Ir ao contido directamente.


Noticias

39 finalistas nos Premios Galegos da Música

Xénero: Miscelánea | 18 / 11 / 2013

imaxe non dispoñible

A Adega Martín Códax acolleu o venres a presentación da primeira festa de Nomeados dos Premios Galegos da Música, convocados pola Asociación de Músicos ao Vivo. Xacobe Antelo, voceiro da asociación, sinalou que só nun mes postuláronse 521 candidaturas de grupos e intérpretes galegos. Destes cincocentos vinte un, 39 resultaron finalistas. Os gañadores coñeceranse no transcurso dunha gala o 13 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

A danza das moscas arrinca con forza

Xénero: Folk | 18 / 11 / 2013

caxade_danza_das_moscas.jpg

Lanzouse o pasado 12 de novembro e o pasado día 15 era declarado como un dos tres finalistas dos Premios da Música de Galicia na categoría de folk. A danza das moscas, o disco debut de Caxade en solitario arrinca con forza. O volume, do que xa se adiantaran varios singles como Gente pota ou Sr. Xorda achega un total de once temas nos que se funde a música de raíz con sons indies, explorando as sonoridades dos metais e unha grande importancia do acordeón. O disco gravouse nos estudios A Ponte de Compostela e sae editado da man da plataforma Discos da Máquina a un prezo de dez euros.

As bandas de música piden sitio

Xénero: Miscelánea | 18 / 11 / 2013

imaxe non dispoñible

Durante boa parte do século XX foron a base da vida musical de boa parte do noso país. Logo de anos de decadencia e dun período de recuperación, a Bandas de Música están agora mesmo nun dos seus mellores momentos, conquistando novos espazos de recoñecemento público e académico. O Consello da Cultura Galega dedicáballe a semana pasada unha xornada a analizar a historia e situación destas formacións.

Dez bandas colaboran no primeiro libro-disco dos Bolechas

Xénero: Infantil | 14 / 11 / 2013

bolechas_fan_unha_banda.jpg

Da música tradicional ao rap a pasar polo pop. O primeiro libro-disco dos Bolechas, que se presentou esta semana, toca todos os estilos da man de dez grupos galegos. Pandeiromus, O Sonoro Maxín, Novedades Carminha, Ataque Escampe, Sés, Transilvanians, The Homens, Eladio y los Seres Queridos, Álex Casanova e AID achegan ao proxecto cadanseu tema inédito. Os Bolechas fan unha banda foi editado por Bolanda, e inclúe ademais un libro ilustrado por Pepe Cararreiro sobre os irmáns máis coñecidos polas crianzas do país.

Obras Públicas teatro lánzase ao "musical de clase baixa"

Xénero: Miscelánea | 14 / 11 / 2013

imaxe non dispoñible

Lumpen, pachanga & rock'n'roll é o lema co que Obras Públicas Teatro presenta Bye Bye Honey, a súa última produción. Segundo define a propia compañía trátase de "teatro musical de clase baixa, unha obra na que se narra a historia de Marta, unha rapaza de barrio que quere deixar a súa casa. O proxecto está interpretado por César Goldi, Iolanda Muíños e Carlos Mosquera Mos, que tamén se encargou da composición musical. O texto orixinal é de José Prieto e os actores están acompañados no escenario polos músicos Ramón Orencio, Chechu Mosquera e Fran Facial.

O grupo UN denuncia a situación social en Estado de shock

Xénero: Rock | 13 / 11 / 2013

un_estado_de_shock.jpg

UN é o proxecto dun músico anónimo que se sumou en 2011 a outros cinco, asimesmo descoñecidos. Agora, a iniciativa presenta Estado de shock, un CD no que recollen dez temas nos que denuncian diferentes aspectos do sistema capitalista e da crise financeira que estamos a vivir. Temas como Evasión, o seu primeiro single, Banqueiro indultado ou Flechazo na cola do paro amosan a liña do grupo, que centra as súas composicións na denuncia social e nas relacións persoais. O disco, autoeditado, xa está á venda, e os responsables do proxecto anuncian vindeiras actuacións ao vivo nas que se coñecerá a identidade dos seus compoñentes.

VerSons amosa a versatilidade de Abe Rábade

Xénero: Jazz/Blues | 12 / 11 / 2013

versons_abe_rabade.jpg

Once versións de temas do máis variado, desde a tradición galega ata composicións barrocas e temas de jazz. A Carolina, No niño novo do vento ou Four in one son algúns dos temas que Abe Rábade se atreve a reinterpretar en VerSons, o seu novo disco. Desta volta, o pianista acompáñase de Pablo Martín Caminero, ao contrabaixo e de Bruno Pedroso na batería. O disco, coeditado por Nuba e Karonte Records, presentarase o vindeiro 13 de novembro no Círculo de Belas Artes de Madrid e no Teatro Principal de Compostela o 22 de decembro.

Ouvirmos edita o primeiro disco de violín contemporáneo

Xénero: Miscelánea | 11 / 11 / 2013

SOLO_Roberto_Alonso_Trillo_portada.jpg

Oito temas, dos cales sete foron compostos expresamente para este proxecto son a carta de presentación coa que Roberto Alonso Trillo debuta discograficamente. A editora Ouvirmos presenta SOLO. Violín Contemporáneo como o primeiro disco do editado no noso país dedicada ás lecturas actuais deste instrumento. O volume recolle temas de compositores galegos como Fernando Buide, Eduardo Soutullo e Octavio Vázquez, españois, como Tomás Marco e David Gálvez e o latinoamericano Samuel Robles.

Lugo acolle desde hoxe o seu XXIII Festival de Jazz

Xénero: Jazz/Blues | 8 / 11 / 2013

imaxe non dispoñible

Desde hoxe e ata o vindeiro 16 de novembro, o Club Clavicémbalo, o Círculo das Artes e a Casa do Saber da Universidade de Santiago acollen os 19 concertos que forman o programa do XXIII Festival de Jazz de Lugo. O programa conta con figuras como Pat Martino, Laika Fatien ou Jerry Bergonzi e unha ampla presenza galega que inclúe a Zas! Trío, Nani García Trío, Rafa Fernández Quinteto ou Sumrrá entre outros.

Xerais lanza A miña primeira Rosalía

Xénero: Folk | 7 / 11 / 2013

a_minha_primeira_rosalia_capa.jpg

O pasado 1 de novembro presentábase no Teatro Principal de Compostela A miña primeira Rosalía. O disco editado por Xerais, segue a senda de O meu primeiro Celso Emilio e, como aquel está coordinado por Xosé e Xiana Lastra. Interpretacións de Mini, Mero, Xiana Lastra e María Manuela danlle son aos versos da poeta de padrón en doce temas como No ceo, azul crarísimo, O forno está sin pan, Negra sombra e A xusticia pola man.

<< Inicio / Anterior . 1961 a 1970 de 3582 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR