Ir ao contido directamente.


Noticias

Cazador aposta polo deseño para o seu primeiro lanzamento

Xénero: Rock | 12 / 2 / 2014

Cazador_ep_capa.jpg

O grupo Cazador, formado con antigos membros de Yoplay e Noise Project, presenta o seu primeiro EP. Cazador achega tres temas cun orixinal envoltorio, xa que se remite nun paquete cun coidado deseño no que se inclúe un lapis USB cos temas, un vídeo e a capa do traballo acompañados dun cartucho de caza. O grupo presenta un son que remite ao rock psicodélico dos anos setenta con toques escuros. O EP, que se gravou o pasado outono e que pode escoitarse en Bandcamp, está á venda por oito euros e comeza a súa distribución este mes.

Música do Facebook ao Museo

Xénero: Miscelánea | 12 / 2 / 2014

imaxe non dispoñible

O pasado seis de febreiro abría no Museo de Pontevedra a exposición Galicia, terra de músicos. A mostra fai un percorrido pola nosa historia musical do século XIX e comezos do XX mediante fotografías, documentos e instrumentos. Para alén do interese que pode ter en por si, o que fai particular esta iniciativa é que resulta dun proxecto colaborativo que se desenvolve a través das redes sociais. Milagros Bará fálanos do Proxecto Virtual Recuperación do Patrimonio Musical Galego e de como deu o salto da rede ao Museo.

Sés lidera Desaramar, un proxecto musical reivindicativo

Xénero: Miscelánea | 11 / 2 / 2014

imaxe non dispoñible

"Extender a idea de que unha outra sociedade é posíbel" e sinalar que "podemos erradicar a violencia contra as mulleres, ou contra a diferenza en xeral, educando na igualdade e facendo arte en igualdade" son os obxectivos do proxecto Desaramar. María Xosé Silvar Sés promove esta iniciativa centrada na desigualdade de xénero na que, acompañada dunha banda e numerosos colaboradores, abordará temas propios e alleos convencida do poder transformados da música. A primeira xeira desta iniciativa desenvolverase o vindeiro 7 de marzo no Centro Ágora da Coruña.

Terbutalina vai A muerte no seu sexto disco

Xénero: Rock | 10 / 2 / 2014

imaxe non dispoñible

A muerte é o título do novo disco de Terbutalina, o que supón o sexto título da súa carreira. O grupo lanzará o vindeiro 13 de febreiro o novo traballo, dez temas que, aseguran, "supoñen unha evolución na liña creativa da Terbutalina e dan forma á rabia, ao entusiasmo e á decepción". Máis peso para a composición e as melodías sen abandonar o espírito punk propio do grupo son as principais características do traballo. Gravado nos estudios A Ponte de Tomás Ageitos, a presentación oficial do traballo realizarase o vindeiro 7 de marzo cun concerto na compostelá sala Capitol.

Begoña Salgueiro e Brais González recuperan 12 canciones gallegas

Xénero: Clásica/Lírica | 7 / 2 / 2014

12canciones_gallegas_salgueiro_gonzalez.jpg

Nos anos 50 o crítico musical Antonio Fernández Cid promoveu desde a Deputación de Ourense un curioso proxecto: Encargarlle a compositores contemporáneos que elaborasen pezas a partir de textos de autores galegos. Así naceu a colección 12 canciones gallegas, na que se poden atopar poemas de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Risco ou Cabanillas acompañados dos sons de Mompou, Montsalvatge, Guridi, Toldrà ou Rodrigo. Este material, inédito ata o momento, ve agora a luz da man do dúo composto pola soprano Begoña Salgueiro e polo pianista Brais Rodríguez, que publican un libro-CD con edicións Andavira.

Berrogüetto sepárase

Xénero: Folk | 4 / 2 / 2014

imaxe non dispoñible

O grupo que é considerado de xeito unánime como un referente do noso folk a nivel internacional, Berrogüetto, disólvese. Así o anunciaron os seus compoñentes nunha mesaxe no Facebook da banda no cal non apuntan os motivos do abandono da súa actividade musical. Segundo sinalan na mensaxe, Isaac Palacín, Anxo Pintos, Quico Comesaña, Quim Farinha, Santi Cribeiro, Guillerme Fernández, Xabier Díaz despídense "cun sorriso, satisfeitos polo traballo realizado e polos obxectivos acadados". Foron 18 anos de carreira, unha candidatura ao Grammy Latino, cinco discos e un libro disco que agora rematan "conscientes e orgullosos do compromiso mantido sempre coa música e a cultura do país, guiándonos únicamente polo noso afán creativo e o noso propio e inconformista universo musical". A agradecer o apoio de seguidores e amigos, o grupo anuncia que anunciará en vindeiras datas unha xira de despedida polas principais vilas e cidades do país. Boa parte dos membros do grupo participan desde hai anos en proxectos musicais paralelos.

O estado da música nun vídeo

Xénero: Miscelánea | 29 / 1 / 2014

imaxe non dispoñible

Descubrir un panorama musical efervescente, variado e ata entón descoñecido para el foi o que levou a Bruno Vence a se achegar pola vía do documental ás bandas musicais. Galician Hifi, dispoñible na rede, amosa como as bandas contemplan unha situación que recoñecen moi positiva pero que ao tempo presenta importantes eivas.

Mapple Apple chega con Relief

Xénero: Rock | 28 / 1 / 2014

mapple_apple_relief.jpg

Coas etiquetas de rock experimental e sinfónico, o grupo coruñés Mapple Apple acaba de lanzar ao mercado Relief o seu primeiro LP. O volume achega un total de dez temas nos que as guitarras eléctricas se combinan con teclados crean atmósferas envolventes coa voz melódica de Lucía S. Calvo, que tamén é a compositora do grupo. O álbum, dispoñible en bandcamp e en tendas dixitais preséntase ao vivo o vindeiro 7 de febrero no Pato Negro da Coruña.

Milladoiro encabezará o cartel do XXX Festival de Ortigueira

Xénero: Folk | 24 / 1 / 2014

imaxe non dispoñible

O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira quere iniciar unha nova etapa a coincidir coa súa trixésima edición. Segundo anunciou onte en FITUR o alcalde da vila, Rafael Girón, Milladoiro voltará ao evento este ano como un dos pratos fortes do cartal. Ademais, o festival muda a súas datas e celebrarase entre o 17 e o 20 de xullo con vistas a se adaptar ao calendario universitario. Sen concretar máis novidades, o alcalde sinalou que o evento manterá a gratuidade, o "espírito libertario" e a calidade musical que o caracterizan.

Budiño e A Banda das Crechas visitan o Celtic Connections

Xénero: Folk | 23 / 1 / 2014

imaxe non dispoñible

Galicia conta un ano máis con representación no festival de música Celtic Connections de Glasgow. Budiño acode a este encontro para presentar o seu último traballo Sotaque con dous concertos os días 23 e 25 deste mes. Precisamente a revista World Music Central seleccionou o disco do gaiteiro como un dos dez mellores do mundo. Canda a el, a Banda das Crechas actúa no evento o vindeiro día 31.

<< Inicio / Anterior . 1911 a 1920 de 3582 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR