Ir ao contido directamente.


Noticias

Coñécense os finalistas dos XIII Premios Opinión

Xénero: Folk | 28 / 2 / 2014

imaxe non dispoñible

Budiño, con tres candidaturas a mellor disco, mellor canción e mellor artista, parte como favorito na XIII Edición do Premios Opinión de Música Folk. O xornal La Opinión publica hoxe a lista de finalistas ao certame, no que tamén destacan Najla Shami, que opta aos galardóns a mellor tema e mellor artista, e mais a Orquestra Sondeseu, que compite nos apartados de mellor tema e mellor disco. Nesta última categoría destaca a presenza de Kepa Junkera co seu Galiza e completa a lista Kérkennai con Un soño cotián de bolboretas.

Carlos Childe abre o seu estilo en More nights than days

Xénero: Jazz/Blues | 28 / 2 / 2014

imaxe non dispoñible

Logo de sete anos, Carlos Childe presenta o seu segundo traballo discográfico. More nights than days explora as possibilidades das voz rasgada do cantante, que se abre do blues clásico a estilos que se achegan ao funk, ao soul e ao son Motown. En total son sete temas de composición propiva que gravou ao ao vivo en só doce horas de estudio. O Club Garufa na Coruña acolle o vindeiro sábado 1 de marzo a presentación do álbum. Childe actuará tamén na Blues Night que celebra a Sala Capitol o 25 de abril.

Mónica de Nut e Borja Fernández reconstrúen a Barbazul

Xénero: Clásica/Lírica | 25 / 2 / 2014

imaxe non dispoñible

Logo da estrea o pasado día 20, aínda fican catro oportunidades máis para ver Barbazul. Unha sabotaxe amorosa, a nova montaxe de Mónica de Nut e Borja Fernández, na compostelá Zona C. Entre o xoves 27 de febreiro e o domingo 2 de marzo, o espazo acolle a reinterpretación que os dous artistas realizan do conto clásico na forma dunha opereta para soprano e clown. O libreto de Bela Bálasz para unha ópera de Bartok sérvelles de base aos dos creadores para presentar un espectáculo no que reivindican "o romántico, os dobles sentidos, as metáforas e todo iso que nos aparta desta realidade, asimesmo, tamén falsa, que nos queren vender".

Galaxia crea unha canle de videos musicais en Youtube

Xénero: Infantil | 21 / 2 / 2014

imaxe non dispoñible

Recoller os videoclips de cancións incluídas na colección Sonárbore. Este é o obxectivo de SonárboreTV, a canle en Youtube que acaba de abrir a editorial galaxia e que compila polo momento 17 vídeos para os máis novos. Os libro-discos Bicos de música de Mamá Cabra e mais María Fumaça protagonizan a posta en marcha da canle, aos que se irán sumando, segundo anuncia a editora, novas producións.

O VII Ciclo 1906 Jazz trae 23 concertos a Galicia

Xénero: Jazz/Blues | 21 / 2 / 2014

imaxe non dispoñible

O festival que promove Estrella Galicia, o Ciclo 1906 Jazz, chega a súa sétima edición cun programa que achegará 23 concertos por todo o país entre marzo e xuño deste ano. Os clubes serán os grandes protagonistas do encontro, que programa cadanseus tres recitais no Jazz Filloa da Coruña, no compostelán Dado Dadá, no Xacaranjazz de Vigo, no lugués Clavicémbalo, no Latino de Ourense e mais no Blabla Café, en Ferrol. Ademais o Teatro Principal de Compostela acollerá tamén tres concertos, e o ciclo fechará cunha Maratón de Jazz Galego na Praza da Quintana o 19 de xuño.

Xoán Eiriz presenta un repertorio internacional no seu novo disco

Xénero: Cantautor | 20 / 2 / 2014

xoan_eiriz_cordas_corazon.jpg

My Way, o Adagio de Albinoni, Hallelujah de Leonard Cohen ou Lágrima de Amália Rodrigues. O cantautor Xoán Eiriz aposta por un repertorio internacional, que ademais foi seleccionado polos seus propios seguidores, para o seu décimo terceiro disco. Dende as cordas do meu corazón, interpretado integramente en galego, inclúe tamén versións de poetas como Rosalía e Cunqueiro, xa habituais nos traballos do cantautor.

Baixo a Vide volta unir viño e música

Xénero: Miscelánea | 19 / 2 / 2014

imaxe non dispoñible

Seis concertos nos que a música se integran coa cultura do viño. Esta é a proposta da segunda edición de Baixo a Vide. Concertos con Denominación de orixe. Maronda abre esta mesma noite a edición cun directo no Kuntshalle en Santiago. Neil Halstead o 19 de marzo no Teatro Principal e Tortel na Casa das Crechas o 22 de maio completan as actuacións na capital. En Ourense será o Café Torgal o que acolla o 11 de abril o traballo de Emily Jane White, mentres que Sidonie fechará o cartel do encontro cun concerto nas adegas Regina Viarum.

Ourense acollerá a VII edición do Festival Pórtico do Paraíso

Xénero: Clásica/Lírica | 19 / 2 / 2014

imaxe non dispoñible

Seis solistas de grupos de música clásica compoñen o cartel do VII Festival Internacional Pórtico do Paraíso. Ourense acolle entre o 13 e o 23 de marzo esta cita na que participan destacados intérpretes como o grupo vocal francés Diabolus in Musica, o pianista lituano Karolis Biveinis, a formación británica de percusión O Duo, o guitarrista barroco Hopkinson Smith e mais o Duo Amal, composto polos pianistas Bishara Haroni, de Palestina, e Yaron Kohlbergm, de Israel.

Cambados e Sada obteñen fondos do Ministerio para actividades culturais

Xénero: Miscelánea | 17 / 2 / 2014

imaxe non dispoñible

Só dous concellos galegos obtiveron fondos do Ministerio de Educación e Cultura na convocatoria de axudas a corporacións locais "para actividades culturais que fomenten a comunicación cultural". En concreto, Cambados obtivo 40.000 euros para desenvolver o ciclo Música con D.O., que está previsto para o vindeiro verán e que incluirá actuacións musicais de diferentes estilos, espectáculos e actividades de dinamización de rúa entre ouras propostas. A iniciativa desenvólvese en colaboración co Concello de Peñafiel, que desenvolverá unha programación paralela e que tamén obtivo fondos do Ministerio para o proxecto. Pola súa banda, Sada contará con 50.000 euros desta entidade para financiar o Festival Musical Ismos, que se integra no programa da súa Feira Modernista.

Dorothé Schubarth leva o premio Andaina Senlleira de La Opinión

Xénero: Folk | 14 / 2 / 2014

imaxe non dispoñible

O traballo da musicóloga suíza Dorothé Schubarth na elaboración do Cancioneiro popular galego acaba de ser recoñecido co VII Premio Andaina Senlleira. Esta galardón que recoñece toda unha traxectoria de traballo a prol da nosa música está organizado polo xornal La Opinión e entrégase en paralelo aos Premios Opinión de Música Folk. O xornal adianta hoxe que a gala da XIII edición destes galardóns celebrarase o vindeiro 30 de maio no Teatro Rosalía da Coruña. Pablo Devigo, Saiva Nova, PeldeNoz e Anxo Pintos con Serxo Ces serán as acutacións que acompañarán o evento.

<< Inicio / Anterior . 1901 a 1910 de 3582 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR