Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Rock
Música Rock
Cuarta Xusta debuta con Un novo espertar
Xénero:
| 5 / 3 / 2018Con orixe melidá e composición maioritariamente feminina, Cuarta Xusta presenta na casa o seu primeiro disco. O Pub Gatos acolle este 10 de marzo ás 23:59 horas o primeiro concerto da xira de Un novo espertar. O álbum achega oito temas propios de rock aderezado con violín e toques de ska coa intención de "berrar con música as inxustizas que nos rodean" da man de Aida López (cantante), Marta Sánchez (guitarra e violín), Lúa Aguete (batería), Alberto García (guitarra) e Alba Vilariño (baixo). Canda a eles, unha chea de colaboracións coma as de Vituco Neira e Miguel Duarte de Ruxe-Ruxe, Bocixa de Zënzar, Jasper de Nao ou Javi Maneiro de Herdeiros da Crus, algúns dos cales estarán presentes no concerto de inauguración.
Ith presentan o seu segundo disco 'O mínimo que o contén todo'
Xénero:
| 1 / 2 / 2018Tres anos despois do seu primeiro álbum Forte (2015), a banda de rock de Mesía, Ith, ven de sacar un novo traballo que xa está á venda na Fnac e no Corte Inglés, e tamén pode conseguirse contactando directamente con Ith. Co título O mínimo que o contén todo, os Ith ofrecen seis temas de composición propia, así como un poema musicado do poeta samanense Fiz Vergara Vilariño nun disco gravado, producido e mesturado en Abrigueiro Estudios (Friol - Lugo) por Arturo Vaquero. En O mínimo que o contén todo a banda -Lucía, Miguel, Toxo, Gonzalo e Folgueira- segue a manter o espírito de facer rock galego e en galego, aínda que con novas ideas e sons que a banda quixo deixar plasmados nel. A temática das cancións vai dende a reivindicación social ata o máis puro sentimento e emoción. A primeira data coñecida da xira de presentación deste novo disco será o 17 Marzo, no Pub Óxido de Lalín, e a banda xa ten máis citas para os seguintes meses en outros locais.
O primeiro disco de Supernatural chega en dúas versións en castelán e inglés
Xénero:
| 18 / 1 / 2018Once temas de rock melódico compoñen o primeiro disco de Supernatural, a banda que compoñen Suso Valcárcel (batería), Daniel Lemos (baixo) e Fran Almodóvar (guitarra) e que conta como vocalista con Thais Rudiño, que acadou sona por participar o pasado ano no concurso televisivo La Voz. Como grande peculiaridade, este álbum de debut preséntase en dúas versións, unha cantada en castelán e a outra en inglés, cos títulos respectivos de Nada que fingir e Nothing to pretend. Segundo explica a banda, aínda que os temas son os mesmoas, as letras sofren prequenas variacións en cada lingua. O álbum, autoeditado, gravouse nos estudios Los Rosales en Madrid. A banda anuncia en Ribeira, o 9 de febreiro, o seu vindeiro concerto de presentación.
Propostas trasgresoras nacionais e internacionais para o cartel do Vº A Candeloria de Lugo
Xénero:
| 24 / 11 / 2017É a cita festivaleira máis temperá de cada ano e a cada edición consegue consolidarse máis e crecer. O festival A Candeloria de Lugo celebrará entre o 22 e o 24 de febreiro a súa quinta edición reunindo unha vez máis un interesante cartel de bandas de punk e rock das escenas internacional e nacional con presenza sempre de propostas galegas entre a súa selección e un carácter contestatario en moitas das súas propostas. A falta aínda de dúas bandas por anunciar xa son 20 os nomes confirmados durante esta semana para esta edición, a mítica banda británica GBH encabeza o cartel e con eles estarán outra coñecidas formacións como Dubioza kolektiv, Mafalda ou Narco ademais de Bala, Agoraphobia, Habelas Hainas, Aphonnic, Machina, Ses, O Puto Coro do exército Froilanista, True Mountains, Satanic Surfers, No Fun At All, As Punkiereteiras, Skama La Rede, CRIM, Huntza, Leo Arremecághona e Desakato. O festivasl xa leva vendias máis dun milleiro de entradas e o abono de 3 días + Acampada está dispoñible por 36€.
Víctor Aneiros cambia de ritmo e idioma no seu oitavo álbum
Xénero:
| 20 / 11 / 2017O guitarrista e compositor ferrolán Víctor Aneiros lanza ao mercado o seu último álbum, oitavo da súa carreira, baixo o título de Un extraño entre la multitud. O proxecto mostra unha nova faceta do artista que decidiu cambiar a melancolía blusera, por ritmos roqueiros máis dinámicos e a lingua galega, que caracterizaba ata o de agora as súas letras, polo castelán. Potentes riffs e punteos de guitarra de indiscutible calidade, como nos ten afeito Aneiros, caracterizan a volta do músico, que contou nesta ocasión coa colaboración do produtor Segundo Grandío.
