Ir ao contido directamente.


Noticias

Un simposio repasa o estado da investigación musical en Galicia

Xénero: Miscelánea | 6 / 5 / 2014

imaxe non dispoñible

O traballo de pescuda sobre música, en especial a que se realiza desde os conservatorios, é o eixe do I Simposio sobre investigación musical en Galicia. O Conservatorio Profesional de Música de Vigo acolle entre os días 8 e 10 deste mes o evento, no que se abordarán traballos sobre diferentes épocas e temas. Desde o traballo de Ricardo Courtier nas bandas de música ás indagacións en arquivos musicais como o do Mosterio de Valdeflores de Viveiro ou as preferencias sonoras do alumnado dos conservatorios, no evento abordaranse tamén cuestións de pedagoxía e interpretación.

Acid Proyect volta con Where's Your God Now

Xénero: Rock | 6 / 5 / 2014

wheres_your_god_now_acid_proyect.jpg

Dez temas que, a partir do metal, percorren estilos como o rock, o grunge ou mesmo a psicodelia. O grupo ourensán Acid Proyect presentaba o pasado 3 de maio Where's Your God Now, o seu segundo disco. Un volume autoeditado no que as guitarras potentes e as voces desgarradas son protagonistas e co que o grupo pretende facer unha crítica aos tempos actuais.

A Coruña fica sen Festival Mozart

Xénero: Clásica/Lírica | 5 / 5 / 2014

imaxe non dispoñible

O Festival Mozart, unha das citas fundamentais do panorama lírico galego, con proxección internacional, non se celebrará este ano. O evento operístico coruñés, nado en 1998 desaparece por problemas orzamentarios, segundo sinalou o pasado venres Andrés Lacasa, xerente do Consorcio para a Promoción da Música da Cidade Herculina. A perda do apoio económico de Caixa Galicia provocou a que a edición de 2013 xa non contase con representacións e a non aparición de alternativas financeiras levou a que organización optase por suspender o evento.

O Concerto das Letras Galegas será en Lugo este ano

Xénero: Clásica/Lírica | 2 / 5 / 2014

imaxe non dispoñible

O Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración coa Sociedade Filharmónica de Lugo, organiza un ano máis o Concerto das Letras Galegas. Desta volta será o Círculo de Belas Artes da Cidade da Muralla o que acolla o recital o vindeiro venres 16 de maio. Maximino Zumalave dirixirá a orquestra Real Filharmonía de Galicia, o grupo vocal Solo Voces e o Collegium Compostellanum, que interpretarán un repertorio de compositores e escritores lucenses. No acto estrearase a peza que lle pon música ao `poema Penélope, de Díaz Castro, que o CCG lle encargou ao compositor Octavio Vázquez.

A Semana da Ópera encherá de lírica Compostela

Xénero: Clásica/Lírica | 2 / 5 / 2014

imaxe non dispoñible

A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago en colaboración coa Consellaría de Cultura presentaban o pasado día 30 a nova edición da Semana da Ópera. Compostela acollerá entre os días 5 e 10 de maio dous recitais con figuras como as sopranos María Ruíz e Mercedes Hernández ou o tenor Felix Rienth, entre outros. Dúas conferencias e mais unha proxección de La Bohéme de Puccini en Cinesa As Cancelas completan o programa desta edición.

O Caimán do Río Tea volta cun recompilatorio

Xénero: Rock | 2 / 5 / 2014

estou_na_lavadora2_caiman_rio_tea.jpg

Catorce hits remasterizados nos estudos de Javier Abreu compoñen Estou na lavadora o disco co que o grupo O Caimán do Río Tea volta para celebrar os vinte anos do seu nacemento. Éxitos como que dá nome ao disco ou Ven a bailar, coñecidos a través do Xabarín Club fan parte deste traballo e recolle temas dos discos que gravaron entre 1995 e 1998. Un concerto-festa en Ponteareas, vila natal do grupo, serviu o pasado día 26 para celebrar o lanzamento.

Música no Claustro prepara os seus dez anos cunha xira internacional

Xénero: Miscelánea | 30 / 4 / 2014

imaxe non dispoñible

O proxecto musical sobre Rosalía de Castro A Rosa d'Adina, de aCadaCanto, comeza unha xira internacional. A tourné celébrase con ocasión dos dez anos do festival Música no Claustro, de Tui, no seo do cal se xestou esta homenaxe musical á poeta de Padrón. O grupo de Guadi Galego, Xabier Díaz, Xosé Lois Romero e Guillerme Fernández visita estes días o Harare International Festival of the Arts - HIFA en Zimbawe, e para o vindeiro mes de xullo ten previsto actuar no Estival Cuenca. Esta é o primeiro evento co que Música no Claustro quere celebrar o seu aniversario. A vindeira edición desenvolverase entre o 6 e o 10 de agosto na Catedral de Tui, como é habitual.

Brañas Folk baila nas Burgas

Xénero: Folk | 30 / 4 / 2014

danza_das_burgas_branhas_folk.jpg

O vindeiro sábado 3 de maio os Xardíns Padre Feijoo de Ourense acollerán o concerto de presentación de Danza das Burgas. O grupo Brañas Folk dá a coñecer na vila natal o seu novo disco logo de cinco anos. Doce temas de corte tradicional, instrumentais e cantados, nos que se apreza a riqueza sonora dun conxunto formado por oito membros e que conta con múltiples colaboracións de renome. Gaitas, whistle, zanfonas, arpas, violíns, acordeóns, piano, guitarra, baixo ou batería son algúns dos instrumentos cos que se interpretan temas como Xota de Ourense, Millo verde ou Pasodobre de Ventosela.

Esquíos retornan con Estamos aquí

Xénero: Rock | 29 / 4 / 2014

estamos_aqui_esquios.jpg

Logo do falecemento o pasado ano de Moro, o seu vocalista, Esquíos voltan neste 2014 cun novo proxecto e cambios na formación. Estamos aquí é un traballo gravado ao vivo nos estudios da Radio Galega con nove temas propios e unha versión en galego de Dead Kennedys que estará dispoñible en maio. Polo momento, o grupo deu a coñecer xa dous temas de rock con toques de ska e anunciarán en breve as datas da xira de presentación.

2naFronteira musican a Díaz Castro no seu novo traballo

Xénero: Cantautor | 28 / 4 / 2014

zapatinhos_diaz_castro_2nafronteira.jpg

O dúo 2naFronteira, formado por Carmen Penim e Maurizio Polsinelli, presenta Zapatiños para Díaz Castro, un CD no que musica catorce poemas de Nimbos, o poemario de Xosé María Díaz Castro. Os textos do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano cobran vida cunha ampla presenza de harmonios, pianos e a voz de Carmen Penim. No vídeo que encabeza esta información os artistas explican o proceso de xestación deste disco.O grupo iniciou o proxecto a musicar Penélope, o poema máis coñecido do autor, e foi o interese que os músicos foron atopando na lectura dos poemas de Díaz Castro o que os levou a completar o conxunto de textos do autor.

<< Inicio / Anterior . 1851 a 1860 de 3582 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR