Noticias
Martins Aneiros Band debuta con Rain
Xénero:
| 15 / 11 / 2023A voz de Paula Martins e a guitarra de Víctor Aneiros compoñen a base de Martins Aneiros Band, unha formación que acaba de debutar no mercado discográfico con Rain. Dez cortes que combinan grandes referentes do blues con composicións propias, con letras da vocalista e música do guitarra, conforman a carta de presentación deste proxecto.
Culturgal expande a Vigo a súa programación
Xénero:
| 14 / 11 / 2023Por vez primeira desde o seu nacemento Culturgal, renomeado como Feira das Culturas Galegas, terá dúas sedes neste 2023. A organización do evento e máis a Deputación de Pontevedra anunciaban este 13 de novembro a programación Culturgal Expandido, que se desenvolverá na sede viguesa da institución provincial entre os días 23 e 24 de novembro.
A Quenlla presenta un novo disco que recupera ao poeta Avelino Díaz
Xénero:
| 9 / 11 / 2023A histórica formación A Quenlla ven de presentar un novo traballo discográfico cando están a piques de facer o seu corenta aniversario. O disco 'Na lírica emoción' está dedicado de xeito íntegro ao poeta Avelino Díaz Díaz, ofrecendo nel doce cantigas "cunha sonoridade que bebe da tradición e que percorre diversos estilos para achegarse ao folk de raíz", segundo explica o grupo. O disco está dispoñible en formato físico de CD baixo pedido a través das redes sociais de A Quenlla.
A Cidade da Cultura repasa cunha mostra un século de orquestras de verbena
Xénero:
| 9 / 11 / 2023A Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura en Santiago, acollía este 8 de novembro a inauguración de Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia. Esta exposición, comisariada polos investigadores Zósimo López e Henrique Neira propón "un percorrido pola historia das agrupacións a través de carteis, programas de festas, fotografías e discos".
Redondela acolle a Homenaxe nacional a Dorothé Schubarth
Xénero:
| 9 / 11 / 2023Dous meses despois da súa morte, a etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth, autora do Cancioneiro popular galego, recibe o seu primeiro acto de homenaxe póstumo no noso país. O Concello de Redondela, co apoio do Consello da Cultura Galega e mais do Museo do Pobo Galego organiza a Homenaxe nacional a Dorothé Schubarth, un encontro que se desenvolverá o vindeiro 11 de novembro no Auditorio da Xunqueira.
Terbutalina volve coas pilas cargadas con 'Era cabra'
Xénero:
| 3 / 11 / 2023Regresa a formación de Esteiro, Terbutalina, cun novo álbum completo que desde hoxe está dispoñible en plataformas dixitais, "Era cabra" (Dotbeat, 2023). Fai agora 4 anos que a banda presentaba o seu último traballo "Espabila Gallego" (Folc records, 2019) e con este novo traballo presentado hoxe do que xa se foron presentando cancións en avance os Terbutalina culminan un proceso catártico para voltar "máis fortes ca nunca". Neste contexto 'Era cabra' revélase como o regreso á orixe "tras unha revisión dos seus principios máis esenciais e unha etapa de coñecemento e fortalecemento interno", aseguran desde a banda. Este novo elepé está composto por oito temas nos que podemos atopar esa banda punk rock moi aberta a influenzas históricas como o psichobilly e con letras traballadas, retrousos que enganchan e contundencia sonora. O disco foi gravado e producido nos estudios 'A Ponte' por Tomás Axeitos e masterizado por Robin Schmidt nos estudios '24-96' e terá O unha edición física en formato vinilo editado por Folc Records. A banda presentará este novo disco sobre o escenario da Sala Malatesta, en Santiago de Compostela, o vindeiro 8 de decembro.
O festival de Jazz de Lugo comeza este venres a súa XXXIIIª edición
Xénero:
| 2 / 11 / 2023O Festival de Jazz de Lugo, organizado pola Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz, comeza este venres a súa 33ª edición. A veterana cita lucense fará pasar pola cidade a grandes nomes internacionais e artistas destacados de Galicia e o resto do estado, nunha mestura sempre programada desde a excelencia e o bo facer. Ata día 19 o festival ofrecerá ata 24 concertos, que aínda que enmarcados a grandes rasgos no xénero do jazz, ofrecen unha enorme variedade de sons e orixes. O Club Clavicémbalo, o Círculo das Artes e a Casa do Saber serán as sedes das actuacións deste ano.
A raíz na fronteira dos públicos
Xénero:
| 30 / 10 / 2023A revolución que vive nos últimos anos a música de raíz galega está a pór sobre a mesa o potencial dos nosos sons para chegar a novos públicos. O éxito a nivel estatal de Tanxugueiras, a raíz da súa candidatura para representar a España no festival de Eurovisión 2022 marcou un punto de inflexión e cuestiona os límites destes estilos. Continuamos o repaso sobre o panorama galego neste campo a coincidir coa celebración da feira Womex na Coruña e en paralelo á serie de vídeos Crossing Borders do Consello da Cultura Galega.
Satélite Salifre faise co Premio Narf
Xénero:
| 30 / 10 / 2023O Salón Teatro de Santiago acollía este sábado 28 de outubro a gala final do XV Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña. As deliberacións do xurado escolleron como vencedora do certame a banda compostelá Satélite Salifre, que levará o premio de 4.000 euros en metálico ademais de participar en tres festivais de referencia no panorama galego.
O festival Castañazo de Chantada volve tras tres anos desaparecido
Xénero:
| 27 / 10 / 2023Disque foi en Chantada no 1994, na segunda edición do que entón era chamado o Castañazo Rock, onde naceu o termo 'Rock bravú'. Nunha cea coas bandas presentes na cantina de Viana. Dende entón esta é unha cita especial para a o rock en galego e só a pandemia conseguiu parala, ata agora. Tras dunha anterior edición, a 17, que se celebrou en 2019 o evento supera hoxe un parón de tres anos e volve coa súa XVIIIª edición cun lixeiro cambio de denominación quu non afecta á súa liña de programación, como Castañazo, a secas. Hoxe venres comeza e seguirá tamén mañá no mercado gandeiro de Chantada, reunindo unha ducia de artistas que representan a parte da actualidade da música en galego. Fillas de Casandra, Narco, Tremenda Jauria, Lágrimas de Sangre, Rastreros e Grande amore enchen o cartel do venres. O sábado estarán en Chantada Dakidarría, Mafalda, Tropa do Carallo, Sons of Aguirre, Arritmia e Rebeliom do Inframundo. A veterana cita ofrece tamén actividades como os cantos de Taberna e un festival paralelo de música infantil de balde no auditorio municipal.