Noticias
Factoría de Subsistencia presenta 'Respirando...Sempre!'
Xénero:
| 3 / 1 / 2024Co ano aínda por estrear a banda Factoría de Subsistencia dá comezo sacando o que é o seu terceiro disco longo "Respirando...Sempre!". Nove temas novos presentan a formación encabezada polo actor Josito Porto e Sabela Dacal, xunto aos que nesta ocasión estarán Rafa Otero ao baixo e Adrián Ríos na batería. O disco chega 5 anos despois do seu anterior traballo "Amores Fratricidas" (2019). En clave de rock and roll, Factoría de Subsistencia ofrece neste terceiro disco letras cargadas de humor negro, reflexión filosófica e crítica social. Aí están eses temas que xa foron presentándose quincenalmente como 'Non quero ser feliz' ou 'Esperta'. Todos eles poden escoitarse xa en YouTube e a banda presentará en concerto o novo disco na Casa das Crechas de Santiago de Compostela o vindeiro 13 de xaneiro. Tamén está prevista unha actuación o día 20 de xaneiro no espazo do Estudo Aldeaglobal de Vilagarcía onde ser realizou a gravación do disco.
Amigos da Ópera de Santiago rescata unha zarzuela de Otero Pedrayo
Xénero:
| 2 / 1 / 2024Unha zarzuela escrita por Ramón Otero Pedrayo abrirá o vindeiro 19 de xaneiro a actividade e Amigos da Ópera de Santiago para 2024. Nesa data Vilagarcía acollerá a posta en escena de Miñatos de Vran, unha obra que conta con música do mestre Juan Fernández Vide e que só se puidera vez en dúas ocasións, na estrea da Habana en 1928 e nunha representación en Ourense en 1959.
Susana Seivane volve máis forte co disco 'Sete'
Xénero:
| 28 / 12 / 2023Achegar o son da gaita a enfoques contemporáneos, máis sonoros e vibrantes, con contido máis pesado e poderoso, sen perder a esencia do xenuíno da interpretación é a intención de Susana Seivane con este novo traballo 'Sete'. O nome do álbum coloca o novo disco no seu posto na discografía da artista, tras aquel 'Dende o meu balcón' (2020) no que recollía os temas compartidos cos seu veciños en nas redes sociais durante o confinamento. O pasado sete de setembro, a gaiteira adiantaba 'Non é non’ o tema de apertura deste álbum, onde emprega a forza do seu instrumento para elevar o berro sinalando a lacra incesante na nosa sociedade da violencia de xénero. Para elo, rodeouse de multitude de artistas que tamén pronunciaron a súa repulsa contra este mal endémico: Luis Zahera, Elena Ferro, Iván Raña ou Carlos Blanco, entre outros, sumáronse a esta campaña iniciada pola artista. Ese tema, no que agaita comparte a súa forza coa dos instrumentos electricos e de percusión propios do rock abre un disco cheo de variedade sonora e no que hai un total de 12 temas, incluíndo xotas, pasodobres, muiñeiras e outras pezas como unha versión de 'Lela'. Composicións propias e tradicionais atópanse neste repertorio que Seivane defenderá hoxe no teatro Colón da Coruña no que será o su único concerto de presentación en Galicia de 'Sete'. Este xoves 28 ás 20:30 h seivane comparecerá ante o seu público acompañada de Miguel González no saxo, Iago Rodríguez no baixo, Alber Grela na guitarra e Carlos Freire na batería. O disco xa pode escoitarse nas platafromas dixitais.
Zënzar celebra no escenario "35 anos bourando"
Xénero:
| 22 / 12 / 2023A banda cercedense Zënzar celebra este sábado os seus 35 anos ininterrompidos facendo rock en galego. "35 anos bourando", din, desde o seu debut o 23 de decembro de 1988 no disco-pub Non Sei de A Silva. A formación soprara as candeas deste aniversario tamén nun escenario, o da Sala Capitol de Santiago que entón non existía. E para tal ocasión, estarán rodeados de case unha ducia de amizades que estarán presentes en varios temas, desde os clásicos ata os máis novos.
Nova cita festivaleira en Lugo co Valadouro Rock
Xénero:
| 21 / 12 / 2023Á lista nada pequena de festivais musicais de Galicia ven de unirse un novo nome: o Valadouro Rock. A Mariña lucense, onde ten lugar un dos festivais máis coñecido de Galicia e do Estado, o Resurrection fest de Viveiro, engade unha nova cita a poucos quilómetros dalí e tamén en clave de rock duro. A primeira edición deste Valadouro Rock terá lugar o 22 de xuño en Ferreira do Valadouro e ofrece unha experiencia de rock de todos os tipos a base de bandas de todo o Estado. Das nove bandas que ofrecerá o seu caertel hoxe mesmo veñen de desvelar as tres primeiras confirmacións. Un dos nomes máis coñecidos é o dos valencianos Gigatrón, unha formación que leva 25 anos percorrendo o país coa súa peculiar proposta paródica. Tamén hai sitio para o rock máis local coa confirmación de Materia Muerta, unha banda de hardcore Ribadeo cun disco publicado e outro a piques de saír. Completa a lista de primeiros nomes do cartel o grupo asturiano de heavy, SKÜLD. Aínda faltan outros seis nomes para completar o cartel desta primeira edición que sacou hox á venda as primeiras entradas.
