Noticias
Carrero Bianco retorna con Horror! Horror!
Xénero: | 10 / 1 / 2014
A fórmula tecnopo Pcoa que o grupo Carrero Bianco se deu a coñecer continúa vizosa no seu segundo traballo. Lanzado a finais do pasado ano, Horror! Horror! achega nove temas "cargados de enerxía" segundo adianta o propio grupo. O traballo, que foi seleccionado pola revista Mondo Sonoro como o terceiro mellor disco galego de 2013, foi gravado e mesturado na Casa Bianca de Canido, en Ferrol, e masterizado nos estudios de Víctor Gacio.
Nace o festival Primos Hermanos
Xénero: | 9 / 1 / 2014
Os grupos asturianos Fasenuova, Tuya, Elle Belga, Xabel Vegas e Pablo Und Destruktion compoñen o cartel da primeira edición do festival Primos Hermanos. Desconcierto Cultural coordina este proxecto co que se pretende achegar a Compostela os sons da comunidade veciña. Para alén dos concertos, que se celebrarán o vindeiro 15 de xaneiro nos locais Cachán, Casa das Crechas e Kuntshalle, a iniciativa propón un achegamento á gastronomía asturiana cunha sesión de sidra e un almorzo típico.
O público financia La luz de los gigantes de César de Centi
Xénero: | 7 / 1 / 2014
Logo do éxito do proxecto de crowdfunding que iniciou hai agora un ano, o cantauator César de Centi acaba de presentar La luz de los gigantes, o seu segundo traballo. O álbum, autoeditado, achega once temas nas que o músico se acompaña de diferentes instrumentos e inclúen colaboracións como a de Xosé Constenla ou Paris Joel, entre outros. O centro cultural Ágora da Coruña acollerá o vindeiro 18 de xaneiro, ás 21:30 horas o concerto de presentación do álbum, no que o artista contará cunha banda e mais cun nutrido grupo de convidados especiais.
Pablo Seijas laza o seu primeiro álbum en solitario
Xénero: | 3 / 1 / 2014
Un concerto na sala herculina LeClub o vindeiro 17 de xaneiro será a presentación pública de Para brillar, o primeiro disco de Pablo Seijas. O coruñés membro da banda Misterioso Viaje Holanda debuta en solitario cun volume autoeditado no que presenta trece temas persoais que rachan co son do grupo para apostar por un son máis pop e intimista. Logo do concerto de presentación, no que contará con banda, o artista iniciará unha xira na que traballará en solitario o formato acústico. O álbum está dispoñible en iTunes e para a súa libre escoita en Bandcamp, e o cantante anuncia a súa intención de facer unha edición física.
Paracetamol olla o punk no seu Enfermedades comunes
Xénero: | 2 / 1 / 2014
A mediados do pasado mes de decembro viu a luz Enfermedades comunes, o primeiro disco de Paracetamol. Este trío de punk-rock afincado a Vigo chega cunha fórmula na que o punk-rock se atopa co pop nunha liña que, con grandes toques de humor, recupera esencias de grupos como Siniestro Total ou Aerolineas Federales. Roque Cameselle, Coque Varela e Cristina Pena gravaron este seu primeiro proxecto en Oceano Estudios e mais no estudio Casero de Iván Ferreiro. O volume, editado por Rumble Records está dispoñible tamén en liña. A presentación oficial e estrea do grupo ao vivo será o vindeiro 4 de xaneiro en La Iguana Club de Vigo.
Quatro D Abril volta con Mundo circular
Xénero: | 27 / 12 / 2013
A sala Karma de Pontevedra acolle esta noite o concerto de presentación do novo traballo de Quatro D Abril. O grupo xoga na casa para estrear Mundo circular, un volume con nove temas que afonda na liña pop e melódica do seu primeiro traballo. Cunha nova formación na que só se manteñen dous dos catro membros orixinais, o conxunto contou coa produción de David Feito, guitarrista de El Sueño de Morfeo para o novo traballo.
PortAmérica madruga coas primeiras confirmacións de cartel
Xénero: | 19 / 12 / 2013
O Festival PortAmérica, que en 2013 se consolidou como unha das citas musicais de referencia do verán congregando a cerca de 19.000 persoas en Nigrán, volve en 2014 xuntando por terceira vez música, emprendemento, alta cocina galega e ocio. Máis de 20 artistas conformarán o cartel de PortAmérica 2014, no que os primeiros confirmados que pasarán por Porto do Molle (Nigrán) os días 17, 18 e 19 de xullo son: Triángulo de Amor Bizarro, El Columpio Asesino, Eme Dj, León Benavente, Meneo, Nikki Hill, Niños Mutantes, Sidonie e Systema Solar. Os abonos de lanzamento xa están á venda ata o 7 de xaneiro en Ticketea a un prezo de 35 € máis gastos de distribución.
Los Huéspedes felices apostan polo folk psicodélico no seu novo traballo
Xénero: | 19 / 12 / 2013
A seguir cos ollos postos no pop dos anos 60, o grupo de Fene Los Huéspedes Felices presentan no seu novo traballo unha viraxe de estilo. Las cosas que no vemos, publicado o pasado mes de novembro e dispoñible íntegro na rede amosa un achegamento ao pop-folk inglés desta época con importantes doses de psicodelia. A veterana banda, con máis de dúas décadas de traballo ás costas, aposta polo LP con CD como formato para o novo traballo, con seis temas luminosos por cada cara no que guitarras, harmonías vocais e órgano hammond conforman unha atmósfera retro. O álbum sae á luz da man de Clifford Records e está á venda por catorce euros.
Brath fusiona folk e flamenco en Codex
Xénero: | 17 / 12 / 2013
Eloi Caldeiro, compositor, voz e batería, aposta pola fusión de folk e flamenco para o novo traballo do seu grupo Brath. Codex é o título do último disco desta veterana banda, editado por Sons Galiza. O traballo ten como eixe os camiños ata a fin do mundo e incorpora toques de música africana, árabe e medieval ademais de incorporar o guitarrista Alberto Lucena. Caldeiro conta con José Rubio, Santi Suarez, Tania Capón, Alberto Sánchez e Marcos Campos para xira de presentación en marcha, que ten no Teatro Colón da Coruña (o 20 de decembro) e en Arteixo (o 28) as súas vindeiras citas.
AGADIC abre convocatorias para as redes de Salas e de Música ao Vivo
Xénero: | 17 / 12 / 2013
Espazos escénicos de ata 250 prazas e salas de concertos poderán adherirse á Rede Galega de Salas e á Rede Galega de Música ao Vivo e ofertar espectáculos e recitais do catálogo destes circuítos. A Axencia Galega das Industrias Culturais, AGADIC, acaba de publicar senllas convocatorias para novas admisións nestas redes. Entre os criterios que deben cumprir os interesados están unhas mínimas condicións técnicas, especialmente no caso das salas, que deben contar cun escenario mínimo de 25 metros cadrados e dispor dun técnico. Á hora de entrar na rede valoraranse aspectos como a antigüidade do espazo ou o número de actuacións que promove.


