Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O Festival Brincadeira volve celebrarse este ano e será en Compostela
O Festival Brincadeira volve celebrarse este ano e será en Compostela
abril 21, 2014
O Festival Brincadeira, tamén coñecido como Brincadeira-Rock, volve das súas cinsas dous anos despois da súa anterior edición. O festival nacido en Ordes en 2010 pasou a celebrarse en Cambre en 2012 e viu cancelada a súa prevista volta a Ordes en 2013 pola baixa recadación prevista. Agora os organizadores veñen de confirmar que este ano volverán levantar os escenarios, desta ocasión no recinto do Monte do Gozo en Santiago de Compostela entre o 7 e o 9 de agosto. Ademais, malia que o resto do cartel aínda non se coñece, puideron avanzar unha das actuacións estelares: a cantante Gloria Gaynor, diva da música disco-soul dos anos 70 e mundialmente famosa por temas como I will survive, que xa enviou un saúdo para os “brincadeiros”. Hoxe mesmo saen á venda os primeiros abonos con acampada ao prezo de 29 euros.
Información actualizada 17:30:
Xa se coñece o resto do cartel do Festival Brincadeira 2014 que inclúe entre outros moitos grupos e artistas a Bad Manners, Georgie Dann, The Zombie Kids, Fangoria, Lory Money, Guadalupe Plata, Fluzo, Los Chavales, Familia Caamagno, Ruxe-Ruxe, Tony Lomba, Mad Professor e mesmo a Ultranoite no país dos ananos de Chévere.