Noticias
Un libro-CD recupera a historia de Los Contentos
Xénero: | 1 / 4 / 2014
Foron, en plenos anos oitenta, adiantados do son garage en Galicia. A banda luguesa Los Contentos volta á actualidade grazas ao libro Cuando ríes: Los contentos(unos malditos pioneros del Garage). Piti Sanz, un dos membros desta formación, rescata en colaboración con Luís Tosar e Fernando Fernández Rego a historia do grupo, a sinalar a influencia que este tivo en bandas posteriores. O libro acompáñase do disco Unknown Pirate: Live, unha gravación recuperada de cintas de cassete na que se amosa, sen cortes, o traballo do grupo ao vivo. O proxecto ve a luz da man de Xonix Records.
María Toro fusiona jazz e flamento en A contraluz
Xénero: | 28 / 3 / 2014
A frautista coruñesa María Toro, afincada en Nova York, acaba de presentar o seu primeiro traballo. A contraluz, gravado e mesturado entre Nova York, Madrid, Río de Janeiro e Zurich, o volume integra jazz e flamenco e conta con colaboracións como as do pianista Jean Michel Pilc, Justin Brown na batería e Ben Street no baixol Canda a eles, desde o flamenco participan Yelsi Heredia, Israel Varela y Andreas Arnold. Embarcada na xira internacional de presentación, a artista prevé visitar o noso país o vindeiro verán co seu novo traballo.
Unha fundación preservará o legado de Foxo á fronte da Real Banda de Gaitas de Ourense
Xénero: | 27 / 3 / 2014
“En realidade non implica cambio algún e non é máis que unha idea vella de crear unha entidade para conseguir sumar apoios públicos e privados” explica Xosé Luís Foxo a propósito da creación da Fundación Xosé Lois Foxo-Real Banda de Gaitas. Este novo organismo nace co obxectivo de “preservar no tempo todo o traballo de documentación, investigación e análise feito por min na Real Banda de Gaitas, que tamén foi unha idea miña” apunta. Está declarada de interese cultural (DOG do 27 de febreiro) e de interese galego (DOG do 26 de marzo) e conta coa familia de Foxo no seu Padroado. A Fundación ten o seu domicilio físico no Campus Sur, no mesmo edicifio da Escola de Gaitas. No entanto, o propio Foxo insiste en que a formación, que conta con 60 músicos, “continúa a ser financiada integramente pola Deputación que mantén o personal e financia as actividades”. A Real Banda de Gaitas adoita facer unha saída internacional e nestes momento está na procura de apoio financeiro para facer unha viaxe a Rusia.
A Quenlla volta con 26 novas cancións
Xénero: | 27 / 3 / 2014
Catro ano despois do seu último traballo, A Quenlla lanza un novo disco. Dous CDs que achegan 26 cancións inéditas e compostas especificamente para a ocasión compoñen 30 anos con A Quenlla De Amor, dor e loita. Con letras a cargo de autores como Cunqueiro, Curros Enríquez, Darío Xohán Cabana, Xesús Rábade, Manuel Maria ou Díaz Castro, o grupo de Mini e Mero mantén o seu característico estilo neste novo álbum, editado por 2001 Produccións. A Casa do Saber en Lugo, acollerá o vindeiro 28 de marzo o concerto de presentación do evento.
O Obradoiro Seivane gaña o Premio Nacional de Artesanía
Xénero: | 26 / 3 / 2014
O traballo do Obradoiro Seivane na fabricación de instrumentos tradicionais, nomeadamente gaitas, foi recoñecido polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, co Premio Nacional de Artesanía. O obradoiro, fundado por Xosé Manuel Seivane Rivas continúa a fabricación a man de instrumentos cos seus fillos e netos, sendo os seus produtos recoñecidos internacionalmente. A Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari) resultou finalista na categoría Promociona para entidades privadas.
O Festival Músicas Contemplativas xunta o barroco co contemporáneo en espazos singulares
Xénero: | 26 / 3 / 2014
Comezou sendo un pretexto para dar a coñecer ao público o patrimonio rehabilitado polo Consorcio de Santiago, e acabou por converterse nunha das actividades estrela da Semana Santa de Compostela. Falamos do Festival Músicas Contemplativas que este ano suma no seu programa á Real Filharmonía de Galicia. Onte presentouse a relación de asistentes deste encontro que ofrecerá 16 concertos en espazos singulares da cidade compostelá. Nesta ocasión, inclúense propostas como un recital de shakuhachi, unha frauta de bambú xaponesa, con obras da tradición dos monxes budistas Zen; unha mostra da poesía sagrada na música de Kabul e un concerto de piano con obras de autores xaponeses contemporáneos. Ademais, o barroco volve estar presente na programación a través de varias apostas, entre as que destaca a primeira colaboración entre a Escolanía da Catedral "Ángeles de Compostela" e o conxunto de música antiga Resonet.
Crô! achegan Pera
Xénero: | 25 / 3 / 2014
A piques de saír do forno e xa en prevenda está o terceiro disco de Crô!. Pera, editado baixo o selo Metamovida achega oito temas gravados ao vivo nos madrileños Estudios Brasil. Segundo recoñecen os membros do grupo, o rock progresivo de anteriores traballos vese neste novo lanzamento influído por sons máis pop, con menos cambios de ritmo nos temas. A Sala Iguana de Vigo acollerá o comezo da xira de presentación o vindeiro 28 de marzo. A tourné continuará pola Casa Tomada da Coruña o día 29, Madrid o 11 de abril e o Liceo Mutante de Pontevedra o día 12.
Roi Casal achégase ao pop no seu novo álbum
Xénero: | 24 / 3 / 2014
Cun xiro pop Roi Casal presenta Donos do noso destino, o seu terceiro álbum. O harpista achega sete novos temas de composición propia entre os que musica textos de Rosalía de Castro, Xosé María Días Castro ou William Ernest Henley. Instrumentos tradicionais como a harpa e zanfona comparten sons con guitarras eléctricas, baixos e baterías, nunha mestura na que o artista recoñece unha maior influencia pop. Logo de o presentar en Zurich a pasada fin de semana, Casal iniciará a xira de presentación do álbum cun concerto no Teatro Principal de Santiago o vindeiro 2 de abril.
A Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra grava Hansel e Gretel
Xénero: | 21 / 3 / 2014
Unha interpretación da primeira versión do conto dos irmáns Grimm. Tina Maroto, no texto e Iratxe López de Munáin a cargo das ilustracións gañaron o certame Cociña de Contos coa súa versión de Hansel e Gretel. Agora, OQO editora presenta o volume premiado, nunha edición que inclúe un CD no que a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra interpreta seis fragmentos da ópera orixinal que Engelbert Humperdinck compuxera a partir do texto dos Grimm. O volume, que se gravou o pasado mes de novembro do Pazo da Cultura, presentouse o pasado 14 de marzo cun concerto ao vivo no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.
Los Televisores presentan o seu primeiro disco
Xénero: | 20 / 3 / 2014
Logo dun single e de participar no recompilatorio Galician Bizarre, Los Televisores chegan co seu primeiro LP. Chicos i chicas presenta oito temas de punk.pop nos que se deixa sentir a pegada de propostas como Alaska ou Kaka de Luxe con letras cheas de humor. O trío de Chantada presentou o álbum o pasado 15 de marzo en La Iguana de Vigo.


