Noticias
Brais Moran abre a pista de baile con 'Revolución Chic'
Xénero:
| 15 / 2 / 2024Seis anos tardou Brais Morán en presentar este novo traballo discográfico que é o terceiro do seu percorrido en solitario, aínda que neste caso asina acompañado da formación Nasaufunk. 'Revolución Chic" (2024) é unha nova mostra da actitude musical vitalista e aberta deste artista, alegre e buscando mover os corpos ao baile, neste caso entrando nas sonoridades da música 'disco' dos anos 70 nas súas formas mais 'negras' . Son dez temas e un remix do que dá título ao álbum e en todos eles podemos notar ecos coñecidos pero ao mesmo tempo baixo unha produción actualizada na que se nota a man de Arturo Vaquero (Abrigueiro Estudios). Non deixamos de ter na mente ao escoitalo a enerxía daquel mítico programa americano da primeira música disco 'Soul train' pero ao tempo notamos influenzas moito máis modernas que van empapando o son en cada recuncho e mesmo hai momentos do funk tropicalista que xa estaba en anteriores traballos de Morán. A sala Garufa da Coruña acollerá o vindeiro 1 de marzo o concerto de inicio da xira de presentación deste traballo no que Morán estará acompañando da formación Nasaufunk (Xabier Cid, Fran Castro, Manu Seoane e Antón Torroncho) que tanto achegan en cada tema.
Rosa Sánchez e Pablo Carpintero farán soar as gaitas máis antigas que se conservan
Xénero:
| 15 / 2 / 2024Un percorrido pola historia das gaitas a través de instrumentos que pasaron de man en man en diferentes familias ou que se conservan no Museo de Pontevedra. Esta é a proposta que desenvolven Rosa Sánchez e Pablo Carpintero este 16 de febreiro a partir 19 horas no Edificio Castelao do centro pontevedrés.
Sinsal publica as gravacións en cilindro fonográfico de artistas da pasada edición do festival
Xénero:
| 9 / 2 / 2024Xa están dispoñibles en aberto as primeiras Sesións San Simón, as gravacións en cilindro fonográfico realizadas durante a pasada edición do festival Sinsal SON Estrella Galicia polo experto Aleks Kolkowski. Os primeiros audios pódense escoitar a través da páxina web da promotora do evento, Sinsalaudio. Ademais do rexistro da canción, Sinsal recolle tamén esta gravación en vídeo da man do cineasta vigués Álex Cancelo. Están dispoñibles as sesións nas que participaron Hatis Noit, Fillas de Cassandra, Ana Lua Caiano, Duo Ruut, Dal:um, Leenalchi ou AGD7. As Sesións San Simón forman parte das actividades paralelas do Sinsal, que cada verán se celebra na illa de San Simón. Nelas participan de xeito activo as bandas e solistas que conforman o cartel secreto do festival, e consisten no rexistro dunha canción, de dous minutos, nun cilindro de cera. As sesións, realizadas en distintos espazos do arquipélago, son abertas para o público asistente.
Abraham Cupeiro presenta 'Mythos' con xira en Galicia
Xénero:
| 7 / 2 / 2024Hoxe sae á luz nas plataformas dixitais o novo traballo discográfico de Abraham Cupeiro, 'Mythos' (Loira records). No disco o músico, investigador e multiinstrumentista de Sarria (1980) presenta oito novas composicións propias baseadas, como o seu título indica en mitos e lendas das culturas de Grecia, Roma ou a India, o que supón neste caso unha nova viaxe musical a través da historia da humanidade. Este é o terceiro traballo discográfico de Cupeiro tras aquel revelador 'Os sons Esquecidos' (Warner, 2017) e o globalista 'Pangea' (Warner, 2020) e de novo o compositor volve facer equipa con formacións sinfónicas de alto nivel para ofrecer as súas composicións ou interpretacións nas que incorpora sons ancestrais a través mesmo da recuperacións de instrumentos antigos. Neste caso o disco gravouse nuns estudios que tampouco están desprovisto de carga mística, como son os de Abbey Road en Londres, e o lugués acompañouse da Royal Philarmonic Orchestra para a gravación, ao igual que xa fixera co seu segundo traballo.
