Noticias
A asociación Vibra recunca nos concertos con pagamento libre
Xénero: | 7 / 11 / 2013
Logo o éxito do proxecto Caravana de Emerxencias, un concerto autoxestionado e de pago libre que se celebrou o pasado mes de abril en Compostela, a asociación Vibra repite a fórmula. Desta volta será o antigo local da sala NASA, tambén en Compostela, o que acollerá o vindeiro 14 de novembro Noites de Luz. Os madrileños Swingdigentes e Alpargata compartirán escenario con Chotokoeu! nun evento no que os asistentes deciden ao saír canto queren pagar polo concerto. A iniciativa estará presentada polo clown Isla Letriska. Os responsabels do proxecto anuncian a súa intención de continuar con esta fórmula en futuras iniciativas.
Cé Orquestra Pantasma debuta con Do meu
Xénero: | 4 / 11 / 2013
Logo de anos a percorrer festivais, feiras e eventos por todo o país, Cé Orquestra Pantasma, o proxecto unipersoal de César Freiría, presenta o seu primeiro álbum. Do meu achega once temas de composición propia que manteñen o ton festeiro dos directos deste artista. No entanto, o home orquestra incorporou nas sesións do estudio A Lagharteira de Arcade colaboradores como o "coro trangalleiro das Bocas Neghras", o "Coro Miudo de Ghamusinos" ou Arantxa do Mundo, que achega a voz solista a varios dos temas. Logo da presentación o pasado 12 de outubro en Vigo, a vindeira cita co artista será o dia 31 no magosto de Meira.
Maryland pasa Los años muertos
Xénero: | 28 / 10 / 2013
Da man de Ernie Records, os vigueses Maryland presentan o seu terceiro traballo. Los años muertos achega trece temas nos que a banda combina a potencia das guitarras con letras emotivas que afondan na súa liña de indie-pop. Gravado nos estudios Ultramarinos de Sant Feliú de Guíxols, o novo traballo supón a incorporación de Alex Penido á batería e o cambio do grupo ao castelán como idioma das letras. O disco está xa dispoñible na rede e sairá á venda en CD o vindeiro 5 de novembro. O traballo presentarase ao vivo o vindeiro 15 de novembro nos Directos de Radio3 e mais na madrileña Sala el Sol. O día 23 o grupo visitará a Madrigras da Coruña e o día 30 serán recibidos na Fábrica de Chocolate de Vigo.
Galicia soa a rock (e a pop)
Xénero: | 23 / 10 / 2013
A convocatoria dos I Premios Galegos da Música Martín Códax está a ser un éxito. Rematado o prazo e inscrición de proxectos, 521 conxuntos e solistas do país se inscribiron nalgunha das trece categorías desta convocatoria. A cantidade, malia a non ser a totalidade dos grupos en activo no país, transforma o web desta iniciativa nun espazo único para coñecer o noso panorama sonoro, unha paisaxe na que o folk non é, nin moito menos, o estilo rei.
GalicianTunes presenta a participación galega no Womex
Xénero: | 22 / 10 / 2013
GalicianTunes presentaba esta maña a representación galega no festival internacional Womex, que se celebra en Cardif entre o 23 e o 27 deste mes. aCentralFolque, Casa das Crechas, a asociación Clubtura, e os selos Nalgures, Fol Música/Boa e Mar Maior/Mirmidón participarán neste evento da man da marca para a proxección exterior da nosa música. A coincidir coa presenza neste festival, GalicianTunes presentaba a compilación Road to Womex 2013, unha selección de 25 temas de artistas galegos que se poden escoitar no seu web. No marco do festival, Xosé Manuel Budiño realizará un showcase o vindeiro neres 25.
Jazzatlántica leva once recitais á Coruña
Xénero: | 18 / 10 / 2013
O Teatro Rosalía de Castro e mais o Palacio da Ópera concentrarán as actuacións da nova edición e Jazzatlántica. O festival volta á Coruña entre o 21 de outubro e o 27 de novembro a ampliar a súa programacion en tres recitais respecto ao ano pasado. En total serán once concertos con figuras internacionais como Medeski, Martin & Wood, Gregory Porter, Chucho Valdés, Joe Lovano e Saxophone Summit ou Michel Camilo. A representación galega irá á cargo de Marcos Pin, Verónica Fereiro e mais a G.S.M. Big Band e Jorge Prado. De xeito paralelo programaranse Jam Sessions e dúas clases maxistrais.
O Festival de Blues de Ourense cumpre dez anos
Xénero: | 17 / 10 / 2013
Tres concertos no Teatro Principal de Ourense entre os días 18 e 20 deste mes de outubro compoñen o programa do X Festival e Blues da Cidade das Burgas. O bluesman do Mississippi Boo Boo Davis encabeza co seu recital do día 19 un cartel do que tamén fan parte Virgil & The Accelerators o día 20 e MCarballo Band, que presentará o seu novo disco no concerto do 18.
Luís Emilio Batallán volta con Había que chegar
Xénero: | 16 / 10 / 2013
Un clásico da nosa música, Luís Emilio Batallán, retorna á actualidade discográfica co lanzamento de Había que chegar. Gravado en Cuba, Estados Unidos e Reino Unido, e con produción de Pablo Milanés, o cantautor afástase do seu estilo máis habitual a incorporar ritmos de jazz e latinos. O volume, que sairá á venda o vindeiro mes de novembro, contén temas propios como Viva Lalín aínda que traballa tamén textos de poetas galegos como Cunqueiro ou María Mariño. Tres concertos en Vigo (16 de outubro), Compostela (17) e Pontevedra (18) serven de presentación deste novo proxecto.
O proxecto poético-musical A caricia da serpe despídese na Coruña
Xénero: | 15 / 10 / 2013
Logo de quince anos de traballo conxunto, o proxecto poético-musical A caricia da serpe despídese. Lino Braxe, Miguel Ladrón de Guevara, Xosé Luís Saqués e Rómulo Sanjurjo subirán mañá ás 20:30 horas ao escenario do teatro Rosalía de Castro para finalizar unha traxectoria con máis de 250 actuacións e tres discos ás costas. Aínda que dispostos a continuar colaboracións en novos proxectos, o grupo cesa a súa andaina a atender, entre outras cuestións, á saúde de Lino Braxe, que por unha doenza de pulmóns e gorxa non pode seguir a actuar.
O CGAC acollerá as II xornadas arredor da Música Tradicional
Xénero: | 15 / 10 / 2013
Logo do éxito da pasada edición, a Asociación de Gaiteiros Galegos recunca no Centro Galego de Arte Contemporánea coas II xornadas arredor da Música Tradicional. O encontro, que se celebrará os días 16 e 17 de novembro centrará boa parte da súa atención na música de gaita. Así, a presenza deste instrumento na música barroca ou de cámara, as súas versións en León ou Portugal ou a evolución das formacións de gaiteiros en Galicia protagonizarán diferentes relatorios.


