Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Nova Fronteira & Cartelle faise co Campionato de Bandas de Gaitas
Xénero:
| 2 / 8 / 2010O Monte do Gozo acollía onte a final do campionato da Liga Galega de Bandas de Gaitas. O encontro, que reuniu preto de 2.500 gaiteiros repartidos en 51 bandas, rematou coa victoria do grupo Nova Fronteira & Cartelle. Seguíronas as formacións Entienza e La Reina del Truébano. O xurado valorou o traballo na percusión, a gaita, a afinación, o conxunto e a estética de cada banda.
O Festival Intercéltico do Morrazo chega á XXVI edición
Xénero:
| 14 / 7 / 2010Malia á redución do seu orzamento á metade, o Festival Intercéltico do Morrazo celebra a final deste mes a súa XXVI Edición. O paseo marítimo de Moaña acolle os días 30 e 31 a partir das dez e media da noite as actuacións dos galegos Anxo Lorenzo e Ophiusa, os cántabros Garma e os estadounidenses Solas. O web do evento achega información detallada sobre o programa.
Todo listo para unha nova edición do Festival do Mundo Celta de Ortigueira
Xénero:
| 7 / 7 / 2010Xa está todo preparado para o evento iniciático por excelencia en Galicia: o Festival Internacional do Mundo Celta. Miles de persoas acudirán á vila do Ortegal para escoitar un plantel de músicos que este ano reúne a bandas como Marful, Cristina Pato, Leilía, Anxo Lorenzo, Celtas Cortos, os escoceses Shooglenifty, os estadounidenses Gaelic Storm ou o xa clásico desfile de bandas de gaitas. Como actividades paralelas, este ano o Festival estreará o filme Os Crebinsky ou a exposición Carácter celta sobre o propio Festival.
En Volta Xosé Manuel Budiño destila a esencia dunha xira por catro continentes
Xénero: VIDEO
| 24 / 6 / 2010 +O gaiteiro de Moaña xa ten nas tendas o CD e DVD Volta un traballo que, en verbas do propio Budiño, “non é exactamente un disco en directo nin un recopilatorio. É un experimento”.
O folk que nunca chegou ás tendas
Xénero:
| 19 / 5 / 2010Coincidindo co Día das Letras Galegas, o web A Voz de Vilalba presentou dous temas inéditos dun emblemático grupo renovador do folk nos 80: Xorima, creador dun estilo de facer música de raíz que seguirían despois grupos como Berrogüetto. "De Xolda / Entre o millo" mestura dúas cancións, e foi composto por Ferreirós e Anxo Pintos. O outro tema, "Sicodélica", é de base tradicional con arranxos do grupo. Os temas foron gravados e interpretados en directo en 1988 e ían ser parte do segundo disco de Xorima. Nunca chegou a saír.
Ernesto Campos estrea Concerto de Chapela, a primeira obra de folk sinfónico
Xénero:
| 29 / 4 / 2010O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle esta noite a estrea de Concerto de Chapela, a primeira obra galega de folk sinfónico. A Banda Municipal de Música e mais o grupo Crema de gaita interpretan a obra de Ernesto Campos, inspirada na localidade viguesa do mesmo nome e que reúne no escenario corenta e oito músicos. Canda a esta peza, no mesmo concerto estrearase a peza para gaita e orquestra Luces do Atlántico do mesmo compositor. A cita é ás nove da noite e entrada é de balde.
Os gaiteiros denuncian o tratamento da música tradicional nos medios públicos
Xénero:
| 28 / 4 / 2010O cambio de horario de emisión na de Alalá na TVG (os xoves ás 23:00 horas) e que Lume na palleira xa só se emite na Radio Galega Música (20.000 oíntes potenciais fronte os máis de 120.000 da Radio galega convencional) son algúns dos feitos que motivaron o último comunicado da Asociación de Gaiteiros Tradicionais. Nel denuncian que diminúen os tempos e se reduce a súa presenza para a música tradicional nos medios de comunicación públicos, ao tempo que insta a recuperar espazos e promover este xénero. Ademais, esta entidade anunciou que remitirá esta demanda aos tres grupos con representación no Parlamento.
O Festival de Ortigueira presenta unha programación anovada
Xénero:
| 28 / 4 / 2010Un 70% dos grupos que actuarán no XXVI Festival do Mundo Celta de Ortigueira acudirán por vez primeira a esta cita. Alberto Balboa, coordinador deste evento, aseguraba onte que esta edición renova o formato do evento e "sentará as bases do Festival do futuro". Entre o 8 e o 11 de xullo visitarán esta vila formacións como Oysterband, Celtas Cortos, Gaelic Storm, Krêposuk, Shooglenifty ou Afterhours. Pola banda galega agárdase a presenza Cristina Pato, Marful e Anxo Lorenzo band, así como dos grupos que participen no Concurso Runas para novos valores. O evento, organizado polo Concello de Ortigueira co apoio do Xacobeo, Estrella Galicia e a Deputación da Coruña, agarda convocar máis de 100.000 persoas.
Ophiusa presenta cun concerto na FNAC o seu segundo disco
Xénero:
| 14 / 4 / 2010O vindeiro 16 de abril a FNAC da Coruña acolle a presentación de Sen planeta, segundo traballo do grupo Ophiusa. Segundo anuncian no seu MySpace o conxunto evolúe "cara á parte máis eléctrica e ecléctica dentro do seu propio son". Todas as pezas inclúidas no disco, autoproducido pola banda, son da autoría dos membros do grupo, e nas mesmas atópanse colaboracións coma as de Bieito Romero, de Luar na Lubre, Óscar Fernández de bOnOvO ou Benxamín Otero, de Linho do Cuco. A gravación realizouse nos estudios Pink, do propio grupo. Despois da presentación, o vindeiro 27 de abril o grupo visita o Salón Teatro de Compostela no marco do ciclo ST Música Presente
A Orquestra Folk Sondeseu presenta o seu terceiro traballo discográfico
Xénero:
| 13 / 4 / 2010Composto por once temas, Barlovento (Do Fol, 2010) recolle o mundo da construción e o uso renovado das embarcacións tradicionais como metáfora da viaxe das melodías tradicionais a un mar sonoro salferido de contemporaneidade. A carón da enerxía que caracteriza a interpretación dos 40 músicos que compoñen SondeSeu, neste disco atopamos as colaboracións de Rosa Cedrón, Rodrigo Romaní, Xaquín Xesteira, Javier Feijoo (Chisco), e Xosé Liz. Conta con oito creacións de Rodrigo Romaní, dúas de Anxo Pintos e unha de Xaquín Xesteira, baseadas na música de tradición oral galega. O disco foi gravado no auditorio do Conservatorio Superior de Música de Vigo co obxecto de captar o ambiente e a enerxía que caracterizan os concertos de SondeSeu. A partires da publicación de Barlovento, SondeSeu comezará a xira de concertos para 2010 que se iniciará en Madrid o vindeiro 1º de maio no Teatro Circo Price dentro do Ciclo Cantigas do Camiño - Xacobeo Raíces. Na actualidade, en colaboración co Concello de Vigo, SondeSeu lidera o proxecto ENFO (European Network of Folk Orchestras) no que se está a impulsar a creación de novas orquestras por toda Europa para consolidar unha rede estable de participación e intercambio.
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos