Galicia soa a rock (e a pop)
outubro 23, 2013
A convocatoria dos I Premios Galegos da Música Martín Códax está a ser un éxito. Rematado o prazo e inscrición de proxectos, 521 conxuntos e solistas do país se inscribiron nalgunha das trece categorías desta convocatoria. A cantidade, malia a non ser a totalidade dos grupos en activo no país, transforma o web desta iniciativa nun espazo único para coñecer o noso panorama sonoro, unha paisaxe na que o folk non é, nin moito menos, o estilo rei.
"Nos nosos cálculos considerábamos que a convocatoria sería un éxito se chegábamos a uns 300 grupos. Pero axiña vimos que a participación ía esta moi por enriba. Isto amosa como había un baleiro enorme que vimos encher con esta convocatoria, e estamos moi contentos”, explica Xacobe Martínez Antelo, da Asociación de Músicos ao Vivo, responsable dos galardóns. Malia a que nos formularios de inscrición constan unicamente o nome do grupo, un espazo para explicar a súa carreira e a categoría na que se participa, os datos fornecidos polos grupos amosan claramente por onde van os intereses dos nosos músicos. “Isto resultou un produto paralelo co que non contábamos. Temos unha base de datos cun importante fondo de material moi preparado, áxil, actualizado e moi rico”.
Rock e pop
Así, malia a que durante anos circulou a lenda de que a música tradicional e o folk dominaban a escena no país, a teor dos datos dos inscritos neste certame, semella claro que é o rock nas súas variantes o que conta con máis intérpretes. Baixo o epígrafe Rock, Blues, Funk e Soul, inscribíronse no certame nada menos que 97 grupos, e iso sen contar os 29 que se apuntaron na categoría de Metal. O pop e o indie aglutinados nesta convocatoria, non fican moi lonxe, e amosan cos seus 81 seguidores a potencia destes estilos no panorama actual.
O peso da raíz
Malia a que a música de raíz non está nos primeiros postos, debemos ter en conta que, de xuntarmos as categorías Folque (44 participantes) e mais Música Tradicional Galega (28), temos unha cifra de 72 inscritos que situaría as variantes da nosa música tradicional nun terceiro posto entre máis practicadas. En relación a estas, destaca tamén a potencia da etiqueta Músicas do Mundo, en ocasións vencellada tamén á raíz, que conta con 62 inscritos. No epígrafe atopamos proxectos variados e, en moitos casos, próximos ao folk, como poden ser AcadaCanto, Faltriqueira, Uxía ou Pesdelán, así como moitos cantautores.
Sorpresas
Entre as sorpresas que a propia organización sinala, está a alta participación na categoría de Música Infantil, que conta con 17 grupos nesta edición. “Foi unha sorpresa, apareceron miotos proxectos cos que no contábamos”, lembra Martínez Antelo. Tamén é de destacar a presenza da música electrónica, que con 36 inscritos fica só a dous do Jazz, malia ao recoñecemento internacional que os nosos músicos deste último xénero teñen en contrate cos practicantes do primeiro. As cifras da música clásica e contemporánea, con 29 inscritos e o Hip-hop e Músicas Urbanas, con 26, amosan a vitalidade dunhas escenas a priori minoritarias. “Na música electrónica ou no hip-hop revélase unha escena moi diversa, que pode ser unha grata sorpresa para quen non coñeza estas escenas”.
Correccións
Malia ao indubidable valor que posúen estes datos, hai que ter en conta que en ningún caso se trata dunha estatística real e fiable. Para comezar, os grupos dos que se teñen datos suponse que son aqueles en activo que coñeceron a convocatoria e teñen interese abondo en participar na mesma. Vendo que un dos requisitos para participar e se afiliar á Asociación de Músicos ao Vivo este factor pode ter botado atrás a algunha xente, por moi baixa que sexa a cota. Nese sentido cabe pensar que a porcentaxe real da música tradicional sobre o total de intérpretes do país pode ser moi superior. “Somos conscientes de que hai categorías, como a de grupos de verbena e orquestras ou música tradicional, na que non se inscribiron nin a cuarta parte dos que existen, hai moitísimos máis. Logo sabemos de proxectos que xa contan con que vai haber novas edicións dos premios e preferiron agardar a ter disco novo”. Do mesmo xeito, pode haber grupos que consideran que non teñen posibildidades, aos que se lles pasou o prazo de presentación ou que, por calquera outra causa, non se inscribiron. Sobre a porcentaxe de inscritos sobre o universo real de grupos musicais galegos, Martínez Antelo apunta que “é moi difícil de saber. A nivel persoal atreveríame a dicir que poden ser ata catro veces máis”, o que situaría nuns 2.000 as formacións activas no país na actualidade.
Gañadores
Quedan agora as votacións dos membros da Asociación de Músicos ao Vivo, dos que sairán tres finalistas por categoría entre os que se seleccionarán os vencedores. O vindeiro 13 de decembro saberemos quen foron. Na mesma gala, ademais, entregarase o Ademais concederase o Premio Honorífico Músicos Ao Vivo a toda unha carreira artística , que vai para Antonio Cruz Arévalo Peri, batería do grupo Los Tamara entre moitas outras propostas musicais.
Alén dos premios
Para alén do resultado dos premios, a Asociación de Músicos ao Vivo está a valorar como manter a plataforma en liña dos premios. “Está a ter unha visibilidade tremenda para os músicos, que a miúdo non coñecían outros proxectos no seu propio estilo, e tamén para programadores de salas, festivais e concertos, que nos sinalan que se trata dunha ferramenta moi interesante”, lembra Martínez Antelo. “A nosa intención é darlle continuidade, cando menos ata que comece a vindeira edición, sería unha mágoa perder todo ese material”.