Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Josep Martí: “Hai cen anos a música tradicional era a única opción. Hoxe é unha parcela entre outras moitas”

O ANTROPóLOGO FALARá SOBRE MúSICA TRADICIONAL E GLOBALIZACIóN ESTA TARDE NO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Josep Martí: “Hai cen anos a música tradicional era a única opción. Hoxe é unha parcela entre outras moitas”

FOLK | novembro 21, 2013

imaxe non dispoñible

O Consello da Cultura Galega acolle esta tarde a xornada A música tradicional hoxe: perspectivas e retos. Entre os relatores, un convidado de excepción. Josep Matí, antropólogo catalán especializado en etnomusicoloxía e catedrático do Departamento de Arqueoloxía e Antropoloxía do CSIC abordará a cuestión A música tradicional ante o reto da globalización. Na súa intervención, o investigador achega a súa perspectiva sobre unha situación na que ve inevitable a evolución destes sons.

Martí incide en que a música tradicional é unha construción da sociedade. Somos nós (o público, os músicos ou as institucións) os que definimos o que se considera tradicional e o que non, e vencellamos uns valores da nosa identidade a unhas formas musicais concretas. A raíz disto elaboramos tamén un canon que establece o que é correcto e o que non se pode facer con esta tradición musical.

¿Como podemos definir hoxe o que é a música tradicional?
Falamos de música tradicional porque lle outorgamos un determinado valor a un tipo de música, que é importante para a propia sociedade. Trátase de certas formas sonoras que tentamos conservar de xeito voluntario e consciente. Entón, continuará se temos interese en que continúe.

Mudou moito a consideración e as funcións da música tradicional coa globalización?
Hai cen anos a música tradicional nin sequera tiña o adxectivo de tradicional. Era practicamente a única opción de facer, escoitar e vivir música. Hoxe é unha parcela entre outras moitas.

Hoxe funciona como un elemento de identidade
O valor que lle outorgamos á tradición preséntase moi ben na música. É un medio ideal para representar este tipo de valores sociais. Trátase da arte con maior poder de convocatoria. É das mellores mostras de cultural que se adapta á expresión de identidades da poboación. Esa función identitaria vaina ter sempre que nós a precisemos, do mesmo xeito que a poden ter outros produtos culturais. No momento en que non nos preocupen estas identidades, desaparecerá como música tradicional, pero mentres manterá esta función e os seus riscos conservadores.

A relación entre o mercado e tradición aparece con un debate inevitable na evolución da música tradicional, e ocupa boa parte das reflexións de Martí

No entanto esa identidade está tamén mediada por un mercado mundial
Se pensamos na supervivencia desta música, debemos ter en conta este mundo globalizado, a audiencia actual non é a mesma que hai cen anos na aldea, coñécense outros estilos. Iso implica que a música ten que se ir adaptando a esta nova audiencia. As persoas globalízanse e a música tamén. Non podemos entender o que é a música sen entender as persoas.

¿Corremos o risco de que o mercado se converta no único mediador para a música?
O mercado é moi importante para a música, cada vez máis. Pero a música é algo moi vivo e non se reduce a iso. Hai grupos que fan música para si mesmos. A propia música tradicional, entendo por tal a que se fai nun lugar e que vimos escoitando desde nenos, pode ter funcións á marxe do mercado. O que non se pode negar é que a música mercantilizada exerce unha influencia importante na música tradicional e en como se fai.

A cuestión da conservación pura do tradicional contra a innovación neste campo suscita moitos debates. ¿Como ve este enfrontamento?
Non falamos da música tradicional en termos museísticos, aínda que ás veces se ten a idea de que é algo inmóbil no tempo. Ten que se adaptar e evolucionar coas persoas, aínda que pareza algo contraditorio. A música sempre vai mudando, influenciándose por outras prácticas, cun intercambio constante. Hoxe a música tradicional ten moitos elementos que viñeron de fóra, son procesos moi lóxicos e non debemos escandalizarnos de que vaia cambiando.

Estas mudanzas poden darse desde o punto de vista musical como dese a performance, de cómo se presenta a música. Pero tamén se pode innovar no xeito como se consume. Os festivais de música tradicional son un invento moderno, con menos de cincuenta anos, que veu de fóra e que axuda a que esas músicas continúen existindo. É o caso do festival de Ortigueira entre moitos outros. Tamén a guerra das gaitas que se deu en Galicia (a raíz da adopción de gaitas de estilo escocés pola Real Banda de Gaitas da Deputación e Ourense) porque se asimilaban modelos que non eran propiamente galegos. Son diferentes posibilidades e a xente decide.

Exemplos próximos a nós destas innovacións son a introdución do bouzouki, un instrumento grego, na música folk galega da man do folk irlandés, ou a integración de clarinetes e metais nas bandas tradicionais a comezos do século XX

En relación a isto a aparece a cuestión da world music, vencellada á tradicional
As músicas do mundo son en principio de orixe local pero están xa pensadas para unha audiencia internacional. Isto amosa como vai mudando a tradición a nivel da propia música, da súa presentación ou da incorporación de novos instrumentos.

Malia a que aparentemente a globalización e o mercado abren opcións para estas músicas, ¿pensa que se corre o risco dunha uniformización?
Unha das consecuencias da globalización é que, aínda que a nivel de superficie pode haber máis diversidade, dáse unha maior uniformización a longo prazo e a nivel estrutural.

As conferencias da xornada, que comeza ás 17 horas de hoxe, poderán seguirse ao vivo no web do Consello da Cultura Galega.