Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Jazz/Blues
Música Jazz/Blues
Lugo reivindicase capital do jazz coa maior 'jam session' da historia
Xénero:
| 26 / 8 / 2020A veterana Asociación de Amigos do Jazz EscobiJazz de Lugo prepara para este vindeiro domingo 30 de agosto unha enorme festa do jazz, coa participación de máis de 150 artistas galegos nunha 'jam session' propia deste xénero homenaxeando ao grande artista, Charlie Parker . (Kansas City, 29 de agosto de 1920 - Nova York, 12 de marzo de 1955), no seu centenario. Máis de 4 horas de jazz en directo, interpretado por artistas galegos -150 dos preto de 225 censados como tales-, que pasarán a formar parte da historia musical ao transformarse na maior jam session celebrada en España. Así conciben desde a asociación este evento, que serve ao tempo para reivindicar os 30 anos de historia do festival de jazz máis lonxevo de Galicia, e a calidade dos nosos intérpretes. Dende as 13 horas e até ben entrada a tarde (17:00) nas escalinatas do Pazo Episcopal de Lugo, máis de 150 artistas irán subindo a un escenario que contará con todas as medidas de seguridade e salubridade necesarias, ao igual que o espazo reservado para o público. Pero a organización ten claro que, nestes tempos, é imprescindible apostar polo dixital, polo que o concerto poderá seguirse integramente online a través das redes sociais do festival de jazz de Lugo. O proxecto, que nace como a maior jam session da historia en España, tanto por número de intérpretes como por horas de desenvolvemento, conta co financiamento e apoio da Xunta de Galicia a través do Xacobeo21.
O festival Vilablues volve e celebrarase en Noia
Xénero:
| 11 / 8 / 2020Tras deixar Vilagarcía de Arousa, lugar do seu nacemento e celebración durante anos, o festival Vilablues ven de superar un momento incerto e recalar en porto na vila de Noia para celebrar alí a súa edición Vilablues 5.1. Os vindeiros 21, 22 e 23 de agosto o evento celebrarase na vila barbanzá cun cartel que xa se foi confirmando aos poucos desde hai uns días e que inclúe a reputados artistas galegos como SÉS, Adrian Costa Blues Band (& convidados) con figuras do blues nacional e internacional coma Raimundo Amador e a mítica Giselle Jackson & The Shu Shu’s. A xornada inaugural será de balde a cargo dos vigueses Dixie Town e a banda barcelonesa Koko-Jean & The Tonics no recinto principal, que estará no Escenario Mahou no patio do IES San Alberte. Ademais diso o evento estará acompañado nas rúas e prazas de Noia por un ciclo de concertos abertos salpicando toda a vila que reunirá a destacados artistas galegos baixo o título Galicia Blues en sesións vermú e de solpor. En sesión vermú Sabela King & The heartbreakers estarán na Praza do Curro o día 21:; o día 22 estarán actuando a mediodía Mad Martín Trío e no solpor Nastasia Zürcher despedirá o día desde o malecón; o día 23 actuarán Momboi e Mr.Cool.
As citas de verán co jazz mantéñense co acento máis galego
Xénero:
| 6 / 8 / 2020O jazz ábrese paso no verán, como un xénero ao que as limitacións actuais non semellan afectar tanto coma a outros. Un público selectivo e non multitudinario e con escoita en asentos é un formato que encaixa nos hábitos dos concertos deste xénero máis que nos de rock, pop, folk, etc.. Talvez sexan esas as causas polas que os festivais de jazz seguen a aparecer nestas datas debuxando unha oferta que salpica o mapa do país. Lugo, Moaña, Rianxo e Ferrol son algúns dos sitios nos que dende hoxe mesmo o jazz comeza a soar en ciclos, festivais e programacións diversas con especial peso das figuras galegas. Como proposta máis inmediata polas rúas de Lugo comezan hoxe a soar as músicas de 5 banda de estilo Dixieland como parte do ciclo Camiño ao XXX Festival de Jazz de Lugo, que xa ven anticipando con concertos desde primeiros de ano o vindeiro festival da cidade a celebrar previsiblemente en novembro. Tamén hoxe mesmo comezan a Noites de jazz de Rianxo, unha cita que ademais poderá gozarse en liña coa retransmisión en directo dos seus concertos a través da canle en YouTube do Concello rinaxeiro. Pablo Sanmamed Trío (hoxe xoves) , pablo castaño Quarte (venres 7) e Swing Machine Orchestra (sábado 8) actuarán para presentes e alleos nesta cita.
David Regueiro Trío afonda no jazz Manouche con Areal
Xénero:
| 9 / 3 / 2020O guitarrista e compositor David Regueiro continúa o seu traballo no ronsel de Django Reinhardt. Desta volta, en formato trío, presenta Areal, un LP no que o o jazz manouche, con influencias de swing americano e be-bop, impregna nove temas de composición propia. Acompañado de Iago Reigosa á guitarra e de Juyma Stévez ao baixo, a formación incorpora colaboracións de Sarunas Pupelis ao clarinete en dous temas e de Ismael Cabaleiro ao violín noutro máis. O proxecto, autoeditado e gravado polo propio Regueiro está a iniciar este mes de marzo a súa xira de presentación. O Garufa Club da Coruña acollerá o vindeiro día 15 a presentación do álbum, e o tour continuará por Vigo (20 de marzo), Compostela (2 de abril), Zaragoza (9 de abril), Barcelona (10 de abril) e Bueu (14 de maio).
O saxofonista Carlos Barruso foi escoltado con jazz no seu enterro
Xénero:
| 23 / 12 / 2019A Big Band do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso da Estrada daba o seu concerto inaugural o pasado venres 20 de decembro e poucas horas despois, xa cun dos seus derradeiros soños cumpridos, Barruso deixaba atrás o mundo no Hospital de Santiago, onde levaba ingresado uns días. O músico e mestre saxofonista, falecía nese momento, aos 58 anos de idade, case un ano despois de coñecer o seu diagnóstico terminal e de poñer en marcha unha das despedidas máis celebradas da escena musical polo que tivo de celebración da vida e de amor á música. Durante este ano o músico e profesor reuniu a músicos amigos nun concerto de despedida en Ourense, recibiu o Premio Martín Códax da Música pola súa traxectoria e puxo en marcha o proxecto do Obradoiro de Música Moderna co Concello da Estrada. Cando se lle fixo entrega en Pontevedra do Premio Martín Códax a directiva de MAV recalcou del o feito de ter sido "un compañeiro e personalidade clave para entender a evolución da música moderna en Galicia. Un profesional impecable e xeneroso, cun talento colosal que influenciou e segue influenciando a moitas xeracións de músicas e músicos". Naquel momento ante o auditorio posto en pé, Barruso, con toda sinxeleza e dignidade comentou a súa situación de enfermo terminal agradecendo a "fermosa vida" que lle dera a música na que comezou dende moi pequeno. O seu paso pola escena musical galega foi lembrado, tanto pola súa faceta como músico en formacións de jazz como pola súa actividade docente en Vigo e en Santiago. O artista foi despedido onte no seu concello de adopción (era natural de Peñafiel) e onde desenvolveu parte da súa labor de pedagoxía musical. Como se dun enterro de Nova Orleans se tratase, cunha escolta de músicos arredor, o jazz serviu de despedida, como el pretendía a través de dúas pezas, a case cerimoniosa St.James Infirmary e dunha alegre peza de Dixieland. O xornal La voz de Galicia recolle en vídeo estes momentos. O músico marchou entre notas pola porta grande destinada da aos grandes amantes da música.
A Estrada abre o Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso
Xénero:
| 21 / 8 / 2019A Fundación Cultural da Estrada, do Concello pontevedrés, acollerá de xeito inmediato o Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso, mantendo así o legado de ensino do saxofonista, multiinstrumentista e mestre Carlos Barruso, premio Honorífico Músicas ao Vivo na gala deste ano dos Martín Códax. Barruso, enfermo dun cancro en fase terminal, presentou onte no Estrada este proxecto xunto co edil de Cultura, Juan Constenla, esperanzado ante o feito de que non se perda así o que foi o seu traballo de ensino durante máis dunha década. O obradoiro, que xa está aberto á matriculación, ofrecerá dúas horas semanas e está enfocado na especialización en jazz, blues ou rock en complementariedade coas escolas de música ou conservatorio municipal, máis enfocadas cara o clásico ou popular, o obradoiro inclúe tamén o canto alén do instrumental. Un dos obxectivos de futuro deste Obradoiro de Música Moderna (OMM) na Fundación Cultural da Estrada é o de cumprir un dos desexos de Barruso e chegar a montar unha "Big Band" a medio ou longo prazo, para o cal desde a fundación se ofrecen intencións de continuidade do proxecto. Rubén Servide será o encargado principal de impartir as clases neste curso baixo a supervisión do aínda activo Carlos Barruso.
Joey de Francesco e Judith Hill son as estrelas deste ano na cita internacional
Xénero:
| 8 / 7 / 2019A cidade de Pontevedra xa ten preparada a programación da súa cita estival co jazz. A capital provincial ten unha longa traxectoria e tradición afianzada polo Seminario Permanente de Jazz e este ano vai pola 27ª edición do seu Festival internacional de Jazz e Blues entre o 23 e o 28 de xullo. Seis concertos de artistas de calado internacional conforman a columna vertebral do evento no que ademais hai unha interesante oferta de jam-sessions, un obradoiro, tres sesións de mediodía de "jazz de taberna" e unha ambientación musical de rúa na procura dos cidadáns. As prazas do Teucro e da Ferrería serán de novo os epicentros do grande concertos, todos de balde, e por elas pasarán a formación pontevedresa Mr.River; o cuarteto no que o guitarrista madrileño Álvaro del Valle lidera ao saxofonista redondelán Fernando Sánchez, o contrabaixista vilagarcián Pablo Patiño e o batería vigués David Puime; desde Filadelfia chega o Joey De Francesco Trío; a vocalista de Los Angeles Judith Hill, que chega acompañada dunha poderosa formación é un dos pratos fortes deste ano. Ademais tamén estarán en Pontevedra o vocalista e compositor de Minneapolis, Jose James e músiico pontevedrés Gabriel Peso pechará o programa na formación de trío xunto a David Ruíz ao contrabaixo e Miguel Asensio á batería. Outras cinco formacións serán as que fagan as jam-sessions no local da Gramola na Praza Méndez Núñez outras tres estarán durante a fin de semana ás 13 horas na Taberna do Jazz (Rúa de San Sebastián) cos concertos de Jazz de taberna. Un programa que demostra o respeto aos músicos locais e a vitalidade que mantén a cita pontevedresa con estes xéneros.
Cartel internacional para o festival Blues Museum de Lugo
Xénero:
| 4 / 7 / 2019Por terceiro ano Lugo acolle o Blues Museum, Festival Internacional de Blues. Unha cita musical de concertos ao aire libre e gratuítos entre o 19 e 0 21 de xullo. Un festival organizado pola Deputación de Lugo e o Concello de Lugo que achega a música ao museo provincial e á rúa. E Nesta edición cabe destacar o apoio á paridade na programación xa que o 50% do cartel é feminino. O Blues Museum aposta por artistas de nome internacional e estatal dos eidos do blues, gospel e o soul. O espazo dos concertos convive entre Patrimonios da Humanidade como a Muralla de Lugo, o Camiño Primitivo a Santiago de Compostela ao seu paso por Lugo e a Catedral de Santa María. A pianista e cantante británica Izo FitzRoy estará tanto na apertura como no peche do ciclo, polo que tamén pasarán Yolanda Brown, que dará dous concertos e un deles para público familiar, tamén pasarán por Lugo Ben Poole, Chris O´Leary Band, Watermelon Slim e a formación Aretha Soul Divas and The Silverbacks.
O Festival +QueJazz da Coruña crece e amplía espazos co Teatro Colón
Xénero:
| 11 / 6 / 2019Chega á súa sexta edición o Festival +QueJazz da Coruña coa intención de facerse un oco no circuítos de prestixio do xénero. Con ese obxectivo este ano suma o espazo do Teatro Colón aos clubs Garufa Club e Jazz Filloa, tradicionais e inescusables abandeirados do jazz na cidade herculina. Alén diso o evento presenta na súa programación doce propostas entre o 3 e o 20 de xullo encabezadas no cartel por unha figura internacional do talle de Bill Evans, que en compañía de The Spy Killers abrirá o festival o día 3 no Teatro Colón. O festival conta por vez primeira co apoio do Concello e a esta cabeza de cartel engádense figuras como o pianista cubano afincado en Nova York Dayramir González, talento emerxente do jazz latino, que estará no Garufa o 12 de xullo. Polo mesmo escenario pasará a banda madrileña Mighty Vamp (6 de xullo). Nas actuacións previstas no Jazz Filloa, destacan Ton&Teira, unha de vibráfono e guitarra para dar vida a temas que van desde o clásico jazz a músicas suramericanas, flamenco ou temas de composición propia. Pecharán o ciclo o día 20 no Garufa Club o galego Valentín Caamaño coa súa proposta en cuarteto The Blind Wrestler, xunto a Lar Legido, Xosé Miguélez e Alfonso Calvo e máis o trío Puerta Sur.
Desaparece o mítico Dado-Dadá Jazz Club
Xénero:
| 6 / 5 / 2019A piques de cumprir os corenta anos como un dos clubs de jazz de referencia de Galicia, o Dado-Dadá Jazz Club de Santiago ven de pechar a súas portas, segundo informa o xornal compostelán El Correo Gallego. O local pechou por un traspaso no que vai incluída a perda do nome e unha profunda reforma para transformalo nunha sala que seguira mantendo como actividade a música en vivo e os espectáculos baixo o nome de eMe Music Club e aberta a xéneros musicais de estilos variados. Aberto desde 1980 por Carlos Asorey (finado en 2007) e logo rexentado pola súa dona Carmen Eixo, o Dado-Dadá Jazz Club formou parte dun escaso listado de salas que desde finais dos anos setenta apostaron pola música de jazz no país e das que poucas seguen manténdose, unha menos agora. Ademais de músicos de jazz galegos, estatais e internacionais, polo seu escenario pasaron cantautores, músicos folk, humoristas e magos, dentro destes últimos o club santiagués era unha parada obrigada nas súas xiras.
REPORTAXE
Unha escola de improvisación
Data.O Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra tira o seu cuarto disco e consolídase como centro de formación neste estilo musical