Resurrection Fest presenta a metade do seu cartel para 2018
Xénero:
| 17 / 11 / 2017O Resurrection Fest 2018 ven de facer o seu primeiro anuncio de bandas para esta décima terceira edición que terá lugar en Viveiro entre o 11 e o 14 de xullo. Cincuenta e tres dos 100 nomes que formarán parte do cartel do festival xa se coñecen desde hoxe e na parte alta, como grandes bandas atraentes de público masivo esta dous das máis míticas bandas de heavy Rock da historia, que forman parte das biografías musicais de milleiros de persoas nacidas nos anos sesenta e setenta: os americanos Kiss e os alemáns Scorpions. Na edición de 2017 contabilizáronse máis de 80.000 asistentes ao longo dos catro días e o festival acadou o Premio á mellor zona de acampada dos festivais españoles nos Premios Fest.
A Mardi Gras comeza un mes de celebración do 18 aniversario
Xénero:
| 2 / 11 / 2017En novembro de 1999 abría as súas portas na Coruña a Sala Mardi Gras rememorando o espírito dos garitos de New Orleans, buscaba ofrecer música en directo cada semana cunha axenda de concertos de artistas moi seleccionados que foron dando personalidade propia ao recinto como axente cultural de primeira orde na cidade. Este mes a Mardi Gras cumpre dezaoito anos en activo con milleiros de concertos ás súas costas e como un dos locais de referencia da música en directo en Galicia acollendo actuacións de bandas internacionais, estatais e grupos emerxentes. A celebración ofrecerá 18 concertos nun mes e algunhas novidades para o futuro.
Agoraphobia van a por todas con Incoming Noise
Xénero:
| 30 / 10 / 2017O primeiro disco de longa duración das barbanzanas Agoraphobia Incoming Noise (Autoeditado) chega cando xa levan anos conseguindo recoñecementos. Gañadoras este mesmo ano do IV Premio Martín Códax da Música en Galicia na categoría de Rock e do Vodafone yu Music Talent de 2013, nos últimos anos subiron aos escenarios de festivales nacionais como Brincadeira Festival, Monkey Week, Portamérica, Sunshine Festival, Vértigo Estival ou Low Festival, entre outros, veñen de actuar no festival Posporos de Manila en Filipinas e pasaron dous anos consecutivos polo prestixioso festival South by Southwest (SXSW) de Texas. Incoming Noise, supón para elas un "paso de madurez profesional e persoal" co que presentan un novo estilo sonoro. O grupo ven de facer unha presentación previa durante o encontro profesional da industria musical BIME de Bilbao e o disco xa está desde o pasado venres nas plataformas dixitais e sairá á venda na edición dixital o venres día 3 de novembro.
Os John Deeres presentan o seu segundo disco '20-20'
Xénero:
| 16 / 10 / 2017Xa está en todas as plataformas o novo disco da banda Os John Deeres, 20.20. Os da Estrada presentan neste traballo editado baixo o Netlabel O Toxo Rabudo oito temas en galego de “hard rock” sen concesións, pensados claramente para levar a un directo enérxico e electrizante. O tema de presentación, Rendición, xa dispón de videoclip. As letras van da temática social (Entre fronteiras, A sombra de ti, Dourado veleno) ao macarrismo (Inevitable); da superación dos propios límites (Cara adiante, Tan forte, tan lonxe) á conciencia de que ás veces só queda deixarse levar pola nosa parte máis escura (Rendición, Espiral). Segundo comentan desde O Toxo Rabudo sobre o disco, "con 20-20 os John Deeres atoparon o seu lugar. Despois dun primeiro traballo inaugural que recollía temas de case unha década tocando xuntos, con 20-20 a banda dá un salto cara a un son máis directo e cru, máis compacto e máis achegado ás súas bandas de referencia dos 70". O disco pódese descargaur xa que está baixo licenza Creative Commons. A banda estará o vindeiro día 21 no festival grelo Folc de Monfero presentando en directo o seu novo traballo.
O veterán festival Xiria Pop pecha o verán en Carballo
Xénero:
| 11 / 9 / 2017O Festival Xiria Pop de Carballo celebrará o vindeiro fin de semana unha nova edición ofrecendo dous días de actuación de bandas galegas, nacionais e internacionais. O evento, que comezou no ano 98 como unha festa vencellada á xente do equipo de balonmán local Xiria, foi crecendo e evolucionando co tempo ata ser unha cita veterana e estable da programación musical de finais do verán. A Sala Dublín acollerá os días 15 e 16 a actuación de catro bandas e un Dj cada xornada. Dúas bandas británicas, Colorama e MFC Chicken, encabezan o cartel en cada un dos días. De Londres tamén chegan Sulk e de Motpellier Les Lullies. A presenza galega a poñen os compostelán Thee Boas. Bandas nacionais como Biznaga, Los Estanques e Carolina Otero & Someone Elses completan a oferta de concertos que se celebrarán no Club Dubñin de Carballo.
REPORTAXE
Campamento Compostela
Data.Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música