2naFronteira musican a Díaz Castro no seu novo traballo
abril 28, 2014
O dúo 2naFronteira, formado por Carmen Penim e Maurizio Polsinelli, presenta Zapatiños para Díaz Castro, un CD no que musica catorce poemas de Nimbos, o poemario de Xosé María Díaz Castro. Os textos do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano cobran vida cunha ampla presenza de harmonios, pianos e a voz de Carmen Penim. No vídeo que encabeza esta información os artistas explican o proceso de xestación deste disco.O grupo iniciou o proxecto a musicar Penélope, o poema máis coñecido do autor, e foi o interese que os músicos foron atopando na lectura dos poemas de Díaz Castro o que os levou a completar o conxunto de textos do autor.
O dúo leva xa desde o pasado mes de xaneiro a programar as presentacións ao vivo deste traballo, que se gravou ao vivo no estudio Casa de Tolos e ve a luz da man de Inquedanzas Sonoras. O vindeiro 8 de maio terá lugar no Museo Interactivo da Historia en Lugo o primeiro dos concertos de presentación do traballo. Tamén hai previstas actuacións no Claustro do Convento de San Francisco, Ourense, o 16 de maio e no Auditorio Piñeiral do Crego de Chapela o 18 de maio.