A AGPXC e a AGEM reclaman ás administracións que paguen en prazo
Xénero:
| 24 / 1 / 2024Nun comunicado conxunto emitido este 24 de xaneiro, a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e AGEM, Asociación Galega de Empresas Musicais, reclámanlle ás administracións que cumpran os prazos legais para o pago de facturas e de subvencións. Segundo os colectivos, estas demoras poñen en risco a viabilidade e a calidade do traballo de moitas entidades do sector e obrigan a un endebedamento difícil de sustentar.
As II Residencias Artísticas Mariñán acollerán oito proxectos creativos
Xénero:
| 24 / 1 / 2024Catro proxectos do ámbito musical e outros catro centrados na literatura e no pensamento participarán da segunda convocatoria das Residencias Artísticas Mariñán. A Deputación da Coruña presentaba estes 23 de xaneiro esta nova edición, que se desenvolverá entre o 15 e o 26 de abril. Durante estes días o pazo de Mariñán acollerá as persoas responsables dos proxectos escolleitos, que terán estadías de seis días no caso das propostas musicais e de doce nas literarias e de pensamento.
Fanny & Alexander remesturan as voces femininas da música galega
Xénero:
| 16 / 1 / 2024Xa está dispoñible nas plataformas o novo proxecto de Aregueifa Plataforma, Manifestas, no que Fanny & Alexander remesturan nunha serie de EPs temas de "algunhas das máis poderosas voces femininas da escena galega". O proxecto parte das voces de Su Garrido, Lucía Aldao, Ugia Pedreira e Mai, que seleccionaron temas de diferentes álbums e traballos. "Unha proposta, tan sinxela coma complexa de executar no musical, que ispe as cancións das súas roupaxes orixinais para voltalas construir dende os propios alicerces vocais en forma de reinvención en clave electrónica, levando as pezas orixinais a territorios tan inéditos coma as pistas de baile", sinalan desde A Regueifa. A p roposta complétase cun videoclip para a remestura de "Big Bang", o tema escollido por Mai, quen tamén aparece no propio audiovisual.
Unha nova publicación reivindica o legado musical dos Valladares
Xénero:
| 9 / 1 / 2024Co título de A música dos Valladares. Retratos de familia, a Editorial Galaxia acaba de presentar unha obra que repasa a traxectoria de Marcial Valladares a través do seu vencello coa arte sonora. Textos de Pablo Bernárdez e ilustracións de Hortensia Fernández componen este volumen no que se aborda tamén a relación da familia do autor coa disciplina musical.
A USC crea un certame de musica moderna
Xénero:
| 5 / 1 / 2024A Universidade de Santiago de Compostela ven de poñer en marcha a primeira edición dun Certame de grupos musicais. A institución académica pretende fomentar e darlle visibilidade á actividade artística e creativa orixinal, no ámbito da música moderna, da comunidade universitaria da USC e especialmente do seu estudantado. Ata o 22 de xaneiro poderanse presentar candidaturas de maneira individual ou como grupo, formado por un mínimo de dous membros da comunidade universitaria ou tres para grupos de cinco ou máis compoñentes. Nas solicitudes presentaranse temas de música moderna orixinais e non premiados con anterioridade. Cada participante ou grupo poderá presentar unicamente unha solicitude e unha proposta musical. Tampouco pode tomar parte nesta convocatoria quen teña editado algún traballo discográfico, agás que sexa autoeditado e que careza de respaldo discográfico na actualidade. Valorarase o uso da lingua galega.
Factoría de Subsistencia presenta 'Respirando...Sempre!'
Xénero:
| 3 / 1 / 2024Co ano aínda por estrear a banda Factoría de Subsistencia dá comezo sacando o que é o seu terceiro disco longo "Respirando...Sempre!". Nove temas novos presentan a formación encabezada polo actor Josito Porto e Sabela Dacal, xunto aos que nesta ocasión estarán Rafa Otero ao baixo e Adrián Ríos na batería. O disco chega 5 anos despois do seu anterior traballo "Amores Fratricidas" (2019). En clave de rock and roll, Factoría de Subsistencia ofrece neste terceiro disco letras cargadas de humor negro, reflexión filosófica e crítica social. Aí están eses temas que xa foron presentándose quincenalmente como 'Non quero ser feliz' ou 'Esperta'. Todos eles poden escoitarse xa en YouTube e a banda presentará en concerto o novo disco na Casa das Crechas de Santiago de Compostela o vindeiro 13 de xaneiro. Tamén está prevista unha actuación o día 20 de xaneiro no espazo do Estudo Aldeaglobal de Vilagarcía onde ser realizou a gravación do disco.