Noticias
Superoito chega con Todo me dá voltas
Xénero: | 19 / 3 / 2014
Logo dun ano desde o seu nacemento, o trío de Ordes Superoito presentan o seu primeiro traballo. todo me dá voltas achega trece temas de rock rápido con toques punk e ecos de grupos na liña de Herdeiros da Crus. O volume, autoeditado e dispoñible íntegro en Bandcamp, presentouse oficialmente o pasado 16 de marzo en Ordes. Agora o grupo continúa unha xira que os levará á compostelá Sala Moon o vindeiro día 21, à Taberna de Cerceda o 22 e ao coruñés Joana's Place o 28, como primeiras paraxes.
Ruxe Ruxe explora un mundo apocalíptico en Némesis
Xénero: | 18 / 3 / 2014
Un traballo conceptual que repasa a historia dalguén que esperta no medio dunha terceira guerra mundial que se manifesta na forma de crise económica. Tres actos nos que se repasan o crime, a corrupción, a rebelión e a falta de saídas. Ruxe Ruxe centra o seu novo traballo, Némesis, na problemática social a través da ficción. A sala Capitol de Compostela acolle o vindeiro 12 de abril a presentación do traballo, nun concerto no que os Ruxe estarán acompañados de Biribirlocke e que presentará Josito Porto.
Ulrica canta desde a Periferia
Xénero: | 17 / 3 / 2014
Catro temas, dous dos cales foron gravado ao vivo no estudio nunha única toma. Esta é a aposta que presenta Ulrica en Periferia traballo longo que acaban de publicar. O grupo coruñés afonda no seu rock experimental con temas longos cargados de referencias á actualidade, a integrar voces como a do filósofo Gilles Deleuze ou declaracións de Obama e Mariano Rajoy nos temas. O volume, gravado nos estudios Abrigueiro a cargo de Arturo Vaquero, marca o paso ao castelán do grupo logo do seu debut no EP Ulrica. Rock con tintes experimentais e toques de denuncia preséntase cun son traballado e unha voz máis rasgada no que no EP de debut da banda.
O acordeón protagoniza Crossing de Andrés Penabad
Xénero: | 13 / 3 / 2014
Da man de Mandeo Records chega o debut en solitario de Andrés Penabad. Logo de participar en bandas como Muxarega ou de colaborar con bandas como Avelaíña e artistas como Kepa Junkera ou Xabier Díaz, o acordeonista presenta Crossing. O álbum, gravado nos estudios Cuarto Baleiro da Coruña, conta con colaboracións como as de Kepa Junkera, Bieito Romero, Fernando Barroso, Edelmiro Fernández, Davide Salvado ou Pedro Fariñas. A presentación aos medios farase o vindeiro 15 de marzo no Cine Alovi das Pontes.
A segunda edición de No Bico un cantar homenaxeará a Curros Enríquez
Xénero: | 12 / 3 / 2014
“O que se aprende cantando non se esquece máis” apuntaba Maximino Zumalave, coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura e director do concerto que Leva por título No bico un cantar. É a segunda edición deste proxecto promovido polo Consello da Cultura Galega coa colaboración da Consellaría de Cultura e Vegalsa Eroski que consiste nun recital de 500 nenos de conservatorios e escolas de música para cantar poemas de Curros Enríquez con música de autores contemporáneos. “O éxito da iniciativa foi testado en 2013 e este ano terá outro formato” explicaba Ramón Villares, presidente do CCG, para referirse a este proxecto que xunta poesía, música e mocidade. A cita terá lugar o 6 de xuño en Celanova.
Mauna Loa, a consolidación de Guerrera
Xénero: | 12 / 3 / 2014
Formado por antigos compoñentes de Ictus, Holywater, Cuzo, Cró! ou Disappointment, Guerrera saíu á luz cun primeiro álbum autoditado en 2013. Agora a discográfica compostelá Matapadre incorpora o grupo ao seu catálogo con Mauna Loa, o seu segundo traballo. Gravado nos estudios coruñeses Montealto, o volume, editado en vinilo, achega un único tema de máis de 45 minutos dividido nas caras Montaña y Fuego e mais Magma y trueno, no que se mesturan "stoner, psicodelia, blues e rock clásico", segundo resume a discográfica. A Iguana en Vigo acollerá a presentación do álbum o vindeiro 4 de abril, e a xira continuará pola Casa Tomada da Coruña o día 5 para seguir por Madrid e Euskadi.
Chega o Womex a Compostela
Xénero: | 10 / 3 / 2014
A Consellaría de Cultura presentaba esta mañá na Cidade da Cultura o Womex´14. A feira de world music máis importante do mundo desenvolverase en Compostela entre os días 22 e 24 de outubro. Concertos, proxeccións, conferencias e encontros de todo tipo termán lugar no Gaiás e en diferentes espazos da cidade con relatores de 25 países. Segundo anunciou o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, o retorno económico estimado do evento será de 2,5 millóns de euros. Os interesados en participar no evento teñen ata 18 de abril para inscribir showcases, conferencias e filmes.
Pablo Seoane Trío chega desde a Inópia
Xénero: | 10 / 3 / 2014
O Teatro Principal de Santiago acollía, no remate do mes de febreiro a posta de longo do terceiro disco de Pablo Seoane Trío. A veterá formación de jazz presenta en Inópia unha selección de temas nas que afonda na experimentación e xoga coas mesturas. Pablo Seoane ao Piano, L.A.R. Legido na batería e José Manuel Díaz ao contrabaixo amosan o seu bo facer nunha aposta que ten altas doses de improvisación.
Trilitrate lanza Faláchesme na man
Xénero: | 7 / 3 / 2014
Logo do éxito da súa campaña de crowdfunding, os vigueses Trilitrate presentan este sábado 8 no Liceo Mutante de Pontevedra Faláchesme na man. A formación de guitarra clásica, violín e acordeón mestura música acústica con grandes doses de improvisación con videocreación en tempo real. Un proxecto ecléctivo que oscila desde o tango ou a música contemporáne ata o noise ou o hardcore en quince temas gravados no estudios Pastora, de Vigo. A xira de presentación continúa este mes con recitais en Cangas o día 23 e Vigo o 31.
Novedades Carminha gozan dunha Juventud infinita co seu novo traballo
Xénero: | 4 / 3 / 2014
Tres anos despois do seu exitoso disco Jódete y baila a irreverente banda punk compostelá Novedades Carminha presenta o seu novo álbum de estudio da man de Ernie Records. Juventud infinita ofrece dez temas mais un “extra”, a maioría cantados en castelán a excepción dun tema en galego Non quito o chandal e outro en francés Et moi, et moi, et moi , orixinal do cantautor Jacques Dutronc. Segundo a súa discográfica con este disco Novedades Carminha evolucionan “cara terreos musciais onde a contundencia do garaxe de factura lo-fi dáse a man co pop máis pegadizo, con tintes de psicodelia e punk a partes iguais”. O disco foi gravado e producido por Ángel Kaplan en Xixón e a m,aterización correou a cargo do estudio londiniense de Noel Summerville. Durante este ano a banda percorrerá os escenarios para presentar este traballo tan agardado dada a sona que acadaron desde o anterior álbum e o recoñecemento por parte da prensa especializada e da crítica grazas aos seus contundentes directos. Cos temas deste disco avanzan a súa intención de chegar tamén ás “pistas de baile”.


