Noticias
A familia que marcou a nosa música
Xénero: | 17 / 12 / 2013
Unha saga familiar con raíces catalás e suízas marcaron en boa medida o desenvolvemento da música galega nas súas vertentes cultas e populares. Un libro publicado por Alvarellos Editora en colaboración co Consorcio de Santiago recolle por vez primeira a historia da familia Courtier, que tivo unha influencia decisiva en ámbitos como a creación da tuna compostelá ou na configuración sonora da nosa música tradicional.
A Orquestra Sondeseu estrea as súas Danzas brancas
Xénero: | 16 / 12 / 2013
O Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo acolle o vindeiro mércores 18 de decembro a estrea de Danzas Brancas. A Orquestra Folk Sondeseu protagoniza co seu cuarto traballo o Concerto de Nadal da Universidade de Vigo, nun concerto que contará coa presenza de Rushad Eggerson, Kepa Junquera e a ACD O Fiadeiro. O disco, que ve agora a luz da man de Fol Música, reinterpreta o patrimonio das danzas gremiais galega da man desta formación de corenta instrumentistas con temas propios de Anxo Pintos, Xaquín Xesteira, Xosé Liz ou Rodrigo Romani.
Xavier Pagès i Corella faise co premio Andrés Gaos de Composición
Xénero: | 12 / 12 / 2013
Unha obra "cunha escritura moi precisa, mostrando o gran virtuosismo do compositor e requirindo solistas en moitas das partes da representación da orquestra", e que amosa "un gran dominio da técnica e resulta moi esixente para a orquestra". Así calificou o xurado do X Premio Andrés Gaos de Composición Desde el fondo del espejo, o traballo co que Xavier Pagès i Corella se impuxo neste certame. En total foron 53 as composicións a esta convocatoria da Deputación da Coruña que está dotada con 6.500 euros.
Continúa o devalo da música ao vivo
Xénero: | 11 / 12 / 2013
Sen afundimentos bruscos, a música ao vivo continuou en 2012 a tendencia de devalo que leva nos últimos anos. O Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura fixo público hoxe o informe no que debulla para o noso país os datos da Sociedade Xeral de Autores e Editores e do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música sobre este sector. Aínda que se produciu unha importante mingua no número de asistentes a espectáculos destes tipo, os datos non reflicten aínda a pegada do incremento do IVE sobre o sector.
Galaxia reedita Cartas que veñen e van de Mamá Cabra e Susa Herrera
Xénero: | 10 / 12 / 2013
O libro-CD Cartas que veñen e van, con cancións de Mamá Cabra e textos e letras de Susa Herrera saiu á luz en 2006 en galego e castelán da man da editorial Primerapersona, ilustrado por Lorena Pita. Agora, Galaxia recupera este volume e preséntao en galego nunha nova edición ilustrada desta volta por María Lires. Os temas presentan forma de cartas dirixidas a lobos, osos, gatos ou ao Pai Nadal e que convidan aos máis pequenos a cantar e a xogar. A Casa do Libro de Vigo, o 14 de decembro e o Fórum Metropolitano da Coruña, o 2 de xaneiro, acollerán os concertos de presentación da xira que o grupo vai desenvolver a partir deste lanzamento.
Pablo Díaz chama a porta con Toc Toc
Xénero: | 9 / 12 / 2013
Logo do éxito do seu Tic Tac, hai xa catro anos, Pablo Díaz continúa a súa carreira na música para os máis novos co lanzamento de Toc Toc. A editorial Galaxia presenta este libro-disco, que conta con ilustracións de Nuria Díez e que achega un feixe de temas optimistas e con ritmo. Canda ao que dá título ao volume, tamén hai cancións dedicadas ao Apalpador, á defensa do medio ou ao coidado dos animais, todo elo con ritmos alegres e grandes doses de fantasía. Díaz conta cunha banda de apoio e inclúe no traballo instrumentos como gaita, guitarras, acordeón e percusións.
Un libro-disco repasa a música da fin do franquismo
Xénero: | 5 / 12 / 2013
O esforzo por construír unha música galega nos últimos tempos do franquismo é o eixe de De voces ceibes a Milladoiro. Antón Seoane analiza os anos anteriores ao primeiro disco desta última banda, da que formou parte, nun libro-CD que acaba de saír do prelo da man de Galaxia. No disco recóllense colaboracións de Antón Seoane, Pilocha e Rodrigo Romaní, Bibiano, Miro Casabella, X. Quintas Canella, Pancho Álvarez, Anxo Pintos ou Segundo Grandío, que gravan cancións emblemáticas daquela época, algunhas delas rexistadas por vez primeira para este proxecto.
A terra queima integra a narrativa e a música
Xénero: | 4 / 12 / 2013
Edicións Xerais acaba de presentar A terra queima, un libro con CD no que se integra a música e narrativa nunha soa historia. Cancións de Lalo Martínez complementan e achegan información sobre o misterio ao que se enfronta Antón, protagonista da narración. O volume conta con textos de Xurxo Souto e ilustracións de Sesé Barreiro.
A Aula Folque Infantil amosa o seu traballo en Pedaciños de ceo
Xénero: | 3 / 12 / 2013
Un vinilo no que alumnos da Aula Folque Infantil de Pontevedra traballan en coordinación cos seus profesores a amosar o traballo desta entidade desde 2002. Pedaciños de ceo presentábase no Culturgal a amosar as posibilidade do ensino da nosa tradición aos máis novos e a abordar a creatividade coa que alummnos e profesores abordan o noso patrimonio sonoro. Deste xeito, no proxecto atópanse temas tradicionais e composicións dos profesores canda a cancións creadas de xeito colectivo cos alumnos ou ás que estes achegaron as letras.
A poesía protagonizará o vindeiro Cantos na Maré
Xénero: | 2 / 12 / 2013
Músicos de Galicia, Portugal, Brasil e Cabo Verde aínda por desvelar protagonizarán a nova edición de Cantos na Maré. O festival da lusofonía terá por eixe a poesía, a coincidir co feche do Ano Rosaliano e celebrarase no Pazo da Cultura de Pontevedra o vindeiro 11 de xaneiro. Versos de Rosalía de Castro, Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro ou Fernando Pessoa atoparanse nas voces convidadas esta edición, segundo adiantou esta fin de semana no Culturgal Uxía Senlle, directora do festival.


