Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O saxofonista Carlos Barruso foi escoltado con jazz no seu enterro

O MúSICO VIU CUMPRIDO O SEU SOñO DE POñER EN MARCHA UNHA BIG BAND NA ESTRADA ANTES DE MORRER

O saxofonista Carlos Barruso foi escoltado con jazz no seu enterro

JAZZ/BLUES | decembro 23, 2019

imaxe non dispoñible

A Big Band do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso da Estrada daba o seu concerto inaugural o pasado venres 20 de decembro e poucas horas despois, xa cun dos seus derradeiros soños cumpridos, Barruso deixaba atrás o mundo no Hospital de Santiago, onde levaba ingresado uns días. O músico e mestre saxofonista, falecía nese momento, aos 58 anos de idade, case un ano despois de coñecer o seu diagnóstico terminal e de poñer en marcha unha das despedidas máis celebradas da escena musical polo que tivo de celebración da vida e de amor á música. Durante este ano o músico e profesor reuniu a músicos amigos nun concerto de despedida en Ourense, recibiu o Premio Martín Códax da Música pola súa traxectoria e puxo en marcha o proxecto do Obradoiro de Música Moderna co Concello da Estrada. Cando se lle fixo entrega en Pontevedra do Premio Martín Códax a directiva de MAV recalcou del o feito de ter sido "un compañeiro e personalidade clave para entender a evolución da música moderna en Galicia. Un profesional impecable e xeneroso, cun talento colosal que influenciou e segue influenciando a moitas xeracións de músicas e músicos". Naquel momento ante o auditorio posto en pé, Barruso, con toda sinxeleza e dignidade comentou a súa situación de enfermo terminal agradecendo a "fermosa vida" que lle dera a música na que comezou dende moi pequeno. O seu paso pola escena musical galega foi lembrado, tanto pola súa faceta como músico en formacións de jazz como pola súa actividade docente en Vigo e en Santiago. O artista foi despedido onte no seu concello de adopción (era natural de Peñafiel) e onde desenvolveu parte da súa labor de pedagoxía musical. Como se dun enterro de Nova Orleans se tratase, cunha escolta de músicos arredor, o jazz serviu de despedida, como el pretendía a través de dúas pezas, a case cerimoniosa St.James Infirmary e dunha alegre peza de Dixieland. O xornal La voz de Galicia recolle en vídeo estes momentos. O músico marchou entre notas pola porta grande destinada da aos grandes amantes da música.