Noticias
A Real Filharmonía de Galicia estrea hoxe en Vigo unha obra de Jacobo Gaspar
Xénero:
| 7 / 3 / 2024O Teatro Afundación de Vigo acolle hoxe xoves, 7 de marzo ás 20:00 horas, á real Filharmonia de Galicia que inclúe no seu programa a estrea da peza 'De mar a Mar', obra do compositor Jacobo Gaspar (Mos, 1975) encargada pola RFG. O concerto está enmarcado no programa '(EN)FOCO ondas de inspiración' da formación orquestral, unha nova proposta de programas que consiste en concertos comentados dunha hora de duración para axudar a comprender a música clásica a aquelas persoas que se achegan por primeira vez a ela. A RFG estará baixo a dirección de Johanna Malangré e contará coa participación da musicóloga Rosa Fernández. A estrea do compositor galego abre a velada. Nesta peza, segundo a presentación, "latexa a súa constante busca das posibilidades expresivas do son, a través de texturas e referencias poético-musicais". O concerto inclúe a peza 'Danzas concertantes' de Igor Stravinski, estreadas en Los Ángeles en 1942 co compositor como director; a obra contén toda a enerxía rítmica das súas primeiras composicións e a claridade e refinamento melódico das súas obras neoclásicas. Robert Schumann pon fin ao concerto coa segunda das súas catro sinfonías, estreada por Mendelssohn en 1846 con escaso éxito. Esta obra componse nunha época difícil para Schumann, sumido nun desacougo que non se reflicte na obra, escrita cunha linguaxe moi innovadora e cun empuxe orquestral moi vencellado ao Beethoven sinfónico. O concerto repetirase o venres, 8 de marzo, no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.
Xabier Díaz retorna coas Adufeiras de Salitre en Axúdame a sentir
Xénero:
| 5 / 3 / 2024Desde este 29 de febreiro está dispoñible en tendas e plataformas dixitais Axúdame a sentir, o novo disco de Xabier Días e Adufeiras de Salitre. O álbum de once temas, supón unha renovación nos sons deste proxecto, coa incorporación de baixo ou guitarra eléctrica, novos tons na percursión e unha maior carga de creación propia nas letras, que manteñen as habituais formas de raíz.
Nace en Redondela A Fedora, Conserveira cultural
Xénero:
| 4 / 3 / 2024Este 2 de marzo abría as súas portas en Redondela A Fedora. Co epígrafe Conserveira cultural, este novo espazo recupera para o público unha antiga nave industrial da vila. Da man da Asociación Cultural A Fedora, este espazo propón manter unha programación estable de concertos e artes escénicas.
Unha gala na Coruña conmemora a Luísa Villalta
Xénero:
| 4 / 3 / 2024A coincidir co vixésimo aniversario do falecemento da homenaxeada o Día das Letras Galegas deste 2024, a Federación Galiza Cultura organiza este 6 de mrazo Inaugurar o tempo da xustiza. Celebrando a Luísa Villalta. O Teatro Rosalía de Castro acolle esta gala que mestura música e poesía e que estará presentada por Xosé Manuel Carril.
Unha mostra pon de relevo o patrimonio oleiro da provincia de Lugo
Xénero:
| 1 / 3 / 2024Duascentas cincuenta pezas de cerámica tradicional elaboradas nos centros oleiros provincia de Lugo. Esta é a proposta que a exposición Conciencia dunha tradición. Olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós abría a súas portas no Vello Cárcere da capital provincial este 29 de febreiro e permite achegarse a este patrimonio artesán ata o vindeiro 17 de maio.
Nace Gratia Plena, "un festival en feminino"
Xénero:
| 29 / 2 / 2024Dúas actuacións, os días 3 e 10 de marzo, compoñen o programa da primeira xeira de Gratia Plena. Este proxecto da Fundación Santamaría-Teme nace en Ourense a se definir como "un festival en feminino" e desenvolve as súas actividades da Capela do Santo Anxo arredor do Día Internacional da Muller que se celebra o 8 de marzo.
O Centrad organiza unha xornada sobre chirimía e sacabuche
Xénero:
| 28 / 2 / 2024O Centrad, Centro de Artesanía e Deseño da Vicepresidencia da Deputación de Lugo organiza esta fin de semana a Iª Xornada de chirimía e sacabuche. Trátase dun obradoiro teórico práctico no que os participantes coñecerán o funcionamento de instrumentos renacentistas de vento entre os que están destacados a chirimía e o sacabuche, considerado o antepasado do trombón. A formación estará impartida polo grupo almeriense Anónimo IV Ensemble de Música Renacentista e Medieval e comezarán o venres pola tarde e o domingo rematarán ao mediodía. O programa durante as tres xornadas inclúe palestras sobre instrumentos de palleta dupla na península Ibérica dende o Islam ata o século XV ou de instrumentos de vento nas catedrais galegas. Tamén se levarán a cabo clases grupais sobre o temperamento mesotónico e a relación coas tonalidades, características acústicas das chirimías, o papel do sacabuche nas transposicións ou a interpretación de obras en conxunto. As persoas interesadas poden inscribirse a través do correo electrónico chirimiasgalegas@gmail.com ou no teléfono 629 421 544. O Centrad de Lugo custodia unha colección de instrumentos musicais e obxectos sonoros e programa obradoiros e mostras para achegarse a eles.
Corenta artistas de Galicia piden apoio para os Premios MIN
Xénero:
| 23 / 2 / 2024Ata corenta artistas da escena musical galega forman parte das candidaturas desta fase dos Premios MIN da música independente estatal, case a metade deles compiten, entre outras categorías, na de Mellor álbum en galego do 2023. Estes premios organizados pola Unión Fonográfica Independiente (UfI), que van pola súa XVIª edición, contemplan ata 21 categorías de galardóns diferentes, xa sexa por xénero, formato, técnicos ou por linguas, ademais dun premio honorífico. Actualmente o proceso da convocatoria actual vai pola súa cuarta fase, o que implica a votación pública a través da plataforma en liña ata o 8 de marzo, tras diso será o momento dun xurado designado pola organización para definir os finalistas.
Fillas de Cassandra presentan hoxe o seu espectáculo 'Últimas dionisíacas'
Xénero:
| 16 / 2 / 2024Na actual conxuntura da industria musical, para un artista ou unha formación a presentación dun espectáculo e unha xira pode chegar nalgúns casos a ser o equivalente ao que tradicionalmente foi presentar un traballo discográfico. A elaboración dun espectáculo, os arranxos musicais e posta en escena poden resultar tan diferentes respecto ao que sería a escoita da música gravada que resulta un produto singular en si mesmo, é algo que grandes artistas internacionais veñen facendo desde hai tempo e que agora xa está á orde do día en circuítos máis achegados. Este é o caso das Fillas de Cassandra, que hoxe mesmo comezan a xira 'Últimas Dionisíacas' na súa cidade natal, Vigo. Tras esgotar, en menos de 10 días, os 1.400 billetes dispoñibles para a cita no Auditorio Mar de Vigo, o dúo conformado por María SOA e Sara Faro estreará no hall do recinto o seu novo directo. Logo da estrea viguesa, Fillas de Cassandra levará as Últimas Dionisíacas á cidade da Coruña o vindeiro 22 de febreiro, nunha cita enmarcada na celebración do Día dos Medios en Galego (que terá lugar na sala INN e para a que tampouco quedan billetes dispoñibles)
Eduardo Soutullo gaña o XV Premio Gaos de composición
Xénero:
| 16 / 2 / 2024O compositor Eduardo Soutullo é o gañador do XV Premio Andrés Gaos de composición musical da Deputación coa súa obra Avnios. Así se anunciou onte á noite no Museo Domus, tralo concerto de Arxis Esemble e o encontro do público co xurado e co comisario do certame e director artístico de Arxis Esemble, Hugo Gómez-Chao Porta, no que tamén participaron José Trigueros e Andrés Lacasa, director e xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG). Un xurado composto pola catedrática de música e investigadora, Rosa María Fernández García e pola compositora e compositores Raquel García, Jacobo Gaspar, Miguel Matamoro e Wladimir Rosinskij; presidido pola deputada de cultura, Natividade González e coa xefa da área, Mercedes Fernández Albalat como secretaria, escolleu como gañadora a obra de Eduardo Soutullo entre as 9 presentadas ao concurso de composición musical convocado pola Deputación. O gañador recibirá como premio 6.500€ ademais da posibilidade, por parte da entidade provincial, da produción e estrea da obra.