Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Infantil
Música Infantil
Pan de millo de Migallas
Xénero:
| 8 / 10 / 2013Catorce cancións, entre versións de temas tradicionais e composicións propias, co pan de millo e o seu proceso de elaboración como eixe. Esta é a proposta que fai o grupo Migallas no seu segundo traballo, titulado, como non, Pan de millo. O libro-CD editado por Kalandraka aborda a partir deste tema cuestións como a colaboración, a paz ou o exceso de actividades extraescolares. Gravado no estudio Casa de Tolos, o proxecto conta con colaboracións como as de Pancho Álvarez, César Longa, Begoña Riobó ou Segundo Grandío.
Galego para días libres
Xénero:
| 21 / 5 / 2013Un caderno didáctico con actividades para vacacións dirixido aos máis novos da casa en galego, castelán e inglés. E que inclúe un disco con temas de Aries, Grampoder, Wild Balbina, Musel, Álex Casanova, Javi Pretty, Montañas e Sacramento. Bababúm vacacións é un proxecto que xorde do traballo de Cinta Arribas e María Ramos e mais de Carlos Pereiro (Carlangas de Novidades Carminha) na parte musical. Segundo explican os promotores, a intención desta iniciativa é propor actividades que pais e fillos poidan desenvolver en conxunto. Os interesados en coñecer polo miúdo o proxecto terán unha ocasión na Romaría Pop que se celebra no compostelán parque de Belvís o vindeiro 15 de xuño.
Uxía presenta Rosalía pequeniña
Xénero:
| 13 / 5 / 2013A Editorial Galaxia presentaba esta mañá Rosalía pequeniña, un libro disco que mestura poemas de Rosalía de Castro, ilustracións de Marina Seoane e mais a voz de Uxía. O proxecto, editado na colección Sonárbore, está dirixido aos máis pequenos da casa e presenta unha Rosalía meniña que busca dialogar directamente cos ouvintes. No disco atópanse colaboracións como as de Sés, Isaac Palacín, Habelas Hainas ou Magín Blanco, e con Sergio Tannus a cargo da gravación e da dirección musical. O volume conta cun total de 28 páxinas e sae á venda por 20 euros.
Voltan a nena e o grilo
Xénero:
| 27 / 2 / 2013Logo do seu aplaudido libro-disco A nena e o grilo, Magín Blanco recunca en formato e personaxes. Fol Música acaba de presentar A nena e o grilo nun barquiño, un conxunto de trece contos que se publican acompañados por outras tantas cancións e actividades didácticas. O proxecto, de sesenta páxinas, conta con ilustracións de Leandro Lamas e presentarase de xeito oficial o vindeiro 8 de marzo no marco do Salón do Libro Infantil de Pontevedra. Un concerto no mesmo recinto inaugurará a xira de presentacións o día 9 no mesmo espazo. O disco gravouse no estudio de Jorge Juncal en Moaña, na Cova dos Peixes con Guilllerme Fernández e en Casa de Tolos con Segundo Grandío.
Mamá Cabra volta con Bicos de música
Xénero: AUDIO
| 20 / 11 / 2012 +As librarías están a recibir esta mesma semana Bicos de música, o último lanzamento do grupo Mamá Cabra. Da man da Editorial Galaxia, o proxecto inclúe un libro ilustrado coas letras das cancións, un CD con dez temas cantados e dez pistas só coa música e os coros para cantar por riba e mais un DVD con karaoke e vídeos no que se segue un día completo na vida do grupo. O estilo habitual do grupo, con letras festivas e coreografías que acompañan os temas mantense neste proxecto, que de certo há ser un dos agasallos máis solicitados para os máis novos no vindeiro Nadal. O volume gravouse nos estudios Edisco da Estrada.
Chega María Fumaça, un libro disco para os máis novos
Xénero:
| 11 / 10 / 2012Uxía, Sérgio Tannus, Magín Blanco, Isaac Palacín, Tanxarina Teatro ou Carlos Blanco son só algúns dos artistas que colaboran en María Fumaça. Este libro disco, que acaba de publicar Galaxia, aposta pola ledicia e vida fronte aos problemas das discapacidades. Segundo sinala a editora o proxecto "gravita arredor de Ruí, un cativo moi especial para quen os seus amigos músicos quixeron crear este libro-disco-dvd cheo de propostas pegadizas e tonadas marabillosas".
Os festivais fanse pequenos
Xénero:
| 4 / 9 / 2012Os grandes festivais só para adultos pasaron á historia. Agora a fórmula pasa por achegarse aos máis pequenos da casa, introducilos na música… ao tempo que lle permiten aos seus pais participar en familia dun encontro apto para todos. Music Way, Lolapop e o Sinsal son algúns dos festivais que levan, con máis ou menos tradición, se sumaron un oco a este formato.
Mamá Cabra lanza Xa me tardan estes Magos
Xénero:
| 25 / 10 / 2011A seguir co formato de libro-disco que xa empregaran en Ola, ola, la!, Mamá Cabra recunca coa editorial Galaxia e presenta Xa me tardan estes magos. A obra, que conta con ilustración de Kristina Sabaite recolle composicións sobre textos de Antón Cortizas, Gloria Sánchez, Antonio García Teijeiro e Gloria M. Roel, vocalista do grupo. A ambientación de Nadal e as panxoliñas predominan na obra, pensada para o esas festas, con temas como Tres Reis en Bicicleta, que se pode escoitar de balde no web da editora.
Ler, ouvir e cantar... con Mamá Cabra
Xénero:
| 14 / 3 / 2011Un disco que é tamén un conto ilustrado e que ademais ten versión en karaoke. Esta é a última aposta que fai o grupo Mamá cabra para os máis novos. Ola, ola, la! chega da man de Galaxia cun texto de Gloria Sánchez que enfía as letras das cancións nunha única historia, mentres as ilustracións deste traballo corren por conta de Kristina Sabaite. Os interesados en contemplar en directo o espectáculo correspondente a este lanzamento, teñen a ocasión nos concerto que o grupo está a realizar no marco do programa de dinamización lingüística Bocaberta.
Do conto á canción, e volta
Xénero:
| 11 / 2 / 2010OQO editora acaba de presentar A nena e o grilo un proxecto que integra música e literatura da man de Magín Blanco. O libro-disco, dirixido aos máis novos, inclúe unha serie de contos deste autor e cancións que van do folk ao reggae pasando pola rumba ou o pop. Acompañan a Magín no apartado musical figuras coñecidas coma Guadi Galego, Ugia Pedreira, Uxía ou Fred Martins. As ilustracións do volume corren a cargo de Iván Prieto. O lanzamento terá continuidade nos vindeiros meses da man dun espectáculo ao vivo que percorrerá o país.