Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Estrelas do folk galego reúnense en Rústica
Xénero:
| 3 / 2 / 2015Da man de Cristina Pato, que buscaba un reencontro coa música do país cando cumpría quince anos de carreira, naceu Rústica. O disco que presenta agora Fol Música reúne a gaiteira e pianista con Davide Salvado, Anxo Pintos e Roberto Comesaña para interpretar cancións nos que a voz, a percusión, a gaita o acordeón e a zanfona toman o protagonismo. En total, o cuarteto gravou oito temas tradicionais, varios deles acompañados de letra de autor, nos estudios vigueses Ultrasónica. O disco sae á venda o vindeiro 10 de febreiro.
Lulavai presenta Lémbrame un soño
Xénero:
| 2 / 2 / 2015Catro despois do seu primeiro traballo, o cuarteto de arpas Lulavai acaba de presentar Lémbrame un soño, o seu novo proxecto. As catro antigas compoñentes da Orquestra Sondeseu atrévense coa composición no seu segundo traballo. Sete dos dez temas que se poden escoitar no disco naceron do maxín destas músicas, mentres os outros tres son temas populares. As arpas e as voces marcan a sonoridade do traballo, que se gravou nos Estudios Ancestral de Xustáns, Pontevedra, e que está á venda da man de Inquedanzas Sonoras.
Quempallou inicia a distribución dixital do seu último disco
Xénero:
| 16 / 1 / 2015O grupo folk Quempallou iniciou a distribución do seu quinto proxecto discográfico directamente nas plataformas dixitais. Vanse realizar catro entregas, cada unha con tres temas orixinais, e cada un deles chamarase Quarteirón. Ademáis, na futura publicación en CD incluiranse revisións dos temas, unha vez pasados polo tempo da interpretación en directo. No álbum de Quempallou altérnanse os temas orixinais con outros tradicionais do oriente galego.
Novos Aires da Terra
Xénero:
| 8 / 1 / 2015O pasado 15 de decembro facíanse cen anos da disolución do que está considerado como o primeiro coro tradicional galego. Aires da Terra, nado da man do boticario Perfecto Feijóo marcou un fito fundamental no desenvolvemento da nosa música de raíz e deu pé a múltiples formacións posteriores. A conmemorar este feito, o coro volta aos escenarios. Dúas iniciativas paralelas, da man de Pablo Carpintero e de Suso Vaamonde, recuperan esta formación e reivindican o seu legado.
Morre aos 89 anos a Señora Carmen, cantareira de Malvela
Xénero:
| 5 / 1 / 2015Carmen Pérez Navazal, máis coñecida como Carmen de Campos, será soterrada hoxe ás 17 horas na Igrexa Parroquial de Sanguiñeda en Mos segundo comunican desde o perfil social do grupo Malvela. Tras unha dura vida de traballo no campo a señora Carmen debutou como cantante solista en 2007 aos 82 anos de idade conseguindo sona e boas críticas co seu disco Na flor dos meus anos (PAI Música), antes diso foi unha das integrantes do grupo folclórico Malvela, xurdido a partir dun cursiño de cantos populares dirixido pola cantante Uxía, co que tamén acadou moitos éxitos e gravou varios discos chegando a actuar a nivel internacional. A versión que con Malvela gravaron da popular canción "O pirimpimpín" foi utilizada como cabeceira da serie Padre Casares, emitida pola TVG. No seu disco en solitario estivo arroupada por colaboracións tan importantes como as de Dulce Pontes, Xosé Manuel Budiño, Uxía ou Rodrigo Romaní no eido musical e os textos do escritor Fran Alonso no libro que acompaña ao disco e no que dá conta da vida desta muller singular.
Punteiros de encontro
Xénero:
| 16 / 12 / 2014Xa que desde o comezo trascenderon as fronteiras dos instrumentos e se constituíron como un referente en todo o relativo á nosa música tradicional. A Asociación de Gaiteiros Galegos acaba de celebrar os seus primeiros 25 anos. Xaneco Tubío, secretario da entidade, explícanos a evolución e a situación actual dun colectivo fundamental para a nosa cultura.
Os cantareiros de Maghúa presentan o seu segundo traballo
Xénero:
| 9 / 12 / 2014A recuperar o material dun intenso traballo de recollida o grupo de cantareiros Maghúa lanza, da man de Inquedanzas Sonoras, o seu segundo traballo. Matria achega once novos temas nos que estes catro homes encarnan a tradición coas súas voces e percusión, con títulos como Barro de Arén, Queimadelos ou Liñares. Logo de visitar o Culturgal, o vindeiro sábado 13 o grupo visita o local coruñés A Repichoca para dar coñecer este novo traballo. O mesmo día darán a coñecer tamén o primeiro vídeo do disco.
A Asociación de Gaiteiros celebra os seus 25 anos
Xénero:
| 4 / 12 / 2014Actuacións de grupos como Leilía, Treixadura ou Os Carunchos, e de gaiteiros como Nela de Bres, Antonio de Lourenzá, Modesto e Otilio da Fonsagrada porán a ambientación sonora ao acto con que a Asociación de Gaiteiros Galegos celebra os seus 25 anos. O Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acolle o vindeiro domingo 7 de decembro o evento, que presentarán Xurxo Souto e Isabel Risco e que inclúe unha homenaxe ao actual presidente desta entidade, Santiago Caneiro Aneiros. No programa inclúese tamén un percorrido pola historia desta asociación.
Ai veñen os Tanto nos ten con Entre néboas
Xénero:
| 21 / 11 / 2014Con sete anos de traxectoria ás costas, Tanto nos ten continúa coa súa aposta pola "música tradiciona furtiva", a combinación de sons tradicionais, letras retranqueiras e compromiso coa que pretenden "converter nunha festa cada unha das nosas intervencións". Agora, chegan con Entre néboas o seu segundo traballo discográfico, no que melodías e letras tradicionais soan cun coidado acompañamento de bombo, tamboril, tamboril, gaitas, frautas, clarinete, acordeón e pandeireta. O álbum autoeditado, gravouse en directo, foi producido no estudio A Ponte. O grupo atópase en plena xira de presentación. A vindeira cita está prevista o vindeiro 29 de novembro e A Arca de Noe (Vilar de Santos), e continuará pola Casa dos Druídas de Vilaboa (6 de decembro), o Nadal Cultural de Rebordáns (Tui, 7 de decembro) e A Repichoca (A Coruña, 12 de decembro).
Pandeiromus abre con Teño días unha triloxía discográfica
Xénero:
| 14 / 11 / 2014Tres discos que verán a luz entre este mes de novembro o final de 2015 compoñen a triloxía Teño días, teño noites, coa que Pandeiromus volta, logo de varios anos, ao estudio de gravación. Temas tradicionais e versións musicadas de textos de Sechu Sende ou Xabier Picallo compoñen a nova proposta do grupo, sempre baseada nas voces masculinas e na percusión. Logo de estrear este repertorio ao longo do verán no espectáculo Verbena galega o grupo presenta mañá, en Terractiva, a feira ecolóxica de Arzúa, Teño días, primeiro volume da triloxía que inclúe os temas Teño días, Sempre Morgan, Sete cuncas e mais Unha muller e outra muller e que está á venda por cinco euros.
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos