Un (desa)fío musical
abril 18, 2013
A idea é moi atractiva. Xuntar a recoñecidos músicos de diferentes instrumentos, estilos e nacionalidades nun mesmo espazo durante varios días para traballar de xeito conxunto. Que cada un deles propoña un tema musical sobre o que cada un achegue o seu gran de area e ver o resultado nun gran concerto. A experiencia, que comezou en 2012, regresa á Cidade da Cultura co mesmo nome Galician Connection. Neste playlist achegamos algúns dos temas sobre os que traballarán de cara ao concerto deste sábado (21:00 horas).
Galician Connection 13 (2013)
Oito músicos. Mellor aínda, oito artistas internacionais moi recoñecidos. Da banda de fóra, Jorge Pardo, saxofonista e clarinetista nomeado mellor artista de Jazz europeo hai pouco tempo; Wu Tong, considerado unha das figuras máis importantes da música tradicional chinesa que xa estivo no proxecto na primeira edición; Omar Sosa, director de orquestra e pianista de jazz cubano; William Harvey, o violinista e emprendedor americano residente en Afganistán, e Eliseo Parra, percusionista e especialista en músicas tradicionais. E da banda daquí, o acordeonista de jazz galego (aínda que agora reside nos Estados Unidos) Víctor Prieto; a cellista e cantante galega Rosa Cedrón; e o percusionista galego Isaac Palacín. Todos eles coordinados por Cristina Pato, auténtica directora artística deste proxecto.
O Galician Connection é un gran laboratorio musical a cargo de oito grandes artistas internacionais, seminarios de traballo, foros, charlas e un gran concerto de clausura no Museo Centro Gaiás. A cita, que arrinca hoxe desenvólvese ata o vindeiro domingo en diferentes espazos da Cidade da Cultura.
Nesta ocasión, culturagalega.org ofréceche unha playlist co algúns dos temas (El Payo, Alma, Nenela Kanou e Yanzi) que fan parte do repertorio do concerto deste sábado.