Ir ao contido directamente.


Noticias

O Podría ser de Paul Álvarez está xa á venda

Xénero: Pop | 23 / 1 / 2014

paul_alvarez_podria_ser.jpg

Oito temas nos que a guitarra leva a voz cantante, con toques de flamenco e chiscadelas ao pop compoñen Podría ser. O guitarrista coruñés Paul Álvarez debuta cun disco autoeditado coa etiqueta The Orchard na que amosa o seu bo facer coas cordas. Miguel Lamas, Risto Vuolanne, Iago Mouriño, Juan Cabe, Pablo Añón ou Sara Vázquz son algúns dos colaboradores que participan no lanzamento. O disco está á venda en tendas dixitais e mais en locais da Coruña como Discos Portobello ou a Cervecería A Franxa.

O Live for Madness celebrará a súa cuarta edición en marzo

Xénero: Rock | 23 / 1 / 2014

imaxe non dispoñible

O vindeiro 15 de marzo a cidade de Ourense acollerá o IV Live for Madness Metal Fest, que achega de novo unha paltaforma para sons máis potentes. Os grupos galegos Neverside, Primitive e Mutant Squad compartirán escenario cos andaluces Anvil of Doom e os madrileños Hummano. Por segundo ano consecutivo, os organizadores do evento asinaron un convenio co Banco de Alimentos de Ourense polo cal esta entidade recibirá un 10% da recadación das primeiras 250 entradas e metade de todas as demais que se vendan. Ademais, haberá un espazo para recollida de alimentos destinados ao banco e as primeiras cen persoas que doen un quilo serán convidadas a unha cervexa.

Sons´14 achegará 13 concertos na primeira metade do ano

Xénero: Miscelánea | 22 / 1 / 2014

imaxe non dispoñible

O concerto de Dorian Wood este venres 24 (que tamén fai parte do programa do Festival Sinsal) abre a programación de Sons´14, o ciclo musical do Concello de Santiago. Onte dábanse a coñecer as propostas do ciclo para os primeiros seis meses do ano, cunha selección na que predominan os sons dos jazz e da música de raíz. Así, a Orquestra Sondeseu, Roi Casal, Kepa Junquera ou Fanfaria Ciocarlia alternaranse con formacións como Sumrrá, Andrea Motis & Joan Chamorro Group, Pablo Seoane Trío ou Lara Bello ata completar un total de trece concertos. Destaca no cartel o concerto de Ute Lemper, que visita de novo a cidade cun recital o vindeiro 14 de febreiro no que reinterpreta os poemas de amor de Pablo Neruda.

Carlos Núñez repasa o legado celta no seu novo disco

Xénero: Folk | 22 / 1 / 2014

carlos_nunhez_inter_celtic.jpg

Un repaso pola música dos países celtas nun duplo CD. Esta é a proposta que fai Carlos Núñez en Inter-Celtic, o novo disco que acaba de lanzar e que presentará cunha xira por trinta cidades de Estados Unidos entre febreiro e marzo. O traballo conta con colaboracións de músicos como The Chieftains, Altan, Alan Stivell ou Ry Cooder, e achega dezaseis temas entre pezas galegas (Muñeira de Chantada), bretoas Tro Breizh ou irlandesas.

Xurxo Mares achega Revelaciones

Xénero: Cantautor | 21 / 1 / 2014

xurxo_mares_revelaciones.jpg

Revelaciones é o novo traballo do cantautor coruñés Xurxo Mares. Editado baixo o selo Gourment Sounds, o disco achega dez temas que o autor reivindica como cheos de luz e de enerxía e dos que varios, segundo sinala, inspiráronse en soños. Candas á letras cun inequívoco carácter de canción de autor clásica, o Mares incorpora no volume colaboracións como as de Álvaro Trillo, Alberte Fernández, Álex Cente, Pablo Añón, Javier Facal, Luis Tinaquero, Iago Mouriño, Rosalía Vázquez ou Alfonso Camarero, que enriquecen o son a achegar instrumentos como o piano o contrabaixo, o saxo, a batería, o acordeón ou a mandolina.

A Coruña súmase as mobilizacións contra o IVE Cultural

Xénero: Miscelánea | 20 / 1 / 2014

imaxe non dispoñible

Mañá, como cada día 21 desde hai uns meses, celébranse en todo o Estado concentracións para protestar pola aplicación dun IVE do 21% aos produtos culturais. Nesta ocasión, A Coruña súmase a esta reclamación da man das asociacións ProNOCHE, Acces e Clubtura. Os colectivos organizan unha Santa Compaña do Ocio que visitará ás 11 horas a Delegación de Facenda na Cidade Herculina.

Nelson Quinteiro debuta con Orquesta Gharbo!

Xénero: Folk | 20 / 1 / 2014

nelson_quinteiro_orquesta_gharbo.jpg

A partir do seu traballo no espectáculo Gharbo! e noutros proxectos musicais, Nelson Quinteiro lanza o seu primeiro disco. Orquesta Gharbo! chega da man de Inquedanzas sonoras con nove temas nos que se atopa unha mestura de "tangos, muñeiras e pasodobles con alalás e con jotas", segundo explica a discográfica, sen esquecer toques pop e mesmo bravú. Reinterpretacións coloridas da tradición que contan con colaboracións a cargo de Pulpiño Viascón, Silvia Penide, Diego Ameixeiras, Alex Lorenzo e o coro de homes "Os estalotes". A presentación oficial deste traballo será no Teatro Colón da Coruña o vindeiro 7 de febreiro. O álbum, que se financiou parcialmente mediante unha campaña de crowdfunding foi gravado nos estudios da Fundación Autor SGAE de Santiago de Compostela.

Dos fíos invisibles chegan as cores para Mónica de Nut

Xénero: Fusión | 15 / 1 / 2014

monica_de_nut_dos_fios_invisibles_chegan_as_cores.jpg

Música clásica, jazz, rock e tradición galega danse a man en Dos fíos invisibles chegan as cores, o segundo disco de Mónica de Nut que acaba de ver a luz da man de Freecode Jazzrecords. Un volume que presenta unha interpretación "máis visceral" e que conta co guitarrista Virxilio da Silva e coas colaboracións de Marcelo Dobode na percusión tradicional e Javi JDjazz na trompeta e fliscorno.

Catro discos galegos sitúanse entre os 50 mellores do ano a nivel estatal

Xénero: Miscelánea | 14 / 1 / 2014

victoria-mistica-triangulo-amor-bizarro.jpg

A pegada que está a ter a música galega a nivel estatal é coñecida. Agora, coa elaboración das listas do mellor do ano, pode cuantificarse ata que punto os nosos grupos acada éxito fóra do país. Entre estas, destaca a que elabora a web Jitparade, a partir de nada menos que setenta listaxes tiradas de medios especializados, magazines e blogs musicais de diferenza. Como resultado desta análise, a cabeceira conclúe que o mellor disco do ano a nivel estatal foi precisamente p Victoria mística dos galegos Triángulo de Amor Bizarro.

Dorian Wood inaugura o Festival Sinsal 2014

Xénero: Alternativa | 13 / 1 / 2014

imaxe non dispoñible

O Festival Sinsal 2014 comeza a súa andaina este mes de xaneiro. A duodécima edición do encontro de música alternativa abre o fogo con dúas actuacións do estadounidense Dorian Wood. O auditorio municipal de Vigo o día 23 de xaneiro e mais o Teatro Principal de Santiago o 24 acollerán as primeiras actuacións desta xeira, que achegan sons reivindicativos e contemporáneos que non esquecen as raíces costarricenses do artista.

<< Inicio / Anterior . 1921 a 1930 de 3582 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR