Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Rock
Música Rock
O impacto do XIIIº Resurrectión Fest valórase en máis de 8,5 millóns de euros
Xénero:
| 19 / 10 / 2018O festival de rock metal Resurrection Fest segue mantendo a atención dos medios neste final de semana. Se a súa posición de finalista en varias categorías dos premios nacionais para festivais era noticia nos días anteriores, o evento de Viveiro ven de acceder de novo ao primeiro plano da actualidade con dous motivos ao tempo, un de pasado e outro de futuro: a presentación do estudo de avaliación de impacto da súa pasada edición e un novo avance de cartel para a videira que se celebrará en 2019. Segundo o estudo impulsado pola Axencia Galega de Industrias Musicais, AGADIC, a décimo terceira edición do festival xerou un impacto de máis de 8,5 millóns de euros en toda Galicia, dos que 6,6 millóns reverteron directamente na comarca da Mariña.
Resurrection Fest coloca 9.000 abonos para 2019 nunha hora e media
Xénero:
| 18 / 9 / 2018A capacidade de convocatoria do Resurrection Fest de Viveiro, a cita co rock duro máis multitudinaria do país, segue a sorprendernos ano tras ano. Onte ás 11 da mañá puxéronse á venda os primeiros abonos para a 14ª edición que se celebrará entre o 3 e o 6 de xullo do 2019 e milleiros de persoas lanzáronse xa facerse con elas aos prezos promocionais de saída. En apenas unha hora e media vendéronse máis de 9.000 abonos, 4.500 deles a un prezo inicial de 95 euros e outros tantos a 105 euros. En total case un millón de euros facturados pola organización no que é un importante apoio de confianza á marca Resurrection Fest, toda vez que do cartel artístico apenas se coñecen a día de hoxe cinco nomes do cento que cada ano ofrece o festival lugués. Ante este éxito, un fito na historia do evento, a organización decidiu manter a terceira e actual oferta de abonos, inicialmente 3.000 a prezo de 105 euros, ata o seguinte anuncio de bandas.
Heredeiros da Crus entran nas librarías
Xénero:
| 13 / 9 / 2018Non todos os días pasa que a historia da música actual do país pasa a formar parte tamén do corpus literario da nosa cultura. Desde hoxe está nas tendas o libro Heredeiros da Crus. Cuadrilla de Pepa a Loba (Eds. Xerais) que recolle a historia dos primeiros 25 anos de vida desta formación, incluídos os oito anos que se contaron entre a súa separación e volta a actividade en 2012. Este libro asinado polo xornalista Antonio Díaz Ageitos é a crónica de como o soño entolecido dun mariñeiro do Barbanza unha noite de marea rematou converténdose nun capítulo fundamental da historia do rock feito en Galicia. A obra conta unha viaxe que empeza a bordo dun pequeno pesqueiro de Riveira, pasa por un galiñeiro e remata compartida en escenarios por milleiros de persoas. O episodio da reunión do grupo en Ordes en 2012 e a súa agardada e emocionante volta aos escenarios case por petición popular serve de porta de entrada e presentación ao libro. "Os máis jrandes" (sobrenome autoproclamado da banda barbanzá ) seguen en activo cunha axenda repleta de concertos e celebraron o pasado ano, 2017 o 25 aniversario cunha xira peninsular e está pendente este ano saída dun novo disco, en formato vinilo, que fará a undécima obra editada polos Heredeiros desde aquel A cuadrilla de Pepa a Loba que tamén dá nome a este libro . Ao mercar o libro poderá obterse unha entrada para a "festa de presentasión" que terá lugar o vindeiro sábado 22 de setembro na Sala Sónar de Santiago.
Martiño Noriega defende o método de invitacións dos concertos gratuítos
Xénero:
| 27 / 7 / 2018Na rolda de prensa na que se presentaba o vindeiro concerto do grupo de power metal Helloween no Multiúsos do Sar o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, defendeu o sistema de concertos de balde con retirada física de invitación previamente para as festas do Apóstolo da capital galega. O método, que non favorece ao público de fóra da cidade para achegarse aos espectáculos de Rubén Blades e Rosalía este ano, causou algún que outro problema con grandes colas no primeiro día de dispoñibilidade das invitacións e motivou tamén a cancelacións de viaxes concertadas como o autobús que a sala coruñesa Mardi Gras tiña contratada para asistir ao espectáculo de Blades. "Todo o gratuíto ten un custe. A fórmula perfecta non existe", aseguraba o alcalde que vencellou a elección deste método ao criterio no que prima a seguridade na Praza da Quintana e ao carácter de excepcional gratuidade destes dous concertos. "Se facemos un cálculo previo de acceso á praza e nos atopamos cunha gran aglomeración ou un problema de seguridade no acceso á praza estaríamos falando doutro tipo de cuestión e eu teño claro que prefiro unas molestias ou unha cola que un problema de seguridade nunha praza de 5000 persoas", sentenciou o alcalde compostelán. "A ninguén se lle escapa que iso limita bastante o acceso á xente que non é da cidade, do contorno ou da comarca", recoñeceu Noriega que tamén quixo establecer unha diferencia entre as festas da cidade e outros eventos á hora de optar polo acceso de balde que condicionaba a imposibilidade de usar a plataforma de despacho virtual habitual do Concello ao ir o custo desta a porcentaxe do custe da entrada. "É certo que podía ao mellor terse explorado algunhas outras vías de cara a outro tipo de plataformas a través da promotora pero son cuestións a abordar no futuro", comentou. "Valoráronse outras opcións no seu momento,- dixo o alcalde- como foi poñer entrada para os concertos e iso houbera implicado a posibilidade de subilo a ATaquilla, pero desbotouse porque é certo que durante toda a lexislatura diferenciouse o espazo das festas doutros espazos e seguiuse apostando polo feito da gratuidade como método de garantir a accesibilidade da xente da cidade a eventos punteiros culturais".
O festival Loro Facu de Miño pecha o cartel para a terceira edición
Xénero:
| 6 / 7 / 2018Todo preparado en Miño para coroarse como vila festivaleira este verán. O Festival Loro Facu ven de pechar cartel con tres novas incorporacións para a súa terceira edición. Entre o 27 e o 29 de xullo a localidade coruñesa acollerá máis de 20 concertos a cargo de artistas e bandas da escena independente, algún deles en formato acústico. O festival ven de confirmar as actuacións de Copaturbo , o acústico de Monoulius DOP e ao dj S.Alma. Sexy Zebras e Los Bengala encabezan o cartel. O festival trasladouse este ao a un emprazamento xunto á Praia Grande que no mes de agosto, cun mes exacto de diferencia, acollerá a segunda edición do Free Riders festival. Un encontro que xunta o gusto polo motor co rock and roll dun xeito natural e que segue incluíndo no seu cartel musical nomes relevantes do xénero.
Grand Soul Band vira a un rock máis escuro no seu terceiro traballo discográfico
Xénero:
| 8 / 6 / 2018O pub Boulevard, en Fisterra, acolle esta noite o concerto de presentación do novo álbum de Grand Soul Band. A banda de Santa Comba dá un xiro cara ao grunge desde o seu rock de guitarras en From Here to Eternity, o seu terceiro traballo. Os estudios de Paco Loco no Porto de Santa María (Cádiz) acolleron a gravación dos dez temas do álbum, nos que a guitarra mantén o seu protagonismo e o conxunto crea atmósferas traballadas e máis escuras do que en traballos anteriores.
Roberto Sobrado Grupo sacan 'Proletarios do Rock and Roll'
Xénero:
| 7 / 5 / 2018O veterano músico Roberto Sobrado ven de presentar o seu novo traballo discográfico acompañado do seu grupo. Proletarios do Rock and Roll (Autoeditado) é un traballo de obreiros de base roqueira. Un disco con sete temas propios e novos e máis cinco versións no que se deixa sentir o imaxinario desta banda encabezada por Sobrado, un músico con más de vinte anos sobre o escenario e con cinco discos previos editados. Agora nun grupo, cunha banda renovada na sección rítmica e onde o saxo e a voz cobran máis protagonismo ca nunca, xunto a Germán da Ponte (saxo), Euxenio (batería) e Nuno Pico (baixo), volven á estrada e ao minimalismo do rock de furgoneta e sesión de ensaio nos garaxes para crear este son máis roqueiro, con calado social. O disco xestouse ao longo de meses en sesións de gravación na Sala Moon, no local de ensaio e en Bungalow estudios. O investimento económico para sácalo baseouse nun método de apoio popular con prerreserva do CD.
Mega Purple Sex Toy Kit volve a primeira liña con disco longo
Xénero:
| 19 / 4 / 2018Mega Purple Sex Toy Kit é unha banda que precisa presentación a pesares dos seus anos de traxectoria e máis se temos en conta que o disco que este ano presentan Good Vibrators (Roctopus Tea Party records, 2018) é o seu primeiro longa duración cando pasaron máis de catorce anos desde a súa formación. Á hora de denominar a Mega Purple Sex Toy kit as definicións basculan entre "grupo maldito" e "superbanda" o cal xa nos dá unha referencia de que estamos ante un proxecto moi especial desde o minuto un. Pero é que ademais é unha das bandas imprescindibles no que a psicodelia se refire no panorama musical galego.
Loro Facu e Free Riders, dupla ración de festivais en Miño
Xénero:
| 20 / 3 / 2018Este verán Miño será sen dúbida o concello festivaleiro por excelencia. Co mesmo emprazamento, nunha área triangular xunto á Praia Grande de Miño, a localidade coruñesa terá dous festivais, un a finais de xullo e outro en agosto. Seguindo unha dinámica de crecemento, o Festival Loro Facu anunciou un cartel para tres días seguidos, do 27 ao 29 de xullo, para o cal ademais pasa de celebrarse no porto a facerse xunta a praia nunha zona máis grande, cunha área de acampada integrada e cun programa de actividades moito máis amplo. O sitio é o mesmo no que xa o pasado ano o festival Free Riders, de motos e música, fixo a súa primeira edición e este ano repite entre o 23 e 26 de agosto. O cartel do Loro Facu preséntase xa completo con 19 actuacións entre os seus dous escenarios. O FIV de Vilalba tamén ven de pechar cartel o 17º Ribeira Sacra fixo novas confirmacións.
Luz Casal refresca o seu rock en 'Que corra el aire'
Xénero:
| 6 / 3 / 2018Luz Casal publica un novo disco Que corra el aire(Warner Music) xa á venda e no que refresca o seu son respecto aos anteriores discos. A artista de Boimorto tirou da escena musical independente para rodearse de músicos e escolleu ao coñecido produtor Ricky Falkner que está detrás de moita da música máis coñecida do indie español (Iván Ferreiro, Love of Lesbian, Sidonie e Quique González entre outros) para darlle forma sonora a este traballo. O vigués Eladio Santos, de Eladio y los Seres Queridos, asina xunto a Casal La única verdad, un dos once temas do disco. Luz dedica outro dos temas do disco ao seu pai, que aínda cantado en castelán ten o título en galego: Meu pai. Segundo Luz Casal, o título do álbum e da canción que que se abre, Que corra el aire, remite a unha "sensación pracenteira" que ten ao volver a casa e que "entronca co que algúns consideran o meu pasado e que para min é o presente", di a artista nunha clara referencia á relación da súa traxectoria cun son máis achegado ao rock que neste traballo pode recoñecerse claramente. A xira de presentación do disco dará comezo este mesmo mes e o día 17 estará actuando no Auditorio Mar de Vigo e o 24 deste mes no Pazo da Ópera da Coruña.
REPORTAXE
Campamento Compostela
Data.Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música