Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
O crítico Óscar Losada entra no xurado do World Music Charts Europe
Xénero:
| 10 / 11 / 2014Por vez primeira un galego fai parte do grupo internacional de expertos que confeccionan a World Music Charts Europe. Óscar Losada, xornalista e crítico musical, acaba de se incorporar á nomina de 46 especialistas que fan parte deste comité. Losada foi seleccionado polos tres membros do Estado que ata o momento facían parte da lista, José Miguel López, Lara López e Albert Reguant. A partir de agora participará nas votacións que, mes a mes, seleccionan os mellores discos de folk e músicas do mundo para unha lista considerada un referente internacional.
Fiandola dá Volta e media
Xénero:
| 24 / 10 / 2014Dez cancións, na súa maior parte tiradas dos traballos de recolla que o propio grupo realiza, compoñen o terceiro disco de Fiandola. O septeto nado en 1996 mantén en Volta e media o seu son cun grande protagonismo dos acordeóns, clarinete, gaitas e percusións. Ritmos como as jotas, as muiñeiras, os pasodobres ou a rumba conviven no álbum, que se gravou o pasado verán nos estudios Edisco da Estrada. Logo do concerto de presentación na Salasón de Cangas, o pasado domingo 19, o grupo ten previstos novos recitais en Betanzos (decembro) ou Bueu (febreiro)
Todo listo en Compostela para o WOMEX máis multitudinario
Xénero:
| 15 / 10 / 2014Compostela agarda para a vindeira semana a celebración da feira de músicas do mundo máis importante a nivel internacional. Entre o 22 e o 26 de outubro WOMEX celebra a súa vixésima edición na capital galega, cunha cifra de asistentes previstos que rolda os 2.600 e bate as marcas do evento nos últimos cinco anos. Ademais dos 60 concertos a cargo de 300 artistas que se desenvolverán entre a Cidade da Cultura e diferentes espazos do casco histórico, o programa do encontro contará coa presenza de artistas galegos como Davide Salvado, Uxía e Germán Díaz.
O Festival de Pardiñas cumpre 35 anos
Xénero:
| 1 / 8 / 2014Cun obradoiro de batucada e o concurso de cantos de taberna esta tarde bota a andar a XXXV edición do Festival de Pardiñas, en Guitiriz. No entanto, será sábado e domingo cando se desenvolvan o groso das propostas deste veterano evento, con concertos a cargo de A Quenlla, os irlandeses Niamh ni Charra, Guauchos, Trapallada, Radio Cos, Electric Gozarella ou Os Diplomáticos de Monte Alto entre outros. Precisamente Os Diplomáticos realizarán unha charla sobre os vinte anos do Bravú. De xeito paralelo desenvolverase a XXI Mostra de Instrumentos de Música Tradicional e mais a XXXV Mostra de Artesanía.
Verán cultural en Ons
Xénero:
| 22 / 7 / 2014Algo acontece con Ons. Ao longo dos últimos dous meses viron a luz un libro electrónico, un documental, unha exposición e mais un disco que teñen o seu eixe nesta illa. A abundancia de propostas amosa o grande potencial cultural dunha zona ata o de agora pouco coñecida.
Os cantares de Ons reclaman o seu lugar
Xénero:
| 17 / 7 / 2014As gravacións que o antropólogo Steffan Mörlig realizou na Illa de Ons entre 1969 e 1972 vén agora a luz en formato CD. Déixademe cantar. Las canciones tradicionales de la isla de Ons é o título do volume que acaba de publicar o Colectivo Cultural Isleños e no que as gravacións orixinais de Mörlig están acompañadas dun libro con máis de cen páxinas coas transcricións e notacións dos temas recollidos. Josefa Otero e a súa familia son os intérpretes dos temas, mentres o musicólogo Bautista Delgado foi o responsable de os pasar a texto. O volume está á venda por 22 euros.
Seis grupos representarán a Galicia no Festival de Lorient
Xénero:
| 16 / 7 / 2014Óscar Ibáñez, o Cuarteto Caramuxo, o dúo Bellón & Maceiras, o grupo de baile Donaire e mais as bandas de gaitas Terra de Melide e Foula compoñen a representación galega no Festival de Lorient. O recoñecido encontro intercéltico de Bretaña celebrarase entre os vindeiros días 1 e 10 de agosto cunha edición centrada na música de raíz irlandesa. A delegación galega conta cun espazo propio en Facebook no que se dá conta das súas actividades, concertos e propostas ao longo do festival.
Elelelos amosa a tradición sonora de Bueu
Xénero:
| 8 / 7 / 2014Logo dunha exitosa campaña de crowdfunding, a Asociación Retrouso de Cela acaba de publicar, da man de Inquedanzas sonoras, o duplo álbum Elelelos. Música de tradición oral do Concello de Bueu. O proxecto inclúe dous CDs, o primeiro dos cales escolma as gravacións que a asociación realizou por diferentes parroquias do concello ao longo dos últimos quince anos. Música de gaita, filharmónica, pandeireta e canto atópanse nun total de 47 cortes. O segundo CD de Elelelos amosa 14 pezas tradicionais reinterpretadas por músicos da asociación. Logo da presentación oficial en Bueu o pasado día 27 de xuño, está prevista outra actuación o vindeiro 12 de xullo no marco do XIII Festival Retrouso.
Marful despedirase por tempo indefinido despois do verán
Xénero:
| 3 / 7 / 2014Un parón "indefinido". Así anunciaba Ugia Pedreira, a cantante de Marful, a pausa que toma este grupo logo dunha década a explorar novos vieiros para a música de raíz. A pausa por "motivos persoais", comezará logo da xira deste verán e deixa en suspenso o proxecto do novo diso da formación. Deste xeito, o grupo apunta que os concertos destes meses serán "moi especiais". A vindeira cita para o seguidores do conxunto é o vindeiro venres 4 de xullo no III Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia que se celebra en Agolada. A xira rematará o vindeiro 8 de outubro nas festas do San Froilán en Lugo. Ugia Pedreira tamén se retirará asimesmo doutros proxectos musicais, segundo asegurou nunha entrevista a La Voz de Galicia.
Xistra de Coruxo amplía fronteiras con A Charurga
Xénero:
| 5 / 6 / 2014"Mitade charanga, mitade murga" é como definen Xistra de Coruxo o seu último álbum. A Charurga presenta dezaseis temas nos que estes músicos queren revivir "aquel proceso galeguizador que os nosos antecesores fixeron con todo tipo de melodías, incluídas as de procedencia non galega, e que agora forman parte do arquivo da Asociación Gaiteiros dá Xistra". Ghotas, pasodobres, polcas ou rumbas conviven con muiñeiras, marchas procesionais, cantos de caberna e mesmo un samba. Segundo explica na presentación do traballo "son melodías e ritmos popularizados por cuartetos, murgas, charangas e mesmo por aquelas incipientes orquestras da primeira metade do século XX que neste proxecto aparecen unificadas, reharmonizadas e reinterpretadas dun xeito libre".
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos