Noticias
A Foliada de Melide e as Músicas no Tapal enchen de ritmo a fin de semana
Xénero: | 25 / 4 / 2014
Avanza a primavera e con ela o calendario de festivais. Esta fin de semana varias citas enchen de música o país. Por unha banda, Melide celebra desde hoxe e ata domingo a súa Foliada, que conta este ano con nomes como Caxade, Radio Cos, Anxo Lorenzo ou a Magnifique Bande. En Noia e no marco das Festas de San Marcos o festival Músicas no Tapal achega a esta praza recitais de Josh Rouse, Niño y Pistola, Igloo ou Narf Trío esta fin de semana. E sábado e domingo celébrase en Matamá a festa da Sementeria do Millo. Sergio Pazos, Sacha na Horta, Zurrumalla ou Escornabois achegan a parte musical do evento.
Pitusa Semifusa percorre os instrumentos para os máis novos
Xénero: | 25 / 4 / 2014
A historia da neta dunha directora de orquestra que se achega a coñecer as familias de instrumentos. Este é o eixe de Pitusa Semifusa, o novo libro-disco que acaba de publicar Galaxia na colección Sonárbore para o público infantil. O proxecto, coordinado por Olga Brañas, conta con colaboracións como as de Sérgio Tannus, Uxía, Quim Farinha ou Anxo Pintos. Dez temas de ritmos variados e coloridos e multitude de instrumentos fan parte deste novo proxecto que ilustra Leandro Lamas.
Anxo Lorenzo explora os límites da gaita en Confuxón
Xénero: | 24 / 4 / 2014
Melodías dos países celtas interpretados con gaita e whistles e acompañados polo irlandés Eoghan Neff no violín e o galego Xosé Liz na guitarra. Esta é a proposta de Anxo Lorenzo para o seu novo disco Confuxón, na que o gaiteiro do morrazo continúa coa súa aposta polos sons acústicos e pola experimentación co instrumento. Un total de seis temas cheos de ritmo chegan agora da man de Zouma Records ás tendas físicas e dixitais. Logo da presentación oficial do traballo, este 24 de abril en Moaña, o gaiteiro visitará a Foliada de Melide o vindeiro día 26. Ademais, confirmouse xa a presenza do artista na vindeira edición do Festival de Ortigueira.
Vizcaíno chega con Alas de papel
Xénero: | 23 / 4 / 2014
Desde o Incio chega o primeiro traballo de Vizcaíno, nome artístico de Xabier Pérez. Alas de papel, autoeditado, achega dez temas de autor con carácter urbano e toques rock. Aínda que cantado maioritariamente en castelán, o volume inclúe tamén o tema en galego Sete chorares. Concibido en Sudamérica, o disco nace logo de só dous anos de carreira musical deste compositor. Unha xira por todo o Estado e varias actuacións por Arxentina están a servir para presentar o traballo do cantante.
O Festival Sinsal medra
Xénero: | 22 / 4 / 2014
A Illa de San Simón acollerá a partir do vindeiro 25 de xullo a edición 2014 do festival Sinsal, que chega este ano cargado de novidades. Para comezar, o evento muda o nome, que pasa a ser Sinsal Son Estrella Galicia e conta cun reforzado patrocinio desta marca de cervexas. Ademais, o festival pasa de dous a tres días, e dará a coñecer con antelación os concertos que se celebrarán na primeira xornada, o día 25. O cartel do 26 e do 27, que será o mesmo os dous días, permanecerá en segredo ata a chegada do primeiro barco á illa, como viña sendo habitual neste encontro.
O Festival Brincadeira volve celebrarse este ano e será en Compostela
Xénero: | 21 / 4 / 2014
O Festival Brincadeira, tamén coñecido como Brincadeira-Rock, volve das súas cinsas dous anos despois da súa anterior edición. O festival nacido en Ordes en 2010 pasou a celebrarse en Cambre en 2012 e viu cancelada a súa prevista volta a Ordes en 2013 pola baixa recadación prevista. Agora os organizadores veñen de confirmar que este ano volverán levantar os escenarios, desta ocasión no recinto do Monte do Gozo en Santiago de Compostela entre o 7 e o 9 de agosto. Ademais, malia que o resto do cartel aínda non se coñece, puideron avanzar unha das actuacións estelares: a cantante Gloria Gaynor, diva da música disco-soul dos anos 70 e mundialmente famosa por temas como I will survive, que xa enviou un saúdo para os “brincadeiros”. Hoxe mesmo saen á venda os primeiros abonos con acampada ao prezo de 29 euros.
Información actualizada 17:30:
Xa se coñece o resto do cartel do Festival Brincadeira 2014 que inclúe entre outros moitos grupos e artistas a Bad Manners, Georgie Dann, The Zombie Kids, Fangoria, Lory Money, Guadalupe Plata, Fluzo, Los Chavales, Familia Caamagno, Ruxe-Ruxe, Tony Lomba, Mad Professor e mesmo a Ultranoite no país dos ananos de Chévere.
Barcia de Mera acolle a VI edición do seu ciclo de Música Relixiosa
Xénero: | 16 / 4 / 2014
O vindeiro 26 de abril a música voltará encher a igrexa de San Martiño de Barcia de Mera en Covelo, Mondariz. O templo acolle ese día o primeiro concerto do seu VI Ciclo de Música Relixiosa a cargo de Ensemble Vocal Thesaurus que interpretará música da corte aragonesa. A eles seguiralles o 24 de maio Vox Stellae Ensembre cun concerto de música barroca e arias de ópera e oratorio a cargo de Diego Neira e Cecilia Rodríguez-Morán en xuño. Para xullo está programado un recital de Bach por Joaquín Barreira, órgano, e Xabi Louriña, frauta, mentre en agosto será a quenda da misa mozárabe da man de Voz Organalis. O ciclo remata o 20 de setembro coa actuación de Marta Velasco, mezzosoprano, e Ramiro Morales, tiorba, a interpretar un amplo repertorio barroco. O programa presentouse onte no Balneario de Mondariz co apoio da Consellaría de Cultura
The Horrors e Lori Meyers encabezan o cartel do Festival do Norte
Xénero: | 15 / 4 / 2014
Chegan as primeiras confirmacións do Festival do Norte. Aínda sen ter fechado totalmente o seu cartel, o evento que se celebrará entre o 3 e o 5 de xullo na Illa de Arousa encabezará as súas actuacións con The Horrors, Lori Meyers, The Pains of Being Pure at Heart, Veronica Falls, Russian Red, The Wave Pictures, Austra, Satellite, Stories, e El Último Vecino. As entradas para esta edición poranse á venda a partir do vindeiro 24 de maio
Nacho Mora completa o financiamento para Entre as zocas e os lóstregos
Xénero: | 15 / 4 / 2014
A falta de varios días para rematar o proceso de crowdfunding na plataforma My Major Company, Nacho Mora, antigo membro de Elephant Band ou Meu completou xa os fondos que reclamaba para lanzar o seu primeiro traballo en solitario. Entre as zocas e os lóstregos, gravado en Lloria Estudio, Xixón, con produción de Xel Pereda achega 11 versións musicadas doutros tantos poemas de autores galegos. Letras de Pondal, Celso Emilio, Ana Romaní, Baldo Ramos, Miro Villar, Ramón Cabanillas, Estíbaliz Espinosa, Álvaro Cunqueiro ou Uxío Novoneyra atópanse co son indie do músico que pretende leva a nosa lingua alén do ámbito do folk.
Os d´abaixo debutan Ao vivo en Lorient
Xénero: | 11 / 4 / 2014
A actuación que desenvolveron o pasado mes de agosto no Festival Intercéltico por excelencia da Bretaña, conforma o primeiro disco de Os d`abaixo. A banda compostelá presentaba onte Ao vivo en Lorient, un volume no que deixan ver o seu bo facer. Temas de carácter popular que convidan ao baile cunha instrumentación rica que inclúe violín, guitarra, acordeón, gaita ou frauta fan pate do volume, na liña dos concertos que o grupo vén ofertando desde o seu nacemento en 2010.


