Noticias
Som do Galpom lanza a súa Galinha de Troia
Xénero: | 28 / 11 / 2013
Catro anos despois do seu último lanzamento, e logo dunha campaña de Crowdfunding, Som do Galpom presentaban esta mesma semana Galinha de Troia, o seu terceiro disco. O novo traballo da banda mantén a mestura de sons característica do grupo, cunha destacada presenza de hip hop e funk. A Sala Capitol acollía onte un concerto no que o conxunto estivo acompañado de Anfibia, Quico Cadaval e outros convidados.
Taller Atlántico Contemporáneo organiza un concerto para 111 bicicletas
Xénero: | 27 / 11 / 2013
A coincidir coa celebración do Culturgal este domingo 1 de decembro o Taller Atlántico Contemporáneo organiza, nos arredores do Pazo da Cultura de Pontevedra, un concerto para 111 bicicletas. Trátase dunha acción na que os participantes interpretarán cos timbres e buguinas dos seus vehículos a pezna Eine Brise de Mauricio Kagel. Os organizadores buscan persoas interesadas en participar nesta acción, que tamén se realizara en 2010 en Compostela.
Kalandraka edita o proxecto Corasons
Xénero: | 27 / 11 / 2013
Comezou cunha convocatoria nas redes sociais, seguiu cunha exposición de fotografías de Isabel Leas e continuou con varios recitais nos que artistas galegos e de diferentes países da lusofonía compartían escenario. Agora, CoraSons, o proxecto que coordina Uxía Senlle ve a luz na forma dun libro-CD-DVD no que participan 29 músicos e creadores e que achega ademais as fotografías do proxecto e un documental que amosa o proceso de xestación do mesmo.
Fin de semana de tradición en Vigo
Xénero: | 26 / 11 / 2013
O Teatro-Cine Salesianos acolle o vindeiro 30 de novembro a partir das 19 horas a primeira edición de DeRaíz. A asociación Traspés organiza a primeira Mostra de Música e Baile Tradicional. Na mesma os seus grupos de baile, pandereteiras, pandereteiros e charanga farán un percorrido polo patrmionio musical de toda a xeografía galega e amosarán o traballo de recollida que fai o colectivo. En paralelo, o Centro Social NovaCaixaGalicia acolle a partir das 19 horas a VI Homenaxe ao Gaiteiro. Abóbriga e o Grupo Etnográfico A Buxaina, que organiza o evento, actuarán nesta cita.
A asociación Retrousos escolmará 15 anos de recollida nun disco
Xénero: | 25 / 11 / 2013
A 24 días de fechar o prazo, a asociación Retrousos de Cela (Bueu) ten xa 2.556 euros fronte aos 1.600 que solicitaba na plataforma de crowdfunding Verkami. O colectivo cumprirá así o seu obxectivo, editar Elelelos, un traballo discográfico que escolmará 15 anos de traballos de recollida de tradición oral no concello. O álbum, que sairá o vindeiro mes de febreiro e para o que aínda se poden achegar fondos, inclúe as gravacións orixinais con fichas dos informantes sobre estes temas canda a 12 temas deste patrimonio interpretados por membros da propia asociación.
Los Suaves conmemoran a súa Xira dos Mil Concertos cun álbum de luxo
Xénero: | 22 / 11 / 2013
Un documental, un DVD de actuacións en directo, un CD e un libro con relatos, fotografías e outros contidos extras compoñen o último lanzamento de Los Suaves. Gira de los mil conciertos recolle unha selección dos recitais da última tourné da veterana banda, na que recuperaron temas dos seus discos dos anos 80 e 90. O documental Viaje al Fin de la Noche recolle actuacións do recital Los Suaves - La Reunión no que participaron antigos compoñentes da banda ou do concierto que deron en ourense baixo o pseudónimo Los Ásperos. Madrid, esta mesma noite, Aranda del Duero mañá e Logroño o día 29 son as vindeiras paradas da banda.
Josep Martí: “Hai cen anos a música tradicional era a única opción. Hoxe é unha parcela entre outras moitas”
Xénero: | 21 / 11 / 2013
O Consello da Cultura Galega acolle esta tarde a xornada A música tradicional hoxe: perspectivas e retos. Entre os relatores, un convidado de excepción. Josep Matí, antropólogo catalán especializado en etnomusicoloxía e catedrático do Departamento de Arqueoloxía e Antropoloxía do CSIC abordará a cuestión A música tradicional ante o reto da globalización. Na súa intervención, o investigador achega a súa perspectiva sobre unha situación na que ve inevitable a evolución destes sons.
Inquedanzas Sonoras presente un novo Karaoke popular
Xénero: | 20 / 11 / 2013
A seguir a senda do Galeoke, Inquedanzas Sonoras acaba de publicar Karaoke popular. Un DVD que convida a interpretar temas da nosa tradición como A Rianxeira, Catro Vellos Mariñeiros, A saia da Carolina, O Sancristan De Coimbra. ou mesmo o Himno Galego. O proxecto, desenvolvido pola editora Ton e Son, conta con arranxos de Rafa Crespo, Rubén Troitiño e Suso Atanes e inclúen instrumentos como acordeón, ukelele, flautas, gaitas ou tamboril que, segundo a discográfica, facilitan a interpretación dos temas. O volume sairá á venda a partir do 1 de decembro a un prezo de 10,95 euros.
Luz Casal, Premio Nacional das Músicas Actuais
Xénero: | 19 / 11 / 2013
A cantante nada en Boimorto, Luz Casal, acaba de ser galardoada co Premio Nacional das Músicas Actuais, que concede anualmente o Ministerio de Educación e Cultura. O xurado deste galardón, dotado con 30.000 euros, valorou "unha voz que se grava na memoria" e unha carreira "que comezou co rock e abrazou xéneros como as baladas e os boleros", o que lle permitiu chegar "a públicos diversos e a diferentes xeracións".
2naFronteira musican poemas en Alma
Xénero: | 19 / 11 / 2013
Textos de Paz Andrade, Lorca, Curros Enríquez, Manuel Rivas, Pessoa, Rosalía de Castro e Celso Emilio Ferreiro atópanse en Alma o segundo disco de 2naFronteira. O dúo composto por Carmen Penim e o pianista Maurizio Polsinelli versionan con sons clásicos e ritmos tirados da tradición textos destes autores. O dúo está a presentar o álbum, editado por Inquedanzas Sonoras, en diferentes lugares do país. Para o vindeiro 21 de novembro está prevista a súa actuación na libraría viguesa Andel e o día 30 darán un recital no Liceo de Ourense.


