Moraime (17 de xullo).
Hacer lo que quiero é o novo de Aid
Xénero: | 10 / 6 / 2013
Violíns, pianos, violonchelos ou guitarras acústicas incorpóranse ás bases rítmicas que a rapera viguesa Aid presenta no seu novo disco. Hacer lo que quiero mestura letras en galego, inglés e castelán en moitos casos con fondo autobiográfico e conta con colaboracións como as de Vthov, Keyaman & Tos ou Efesio. O disco, editado por Tomate Azul Records, terá a súa posta de longo o vindeiro 21 de xuño cunha actuación nas instalacións de Vigosónico, que se transmitirá vía Internet.
Cantando a Galicia: O retorno ás verbenas
Xénero: | 10 / 6 / 2013
"Temas míticos da verbena clásica", incluíndo cancións como Lela, Aí vén o Maio, grupos como Los Tamara e Los Satélites ou cantantes como Andrés do Barro ou Ana Kiro, pasando por boleros, pasodobres ou cha-cha-chas. Esta é a proposta de Cantando a Galicia, o espectáculo que acaban de presentar Sito Sedes, Paco Lodeiro e Rosa Cedrón e que pretende proporse como unha alternativa para as verbenas deste verán. O proxecto inclúe ademais un disco, editado por Nakra e gravado nos estudios desta compañía na Coruña. O traballo recollerá nove temas clásico do repertorio de verbenas e sairá á venda o vindeiro 17 de xuño.
Compostela acolle o concerto infantil dedicado a Rosalía
Xénero: | 7 / 6 / 2013
No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía é o título da actividade que organizan para esta tarde o Consello da Cultura e mais a Consellaría de Cultura. A iniciativa consiste nun concerto no que 400 nenos e nenas de 8 a 12 anos pertencentes ao alumnado de centros de ensino musical interpretarán Maio longo, Rosa de abril, En Cornes e Negra sombra, acompañados polo grupo de metais Hércules Brass e baixo a dirección de Maximino Zumalave. Aínda que a actividade estaba prevista para se realizar na Praza da Quintana, finalmente será a igrexa de San Domingos de Bonaval a que acolla o evento a partir da 17:30 horas de hoxe.
A Federación Galega de Festivais presenta o seu calendario
Xénero: | 7 / 6 / 2013
A flamante Federación Galega de Festivais, que naceu esta primavera, deu a coñecer o calendario de eventos que integra. Unha trintena citas musicais, desde xuño a setembro, fan parte desta iniciativa, entre elas algunhas ben coñecidas como o Castañazo Rock, (1 e 2 de novembro), Ao son do Masma (8 de xuño), as Revenidas de Vilaxoán (19 e 20 de xullo) o Festival de Poesía do Condado (30 e 31 de agosto) ou a Rebusca (14 e 15 de xuño).