A aceleradora musical Sonemerxente inicia segunda edición con 12 artistas
Xénero:
| 20 / 12 / 2023A segunda edición da aceleradora musical Sonemerxente, impulsada pola Xunta e xestionada pola Fundación Paideia Galiza, xa conta cunha lista de 12 grupos e artistas emerxentes que entraran no seu programa de formación e promoción. Abril, Amoebo, Candela Liste, Catuxa Salom, Eris Mackenzie, Filloas, French Riviera, Futuro Alcalde, Habló Pablo, Javier Lago, Marián e Verter GZ son os proxectos seleccionados nesta nova xeira da iniciativa, para a que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades consigna unha dotación de 240.000 euros procedentes dos fondos Next Generation EU no marco do Plan de Recuperación e Resiliencia do Goberno de España. A ducia de proxectos seleccionados desta volta súmanse a Adrian Timms, Ani Baires, De Ninghures, Helena Egea, Hydn, Law, Mondra, Paraíso Canto, Samudra Trio e Zeltia Irevire, que participaron durante 2023 na primeira edición de Sonemerxente.
Alberto Vilas fai un percorrido a piano pola música popular galega
Xénero:
| 19 / 12 / 2023O pianista Alberto Vilas ten un novo traballo discográfico "Once cancións e unha danza" (AMG Music, 2023), un proxecto co que entra desde o clásico, e o jazz na música popular galega. O compositor busca nas súas raíces redondelás para dedicar unha das pezas, 'La danza' a unha das tradicións locais que é a Danza da Coca. As outras están baseadas tanto en cantares tradicionais coma noutros que xa forman parte da cultura popular creados por diferentes formacións o século pasado. Dese xeito neste traballo Vilas achega a súa interpretación desde o piano a temas como "A Rianxeira", "A saia da Carolina”, "Miudiño" ou "Catro vellos mariñeiros", entre outros. "Once cancións e unha danza" preséntanse coma un paseo polo tempo e a infancia desde o piano e coa perspectiva dun compositor de jazz e música contemporánea de formación clásica. O disco, en formato CD está dispoñible para a súa venda a través da propia páxina de Alberto Vilas
Maximino Zumalave despídese como director asociado da Real Filharmonía de Galicia tras 27 anos
Xénero:
| 13 / 12 / 2023O mestre santiagués Maximino Zumalave dirixirá o seu último concerto como director asociado da Real Filharmonía de Galicia despois de 27 anos, este xoves 14 no Auditorio de Galicia de Santiago. O director, vencellado neste posto á orquestra desde a súa fundación, brandirá de novo a batuta para ofrecer ao público de Santiago o programa "Exsultate jubílate", nun recital que contará coa actuación da soprano Carmen Buendía, gañadora do concurso de canto Compostela Lírica 2022 e que se realiza en colaboración coa Asociación de Amigos da Ópera de Santiago. Antes do recital ás 19:45h, o público poderá escoitar as impresións do mestre Zumalave nun novo coloquio do ciclo 'Conversando con...' que se desenvolverá na Sala Mózart. A Real Filharmonía de Galicia rematou o pasado xoves, 7 de decembro, o proceso de selección de dirección asistente para o ano 2024 cun concerto no Auditorio de Galicia no que as catro persoas candidatas dirixiron a orquestra. Ao remate da actuación, o xurado anunciou a elección do estadounidense Sebastian Zinca como novo director asistente da orquestra.
Ailá presenta un disco de panxoliñas tradicionais
Xénero:
| 5 / 12 / 2023Oito panxoliñas tradicionais compoñen Ailá de Nadal. O grupo de música tradicional Ailá acaba de lanzar este volume no marco da campaña Nadal en rede da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que ten o álbum íntegro na súa canle de Youtube. O volume recolle cancións de aguinaldo como Aninovo de 1860, peza recollida no cancioneiro de Marcial Valladares, ou As xaneiras recollidas en Pazos de Borbén. Cantares de Reis de Bendollo, Vilardevós e Rianxo fan tamén parte do proxecto.
O Consello da Cultura recupera unha partitura inédita de Antonio Iglesias Vilarelle
Xénero:
| 17 / 11 / 2023O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acollía na tarde deste 17 de novembro a presentación de Keltia. Preludio sinfónico. O Consello da Cultura Galega recuperou esta peza inédita que o compositor Jose Antonio Iglesias Vilarelle, falecido en 1971, creara en 1939. A composición, que estreou a Orquestra Municipal de Bilbao en 1946, está dispoñible para descarga no web do Consello da Cultura.