Ti estás aquí > Inicio / / Continúa o devalo da música ao vivo
Continúa o devalo da música ao vivo
decembro 11, 2013
Sen afundimentos bruscos, a música ao vivo continuou en 2012 a tendencia de devalo que leva nos últimos anos. O Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura fixo público hoxe o informe no que debulla para o noso país os datos da Sociedade Xeral de Autores e Editores e do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música sobre este sector. Aínda que se produciu unha importante mingua no número de asistentes a espectáculos destes tipo, os datos non reflicten aínda a pegada do incremento do IVE sobre o sector.
Os datos ata 2012 da SGAE e do INAEM amosan un descenso continuado no número de espectáculos e do público que asiste aos mesmos. No entanto, debemos ter en conta que o incremento do IVE ás entradas destes eventos deuse no último trimestre do ano, polo que non se pode avaliar de xeito definitivo a influencia desta modificación sobre o público.
Xéneros populares
A nivel de xéneros, o informe achega datos como que nos concertos de música popular o pop-rock domina tanto en Galicia como no conxunto do Estado, cun 90,8% dos recitais que se deron no noso país e un 76,9 dos estatais. O resto dos estilos fican moi repartidos, xa que o seguinte a nivel de presenza resulta, de xeito sorprendente, o jazz, blues e soul, cun 3,5% fronte a un 2,8% dos concertos a nivel estatal, o que amosa o relativo arraigo que estes xéneros teñen no noso país. O folk, pola súa banda, e seguindo os datos da SGAE queda cunha representación do 0,3% nos escenarios do noso país.
Macroconcertos e festivais
O informe achega tamén as cifras de macroconcertos e festivais que se desenvolven no noso país, entendendo como tales os que contan con máis de 2.500 persoas. Así, a SGAE destaca como eventos de referencia no noso país o Festival Celta de Ortigueira, con 43.000 asistentes. A este ségueo o Fresh Weekend de Cerceda, con 11.371, o Derrame Rock de Ourense, o Sónar da Coruña, o Cultura Quente de Caldas, o Festival do Norte
e mesmo o Felipop. En total estes eventos recadaron no noso país 754.224 euros, aínda que debemos ter en contar que o de Ortigueira é de balde.
Clásica
En xeral no noso país baixou o número de espectadores que asisten a concertos de música clásica. Sorprende que subise o número de asistenes a espectáculos de música sinfónica e de cámara, fronte ao descenso importante en coral e bandas, que pode estar influído por un menor número de concertos nestes xéneros. Estas cifras de asistencia correspóndese co número de espectáculos de cada un destes tipos que se desenvolveron non noso país no período estudado.